24 (serie de televisión)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

24 é unha serie de televisión estadounidense creada por Robert Cochran (guionista de Falcon Crest e un dos creadores de La Femme Nikita) e Joel Surnow (guionista de Miami Vice e un dos creadores de La Femme Nikita), e producida por Imagine Television que comezou a emitirse pola Fox o 6 de novembro de 2001. Constitúe a segunda serie de espionaxe con máis episodios despois de Mission:Impossible e por duración da súa emisión tras The Avengers.

24 presenta a novidade de presentar a acción en tempo real, en cada tempada os 24 episodios representan un período de 24 horas na vida de Jack Bauer, axente federal da Counter Terrorist Unit (CTU) nos Ánxeles na súa loita contra terroristas que poñen en perigo os Estados Unidos, así como as accións doutros axentes, oficiais do goberno e terroristas asociados co argumento. As primeiras seis tempadas localizáronse nos Ánxeles e na súa zona de influencia en California, amais de Washington, D.C., onde se localiza principalmente a sétima tempada. A oitava ten lugar en Nova York.

Cada episodio dura 43 minutos que cos 17 minutos de publicidade na súa emisión orixinal conforman os sesenta minutos de acción real de cada episodio. Despois de que Kiefer Sutherland, o protagonista, gañara un Globo de Ouro pola súa interpretación nos dez primeiros capítulos, os índices da serie aumentaron e a Fox ordenou filmar o resto da serie, que se converteu nun éxito de pública e crítica tanto nos Estados Unidos como internacionalmente gañando varios premios Emmy. Debido á folga de guionistas de 2007-2008 a sétima tempada que tiña que comezar en xaneiro de 2008 pospúxose ata xaneiro do ano seguinte, e entrementres realizouse un filme para televisión titulado 24: Redemption, que se emitiu o 23 de novembro de 2008.