800beloved

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
800beloved
OrixeMilford, Detroit, Míchigan, Estados Unidos
Período2005 - presente
Xénero(s)post-punk revival, shoegaze, indie rock, dream pop
Selo(s) discográfico(s)Moodgadget (2008-2010)
MembrosSean Lynch
Anastasiya Metesheva
Ben Collins
Antigos membrosScott Masson
Jonathan Elkas
Eric Wilson
Selena Sunday
Courtney Marie
Nicole Kosiba
Allen Goodman
Na rede
Web

800beloved é unha banda estadounidense de post-punk formada na pequena poboación de Milford, moi preto de Detroit (Míchigan) no ano 2005. Está formada principalmente por Sean Lynch, multi-instrumentista e cantante, quen en cada traballo acada a colaboración doutros músicos que eventualmente intégrana. Actualmente figuran nela ademais de Lynch (guitarra eléctrica e voz), Anastasiya Metesheva (baixo) e Ben Collins (batería).

Historia[editar | editar a fonte]

800beloved está liderado polo seu letrista e cantante Sean Lynch, que traballa como cosmetólogo e asistente na funeraria do seu pai, Thomas Lynch, á súa vez recoñecido poeta e ensaísta[1]. Moi novo, Lynch publicou en 2001 un traballo titulado 88 Tracks to Take, que serviría de ensaio para a futura formación 800beloved. Ademais, produciu no 2008 o EP The Equine Lips do dúo de Detroit Silverghost no estudio da súa propia casa[2].

O nome do grupo procede do prefixo de números de chamadas gratuítas no seu país, os 1-800. Refírese á fusión do interese na fraxilidade da cultura popular (representado pola partícula 800) co emprego lírico que ás veces, inxenuamente e de xeito sombrío, se fai de temas máis sagrados (ao que alude o termo beloved, ou "amado").

O seu primeiro traballo, autoproducido, foi o sinxelo Tidal, que se presentou o 8 de decembro de 2007 con catro versións do mesmo tema[3]. Neste traballo contou coa colaboración de Anastasiya Metesheva (baixo), Scott Masson e Jon Elkas (guitarra eléctrica]). A propia Metesheva encargouse do deseño da portada.

En 2008 asinou un contrato co selo Moodgadget, e ao seguinte ano presentou no día dos namorados o seu álbum de debut, Bouquet[4], no que levaba traballando desde o 2005. Contou con once temas nos que colaboraron en diferentes cancións os músicos Anastasiya Metesheva (baixo), Selena Sunday (coros) e Jon Elkas (guitarra eléctrica), tendo a axuda do anxelino Adam E. Hunt na produción e de Tim Pak na masterización.

Dous anos despois, publicou o 23 de febreiro de 2010 de xeito gratuíto na rede o sinxelo instrumental If Butterflies Never Burned - Stomach Mix[5]. Este tema incluíuse no seu segundo álbum que baixo o título Everything Purple[6] presentouse o 18 de setembro, cun total de nove temas. Neste traballo colaboraron na música e nos arranxos de novo tanto Metesheva como Masson, quen tamén foi o co-produtor con Lynch. Tamén neste caso Hunt colaborou na mestura e masterización. Pouco despois, Lynch rompeu con Moodgadget[7].

O 9 de abril de 2014 presentouse o sinxelo Some Kind of Distortion[8], tema principal do seu terceiro longa duración, que foi presentado o 3 de agosto de 2015 co homónimo título Some Kind of Distortion[9], e cun total de oito temas. Foi co-producido por Scott Masson e o propio Lynch.

Discografía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 800beloved Arquivado 17 de novembro de 2015 en Wayback Machine., artigo do 2009 de Dr. Detroit, en Motorcityrocks.com (en inglés).
  2. Silverghost Arquivado 17 de novembro de 2015 en Wayback Machine., en Detroitunderground.com (en inglés).
  3. Tidal en Bandcamp (en inglés).
  4. Bouquet en Bandcamp (en inglés).
  5. If Butterflies Never Burned - Stomach Mix (sinxelo) en Bandcamp Arquivado 17 de novembro de 2015 en Wayback Machine. (en inglés).
  6. Everything Purple en Bandcamp Arquivado 17 de novembro de 2015 en Wayback Machine. (en inglés).
  7. PLAYING DETROIT: 800beloved, artigo de Jerilyn Jordan en Audiofemme, do 2-9-2015 (en inglés).
  8. Some Kind of Distortion (single) en Bandcamp Arquivado 17 de novembro de 2015 en Wayback Machine. (en inglés).
  9. Some Kind of Distortion en Bandcamp (en inglés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]