Dúbida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A dúbida constitúe un estado de incerteza e un límite da confianza ou a crenza. Pode proxectarse nos campos da decisión e a acción, ou afectar unicamente á crenza e á fe. Se o antecede unha "verdade" convencionalmente aceptada, a dúbida implica desafiar esta.

Características[editar | editar a fonte]

En filosofía, a dúbida cartesiana equivale á suspensión do xuízo (epoghé) que trataban de provocar, cos seus numerosos e a miúdo sensatos argumentos, os escépticos antigos (Pirronismo).

Os argumentos escépticos que enfronta Descartes parecen estrambóticos, vistos dende a vida cotiá e o sentido común. Pero Descartes non semella confundir o conxunto de crenzas e conviccións que ás claras parecen indispensables para orientarnos na práctica, cos criterios da investigación filosófica. Isto pode apreciarse na distinción que establece Descartes, entre as Regras do Método[1] e as Regras da "moral provisional"[2].

A investigación, que é unha tarefa práctica e desenvólvese no ámbito xeral da vida, ten o propósito de servir a esta, pero sería insensato esperalo antes de que ela mesma alcance algúns resultados razoablemente confiables. Entre tanto, para desenvolverse, a investigación consiste en someter a exame unha porción moi grande do que chamamos "sentido común", incluíndo aquí moitas ideas conforme ás cales (todo semella indicalo) habemos de vivir mentres a investigación mesma se desenvolva. Pero non se trata de interromper a práctica e a vida para permitir a investigación, así como tampouco de facer pasar como "resultados", unhas poucas modas intelectuais (a doutrina da seita onde nos educamos, ou calquera outro produto da confusión). O proxecto cartesiano foi o de examinar esas ideas, entre outras, en busca de fundamentos filosoficamente válidos.

Os argumentos escépticos (encamiñados a introducir dúbidas) que Descartes considera nas Meditacións Metafísicas, foron tomados na súa totalidade de Platón (Cratilo e Teetetes). Estes argumentos constitúen un instrumento de investigación, e en primeiro lugar deben avaliarse conforme a se son ou non intelixibles, e se unha vez aceptados, serían en principio susceptibles de discutirse (pois do contrario, serían incompatibles coa actividade de investigación). Se ambas as condicións se cumpren, os argumentos son útiles á empresa filosófica en opinión de Descartes (precisamente como instrumentos de investigación). Para máis tarde, dentro da investigación cartesiana, quedaría xulgar se realmente non temos razón ningunha que permita descartalos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Discurso, 2
  2. Discurso, 3

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]