Bacterias púrpuras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As bacterias púrpuras ou bacterias fotosintéticas púrpuras son proteobacterias que son fotótrofas, é dicir, poden realizar a fotosíntese.[1] Teñen os pigmentos bacterioclorofila a ou b, e varios tipos de carotenoides, que lles dan coloracións que van desde o púrpura, ao vermello, castaño ou laranxa. Non corresponden a un grupo taxonómico, senón a un tipo de bacteria fotosintética, xa que hai dous grupos de bacterias púrpura: púrpuras do xofre e púrpuras non do xofre, nos cales tamén hai heteroxeneidade.

Metabolismo[editar | editar a fonte]

A absorción de enerxía da luz da fotosíntese ten lugar nestas bacterias en centros de reacción da membrana plasmática, que forma pregamentos cara ao interior da célula para formar sacos, tubos, ou láminas, o que incrementa moito a área superficial dispoñible.

Como moitas outras bacterias fotosintéticas (excepto as cianobacterias), as bacterias púrpuras non producen oxíxeno, porque o doante de electróns utilizado na súa fotosíntese non é a auga (da cal procede o oxixeno). Nalgunhas delas, chamadas bacterias púrpuras do xofre, este doante é o sulfuro ou o xofre elemental. No outro grupo de bacterias púrpuras, chamadas bacterias púrpuras non do xofre, úsase tipicamente o hidróxeno como doante, aínda que algunhas poden usar en pequenas cantidades outros compostos. Anteriormente estes grupos eran considerados familias, paro as árbores filoxenéticas feitas comparando os seus ARN indicaron que as bacterias púrpuras fotosintéticas están formadas en realidade por varios grupos separados, e cada un deles está máis emparentado pola súa conta con outras proteobacterias non fotosintéticas que co resto das bacterias púrpuras.

Historia[editar | editar a fonte]

As bacterias púrpura foron as primeiras bacterias nas que se descubriu a fotosíntese anoxixénica, que non desprende oxíxeno como subproduto, senón outra substancia, xeralmente o xofre. Isto probouse ao establecer por primeira vez a reacción das bacterias a diferentes concentracións de oxíxeno. O resultado foi que as bacterias se movían rapidamente afastándose mesmo de trazas mínimas de oxíxeno. Despois, tomouse unha placa de bacterias e enfocouse unha luz nunha parte da placa deixando o resto escuro. Como as bacterias non podían sobrevivir sen luz, todas se moveron á zona iluminada, que quedou ateigada de células. Se o subproduto da fotosíntese destas bacterias era o oxíxeno, as distancias entre elas terían que facerse cada vez maiores a medida que se producía máis oxíxeno. Pero debido ao comportamento das bacterias baixo a luz, concluíuse que o subproduto fotosintético non podía ser o oxíxeno.

Evolución[editar | editar a fonte]

Teorizouse que algunhas bacterias púrpuras están relacionadas coas mitocondrias e hidroxenosomas, que se orixinaron como bacterias simbióticas de eucariotas que se acabaron por converter en orgánulos celulares. As comparacións das súas estruturas proteicas indican que hai entre elas e as mitocondrias un antepasado común.[2]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

As bacterias púrpuras non do xofre encóntranse entre as Alphaproteobacteria e Betaproteobacteria, e comprenden os seguintes grupos:

Rhodospirillales
     Rhodospirillaceae por exemplo Rhodospirillum
     Acetobacteraceae por exemplo Rhodopila
Rhizobiales
     Bradyrhizobiaceae por exemplo Rhodopseudomonas palustris
     Hyphomicrobiaceae por exemplo Rhodomicrobium
     Rhodobiaceae por exemplo Rhodobium
Outras familias
     Rhodobacteraceae por exemplo Rhodobacter
     Rhodocyclaceae por exemplo Rhodocyclus
     Comamonadaceae por exemplo Rhodoferax

As bacterias púrpuras do xofre están incluídas nas Gammaproteobacteria, e forman a orde das Chromatiales, pero nesa orde desde a década do 2000 incluíronse dous xéneros, Halothiobacillus e Granulosicoccus, que non son fotosintéticos. A semellanza entre a maquinaria fotosintética destas diferentes liñaxes indica que teñen unha orixe común, debido a que teñen un devanceiro común ou a que se produciu unha transferencia lateral de xenes.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. D.A. Bryant & N.-U. Frigaard (November 2006). "Prokaryotic photosynthesis and phototrophy illuminated". Trends Microbiol. 14 (11): 488. DOI:10.1016/j.tim.2006.09.001. PMID 16997562. 
  2. E T Bui, P J Bradley, and P J Johnson . A common evolutionary origin for mitochondria and hydrogenosomes. PNAS. [1]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]