Aldwych

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 51°30′48″N 0°07′04″O / 51.51325, -0.11763888888889

Vista da rúa en maio de 2011.

Aldwych (pronunciado no inglés /ˈɔːldwɪtʃ/) é o nome que recibe tanto unha rúa de sentido único como a súa zona circundante, na cidade de Westminster en Londres. Esta pequena rúa está situada 1 km ao nordeste de Charing Cross e forma parte da estrada A4 que vai dende Londres a Avonmouth, Bristol.

A área de Aldwych pertence ao Distrito de Mellora Empresarial de Northbank, coñecido por albergar diversos lugares de interese e por darlle nome a unha estación de metro, fóra de servizo, nas inmediacións. Esta, ademais, empregouse en multitude de filmes e programas de televisión como lugar de rodaxe.

Características[editar | editar a fonte]

Aldwych, que ten forma de media lúa, conecta directamente con The Strand. Ao mesmo tempo, entre as travesías adxacentes a ela atópanse Drury Lane, Kingsway, India Place e Melbourne Place. Canto aos seus edificios, os máis destacados son:

  • India House, a Alta Comisión da India en Londres.
  • Australia House, a Alta Comisión de Australia en Londres.
  • O hotel Waldorf Hilton, Londres, aberto en 1908
  • O Aldwych Theatre e o Novello Theatre, ambos os dous abertos en 1905
  • O Gaiety Theatre, inaugurado en 1864 e clausurado en 1939
  • Bush House, sede central do Servizo Mundial da BBC (1941-2012) e actualmente parte do Strand Campus do King's College de Londres.
  • Television House, antiga sede da ITN.
  • Connaught House, Columbia House, Aldwych House e Clement House, edificios da London School of Economics and Political Science.

Historia[editar | editar a fonte]

No século VII fundouse unha vila anglosaxoa e centro de comercio chamada Ludenwic (cidade comercial de Londres), a case 2 km ao oeste de Londinium, o que hoxe en día é Aldwych. O máis probable é que os buques mercantes e barcos pesqueiros empregasen a foz do río Fleet como ancoradoiro. A finais do século IX, Alfredo o Grande reconstrúe a Muralla de Londres, e o que era o antigo asentamento romano coñecido como Londinium pasou a chamarse Lundenburh, marcando o comezo da historia da actual capital inglesa. Lundenwic ficou practicamente abandonada tras o desprazamento da poboación cara ao interior da muralla, e comezou a coñecerse como Ealdwic, co significado de “antiga aldea” ou “antigo mercado”. O seu nome definitivo quedou documentado como Aldwych en 1211.

Lundewic redescubriuse nos anos 80 como resultado de amplas escavacións, determinando que os xacementos atopados terían carácter urbano. Os arqueólogos Alan Vince e Martin Biddle chegaron, por separado, á mesma conclusión, o que axudaría a confirmar ditos resultados. Posteriormente, exploracións na área Covent Garden destaparon outro asentamento anglosaxón que abrangue preto de 600.000 m² cubrindo a distancia entre a actual National Gallery (oeste), ata Aldwych (leste).

A actual rúa creouse durante unha remodelación a comezos do século XX, na cal tivo lugar a demolición da antiga Wych Street, a construción da Australia House (1913-1918) e a Bush House (1925). Por último, erixiuse unha estatua de William Ewart Gladstone, primeiro ministro británico do século XIX, preto da igrexa de St. Clement Danes, no extremo leste de Aldwych.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]