Arando

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arandos.

O arando ou uva de monte[1] é o froito das arandeiras, plantas do xénero Vaccinium. É unha baga pequena negro azulada ou vermella nalgunhas especies (arando vermello). Tradicionalmente non foi un froito cultivado comercialmente a grande escala, adoitaba apañarse das arandeiras bravas para ser consumido en fresco ou ben para confeitaría, para preparar zumes, marmeladas ou dar cor aos viños, sobre todo en Escandinavia e Polonia. Hoxe en día o seu consumo está a medrar polo que van sendo comúns as plantacións profesionais de arandeiras. Ás veces recibe o nome culto de mirtilo.

Utilízase tamén como planta medicinal, de maneira que o arando conservado en augardente emprégase para aliviar as dores de estómago.

En Galiza consumíase no pasado especialmente nas montañas de Lugo e Ourense, onde medran as arandeiras da especie Vaccinium myrtillus[2]. Hoxe en día comeza a se popularizar o seu consumo coma froito do bosque polo seu sabor e as súas propiedades saudábeis.

O arando na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

As arandeiras abundan nas provincias de Lugo e Ourense. Os primeiros dicionarios etnográficos de galegos falan delas, e do costume dos aldeáns de comer as bagas. Martín Sarmiento escribía: É unha planta fortiña que medra un pé e ten as follas recortadas e da figura da folla do buxo. No remate bota uns baguiños negros que comen os rapaces pastores ,etc. Na mariña non hai esa planta. A uva de oso ('gayuba'- "Arctostaphylos uva-ursi"); ou vén ser unha planta rastreira, como especie de arando, mais que ten os bagos encarnados e as follas máis grandes e semellantes ás do érbedo. É evidente que no Seixo hai arandos e para min é certo que onde hai arandos hai uvas de oso, polo común.[3]

Ditos[editar | editar a fonte]

  • Non vale un arando, din por Vilalba e Mondoñedo cando algo ten pouco valor[4].
  • Si, ho, vouche dar arandos da Serra Seca!, din na Gudiña, cando un neno colle berrinche por algo imposíbel[5].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. E. Losada, J. Castro e E. Niño, danlle o nome vulgar de uva do monte na súa obra Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, 1992, Xunta de Galicia
  2. http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=Arando&tipo_busca=lema
  3. Tradución do texto do castelán ao galego, de Martín Sarmiento (1732-1770): Epistolario do P. Sarmiento, ed. de Xosé Filgueira Valverde e Mª Xesús Fortes Alén, Consello da Cultura Galega, Santiago,1995.
  4. Eugenio Reguera y Pardiñas (1840-1858): Traducción de algunas voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de agricultura, al castellano, ed. de J. L. Pensado (Cadernos de Lingua, RAG, 1995)
  5. Eligio Rivas Quintas (2001): Frampas, contribución al diccionario gallego a través de Dicionario de Dicionarios da Universidade de Santiago de Compostela

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Vaccinium corymbosum

Outros artigos[editar | editar a fonte]