Alto do Forriolo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lois Antón Pérez depositando flores no monumento aos represaliados no Alto do Furriolo.

Coordenadas: 42°06′51″N 7°53′11″O / 42.114222222222, -7.8865

O Alto do Forriolo[1] é un cumio galego situado a 858 metros de altitude no límite entre as parroquias de San Martiño de Berredo (A Bola) e Lampaza (Rairiz de Veiga). Recibe o seu nome da aldea do Forriolo.

Situación[editar | editar a fonte]

Está situado ao pé da estrada que une Celanova e Xinzo de Limia (actual OU-531). É unha zona de pequenas aldeas e escasa poboación. É un monte aberto e redondeado con vista sobre outros cumes, pequenos campos cultivados e monte baixo[2].

Represión franquista[editar | editar a fonte]

Ao comezo da Guerra Civil, nos primeiros meses da represión, os condenados a pena de morte que se atopaban na prisión central de Celanova eran trasladados nesa dirección en camión para o posterior paseo[3]. Non hai un único punto onde se levaron a cabo as execucións, estas íanse facendo ao longo da estrada[4]. Non se trata por tanto dunha foxa, senón dunha área máis ou menos definida no antigo trazado da estrada de Celanova a Xinzo de Limia.

Domingo Rodríguez Teijeiro, historiador especialista na prisión central albergada no mosteiro de Celanova, afirma que[5]:

O fenómeno carcerario abranguía moito máis que os propios presos, ata o punto de facer que a totalidade do país se convertese nunha inmensa cadea... pois quen estivese en liberdade, non tiña seguridade de non ser encadeado, dada a irregularidade e arbitrariedade con que as leis franquistas permitían actuar aos falanxistas ou á propia policía política.

Resulta imposible saber con certeza o número de cadáveres que repousan nos arredores, aínda que son moitos os testemuños orais que falan da existencia de auténticas foxas comúns (cfr. por exemplo, A Nosa Terra, 26-VIII-1998 con relación á recuperación do cadáver de Celso Pérez Enríquez [páxina 42]), e mesmo testemuñas directas que acudían a ver os seus familiares presos que aseguran ter visto moreas de mortos polas gabias das estradas que conducían ó convento.[6]. Nos rexistros civís non chegan a trinta as vítimas escritas, e non todas documentadas no Furriolo; e nos libros de defuncións da parroquia de Sorga, na Bola, onde deberían figurar boa parte dos mortos, nin sequera aparecen recollidos todos os inscritos no xulgado municipal. Unha cantidade realmente inferior á que ofrecen os propios veciños da zona, que vén confirmar as deficiencias destas fontes documentais[7]

Elixio Rodríguez, na súa obra Matádeo mañá[8], sostén que cada día chegaban a Celanova entre dez e quince detidos, pero que a poboación reclusa mantíñase estable porque cada noite eran paseados outros tantos mediante unha orde de liberdade “expedida polo goberno militar que os falanxistas se encargaban de converter en pena de morte”.

Neste senso resulta ilustrativa unha anécdota que lle contara José Meixengo, o exalcalde da Arnoia[9], ó autor: un dos presos solicitou que lle desen máis garavanzos na cea porque os consideraba moi escasos, sendo inmediatamente compracido por un oficial que lle dixo: “Repite cantas veces queiras, que son os últimos que has comer, e ademais, non has ter tempo de os dixerir”.[6]

O 18 de agosto de 1936 foron asasinados alí Eduardo Villot Canal e Celso Pérez Enríquez, logo de seren sacados da prisión do mosteiro de Celanova[10][11][12], consta ademais a morte doutras sete persoas sen identificar[2].

Neste lugar consta a execución de Modesto López Teijeiro[13], que participou noutras iniciativas como a recuperación do Ateneo de Ourense formando parte do seu comité organizador e da súa secretaría. Fixo tamén parte da comisión directiva do Sindicato de banca, órgano que se consideraba vencellado ao sindicato UXT, aínda que, cando o deteñen, as acusacións que se lle formulan son as de ser comunista e membro responsable do aparato de propaganda do Sindicato da banca. Ademais tamén o acusan de elemento perigoso pola súa intelixencia e a capacidade de influír coas súas opinións sobre as masas[14]. Foi detido no cuarto onde residía o 30 de xullo de 1936, pasou á cadea e logo dunha “saca” apareceu na gabia da estrada de Xinzo a Celanova, nas proximidades de Lampaza, preto do temido Furriolo, o día 27 de setembro de 1937. Alí foi soterrado.

Homenaxes e recoñecementos póstumos[editar | editar a fonte]

Neste mesmo sitio o 27 de agosto do ano 2006 realizouse un acto conmemorativo ás vítimas e erixiuse un mural realizado polo artista Xosé Vizoso que representa os fusilamentos alí acometidos. Tamén tivo lugar un recital poético-musical "Volverlles a Palabra.Homenaxe aos represaliados do franquismo", leuse un poema titulado "Furriolo" de Xoán Carlos Domínguez Alberte en homenaxe aos represaliados. Devanditas homenaxes repetíronse con máis ou menos frecuencia sendo o sitio un lugar de recordo das vítimas da represión[15]. O mural está considerado como o Gernika Galego.[16][17]

Nunha placa lateral do propio mural podemos ler[2]:

Este mural de O Furriolo en homenaxe ás vítimas da represión franquista feito por Xosé Vizoso e promovido pola Asociación Arraianos inaugurouse en agosto do 2006

O mural foi restaurado en varias ocasións, a primeira no ano 2014 e recentemente en setembro do ano 2021 polo propio Xosé Vizoso.[18]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Instituto Geográfico Nacional (2002): Mapa Topográfico Nacional de España 1:25.000, 263-III.
  2. 2,0 2,1 2,2 Casado-Neira, David (22/10/2020). "¿Y aquí pasó algo? La banalidad de los lugares de muerte de la represión franquista". Athenea Digital. ISSN 1578-8946. 
  3. Del Caño, Xosé Manuel (2005). Antonio Tovar. Conversas cun vello revoltallo. Galaxia. p. 49. ISBN 84-8288-806-4. 
  4. Prada Rodríguez, Julio (2011). Geografía de la represión franquista en Galicia. Catarata. ISBN 978-8483196489. 
  5. Rodríguez Teijeiro, Domingo (1999). Longa noite de pedra no Mosteiro de San Salvador. Represión e reclusión en Celanova (1936-1943). Vía Láctea. ISBN 84-89444-57-9. 
  6. 6,0 6,1 Prada, Julio (19/12/2020). "Levárono o Furriolo e non se volveu saber del". Memoria de Celanova. Consultado o 21/09/2021. 
  7. Prada, Julio (2005). "Represión e resistencia antifranquista - O Furriolo, un dos lugares paradigmáticos da represión galega". Arraianos (3): 38–41. ISSN 1698-9953. 
  8. Rodríguez, Elixio (2008). Matádeo Mañá. Xerais. ISBN 9788497824392. 
  9. Simón - Lorda, Simón (2010). Médicos Ourensanos Represaliados en la Guerra Civil y en la Posguerra. Historias de la "longa noite de pedra". Tórculo. ISBN 978-84-937546-8-6. 
  10. Méndez Ferrín, X. L. (1 de setembro de 2006). "No Furriolo (1)". Faro de Vigo. 
  11. Méndez Ferrín, X. L. (4 de setembro de 2006). "No Furriolo (2)". Faro de Vigo. 
  12. Cid Fernández, Xosé Manuel (2017). "A represión franquista en Ourense. Novos argumentos contra a desmemoria da persecución sufrida polo maxisterio". Sarmiento (21): 73–99. ISSN 1138-5863. 
  13. Fariña Busto, Francisco (2018). "Revista dos socios e socias do Museo do Pobo Galego - Modesto López Teijeiro". Adra (13). ISSN 1886-2292. 
  14. Prada, Xulio (2004). Ourense 1936-1939. Alzamiento, guerra e represión. Do Castro. p. 107. ISBN 84-8485-157-5. 
  15. "Memoria viva en O Furriolo". Faro de Vigo. 29/09/2014. Consultado o 20/09/2021. 
  16. "Aser Álvarez: "Vizoso é un artista que coa súa traxectoria nos fai entender o deseño na Galiza do século XX"". Nós Diario. 
  17. "Un «Gernika» en tierras de Celanova". 27/08/2006. Consultado o 20/09/2021. 
  18. Fernández, Laura (15/09/2021). "El mural de O Furriolo recupera su esplendor". La Región. Consultado o 20/09/2021.