Xosé (fillo de Xacob)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xosé
Bourgeois Joseph recognized by his brothers.jpg
Nacemento1562 a. C.
 Haran
Falecemento1452 a. C.
 Exipto
SoterradoJoseph's Tomb
RelixiónMonoteísmo
Ocupaciónlíder religioso
PaiXacob
NaiRaquel
CónxuxeAzenate
FillosManassés e Efraim
IrmánsDiná, Naftali, Simeão, Levi, Judá, Benjamim, Dã, Zebulom, Issacar, Gade, Aser e Rúben
editar datos en Wikidata ]
Este artigo trata sobre o personaxe do Antigo Testamento, para o pai terrenal de Xesús Cristo véxase: Xosé de Nazaret.
O faraón de Exipto dállela benvida a Xosé e mailos hebreos (acuarela de James Tissot).

Xosé, nado en Canaán aprox. século XIV a.E.C. e finado en Exipto no século XIII a.E.C.,[1] foi un dos doce fillos de Xacob segundo o relato bíblico do libro da Xénese (Xene. 35:22). Foi o fillo preferido de seu pai e seus irmáns envexábano por isto. A súa nai foi Raquel. Logo de acoller a todo Israel, e a través de seus fillos Efraín e Manasés, a casa de Xosé constituíu unha das doce Tribos de Israel e chegou a posuír un territorio relativamente extenso.

Venérase no Xudaísmo, no Cristianismo e no Islam.

Libro da Xénese[editar | editar a fonte]

Diego Velázquez, A túnica de Xosé. 1630. (Mosteiro del Escorial, Madrid).

Xosé (ou Iosef, en hebraico) foi o undécimo fillo dos doce que tivo Xacob e foi á súa vez devanceiro de Efraín e Manasés. A nai de Xosé foi Raquel. Xacob amábao máis ca os seus outros fillos e iso produciu a envexa de seus irmáns. Xosé tiña á súa vez soños nos que aparecía alzado por riba destes e predicindo o que ía suceder no futuro. Por ser o favorito e quen Xacob quería que fose o seu sucesor, o terzo patriarca hebraico elaboroulle unha túnica de cores que o distinguía, feito que amolou aínda máis a seus irmáns, que buscaron logo unha ocasión para se vingaren. Un día seus irmáns levaron aos seus animais a pacer nun lugar afastado das súas tendas. Ao pasar o tempo e ver que non regresaban, Xacob enviou a Xosé na súa procura e verificar que se atopaban ben. Os seus irmáns, ao ver de lonxe que viña Xosé, planearon matalo. Roibén, o máis vello, tentou convencelos de que non era boa idea. Pero cando Xosé chegou guindárono nun pozo de auga baleira e tivérono atrapado até decidir que facer con el. Ao día seguinte pasou por ese lugar unha caravana de mercadores que se dirixían cara Exipto e os irmáns de Xosé vendérono como escravo. De regreso con Xacob, mentiron ao patriarca dicindo que só atoparan a túnica de Xosé, a cal enchouparon en sangue de año para lle faceren crer a Xacob que fora atacado por un lobo, besta que supostamente o matou. Xacob chorou a morte do seu querido fillo desconsoladamente. Así foi como Xosé partiu de Canaán para chegar despois a Exipto.

Vida en Exipto[editar | editar a fonte]

Antonio María Esquivel, Xosé e a dona de Potifar, 1854. (Museo de Belas Artes de Sevilla).

Alí foi vendido e levado á casa de Potifar. Este, ao ver que Xosé sabía ler e manexaba os números (que seu pai lle aprendera), confioulle a administración da súa casa e converteuse na man dereita de Potifar. Na xeira coma escravo traballaba arreo e sempre confiando en que Deus algún día devolveríao á súa terra con seus pais e seus irmáns. Co traballo de escravo Xosé converteuse nun mozo rexo, e a dona de Potifar, que quedaba na casa cando este saía, fixouse nel e tentou seducilo.

Un día chamou a Xosé ao seu cuarto e tratou ter relacións con el, mais el resistiuse, lembrando os ensinos de rectitude que o seu pai sempre lle aprendera, ademais de ser consciente de que sería unha falta ante Deus e saíu do cuarto deixando nas mans da señora o seu manto. Ao non lograr o seu obxectivo, e sabendo que Xosé podería denunciar o seu adulterio, a dona de Potifar acusouno de tentar aproveitarse dela, mostrando o seu manto como proba. Potifar dubidou disto, pois coñecía a Xosé e sabía que era incapaz disto, mais doutra banda a súa esposa insistía moito en que o matase, así que Potifar decide enviar a Xosé ao cárcere.

Interpretación dos soños do copeiro e do panadeiro[editar | editar a fonte]

No cárcere Xosé atopouse co copeiro e o panadeiro do Faraón, quen foron parar alí acusados de roubar unha copa de ouro pertencente ao Faraón. Ambos os dous tiveran soños misteriosos, e Xosé pediulles que llos contasen porque el podía descifrar que significaban.

O copeiro contoulle: "Soñei que tiña ante min unha vide con tres bacelos, que estaban como botando gomos, rubían e floreaban e madurecían os seus acios. Tiña nas miñas mans a copa do faraón, e tomando os acios, espremíaos na copa do faraón e púxena nas súas mans". Xosé respondeulle que os tres bacelos representaban tres días, e que ao cabo dese tempo o copeiro sería declarado inocente e volvería servir o Faraón. Xosé pediulle ademais ao copeiro que lle falase del ao faraón para que fose liberado e puidese volver á súa patria.

Vendo o panadeiro que Xosé dera unha resposta favorábel ao copeiro, pediulle que tamén lle interpretase o seu soño e díxolle: "No meu soño vou camiñando con tres queipos cheos de pan branco. No queipo de riba había toda clase de bolos dos que fan para o Faraón os reposteiros, e as aves comíanllas do queipo que levaba sobre a miña testa". Xosé contestou que os tres queipos simbolizaban tres días, ao cabo dos cales o Faraón decapitaría ao panadeiro, penduraríao dunha árbore e os paxaros picarían o seu corpo.

Todo cumpriuse segundo o predito por Xosé: ao terceiro día, que era o do aniversario do Faraón, deu este un banquete a todos os seus servidores; lembrouse logo do copeiro e do panadeiro, e decidiu restablecer ao primeiro no seu posto e condenar á morte ao segundo. Con todo, ao verse ceibo, o copeiro esqueceuse de Xosé.

Interpretación dos soños de Faraón[editar | editar a fonte]

Biblia de Alba, manuscrito miniado sefardí, biblia hebraica traducida ao romance, 1422-1433, fol. 49r: Xosé interpreta os soños de Faraón en Exipto. Inscrición: "Figura de Xosep coa súa roquete labrado a escaques".
JXsé—Supervisor de Celeiros do Faraón, óleo, 1873 (L. Alma Tadema).
Tissot, Xosé reside en Exipto, acuarela decimonónica de James-Jacques Tissot. Museo Xudeu de Nova York.

Ao cabo de dous anos, o Faraón soñou que se atopaba na beira do Nilo, e da auga saían sete vacas grosas e fermosas que se puxeron a pacer na beira, mais entón saíron da auga outras sete vacas, laidas e fracas, que devoraron as primeiras. O Faraón acordou, e ao volverse durmirsoñou que dunha cana de trigo agromaban sete espigas vizosas e cheas de gran, pero tras delas agromaban outras sete espigas, baleiras e queimadas polo vento do deserto, que devoraron ás primeiras. Ao día seguinte, o Faraón atopábase nervioso e atormentado polos seus soños, porén por máis que preguntaba aos seus adiviños e a todos os sabios do Exipto, ningún sabía como interpretalos.

O copeiro lembrouse entón de Xosé (cando se atopaba na cadea) e contoulle a Faraón o ocorrido no cárcere. Así pois, o Faraón mandou chamar a Xosé á súa presenza. Cando sacaron a este do cárcere, cortáronlle o pelo e déronlle roupas novas antes de presentarse perante o Faraón. Este díxolle: "Tiven un soño e non hai quen mo interprete, e ouvín falar de ti, que en canto ouves un soño interprétalo". Xosé respondeu á súa vez: "Non eu; Deus será o que dea unha resposta favorábel ao Faraón". O Faraón dixo entón a Xosé: "Este é o meu soño: estaba eu na ribeira do río, e vin subir do río sete vacas gordas e fermosas, que se puxeron a pacer no mato da beira, e velaquí que trás delas soben outras sete vacas, más, laidas e fracas, como non as vin de más en toda a terra de Exipto, e as vacas febles e feas coméronse as primeiras sete vacas gordas, que entraron no seu ventre sen que se coñecese que entrara, pois o aspecto daquelas seguiu sendo tan mao como ao principio. E acordei. Vin tamén en soños que saían dunha mesma cana sete espigas selectas e fermosas, e que saían despois delas sete espigas más, secas e queimadas do vento, e as sete espigas secas devoraron as sete vizosas. Conteillo aos adiviños, e non houbo quen mo explique".

Xosé dixo ao Faraón: "O soño do Faraón é un só. Deus deu a coñecer ao Faraón o que vai facer. As sete vacas fermosas son sete anos, e as sete espigas fermosas son sete anos de riqueza e abundancia. As sete vacas fracas e más que subían detrás das outras son outros sete anos, e as sete espigas secas e queimadas do vento son sete anos de fame. É o que dixen ao Faraón, que Deus mostroulle o que fará. Virán sete anos de grande abundancia en toda a terra de Exipto, e detrás deles virán sete anos de escaseza, que farán que se esqueza toda a abundancia na terra de Exipto, e a fame consumirá a terra. Non se coñecerá a abundancia na terra por mor da escaseza, porque esta será moi grande. Canto á repetición do soño ao Faraón por dúas veces, é que o suceso está firmemente decretado por Deus e que Deus se apresurará a facelo. Agora, pois, procure o Faraón un home intelixente e sabio, e póñao á fronte da terra de Exipto. Nomee o Faraón intendentes, que visiten a terra e recollan o quinto da colleita da terra de Exipto nos anos de abundancia; reúnan o produto dos anos bos que van vir, e fagan provisión de trigo a disposición do Faraón, para mantemento das cidades, e consérveno para que sirva á terra de reserva para o sete anos de fame que virán sobre Exipto, e non pereza de fame a terra".

Todos pareceron conformes coas palabras de Xosé, e o propio Faraón, impresionado por iso, dixo: "Ti serás quen goberne a miña casa, e todo o meu pobo obedecerache; só polo trono serei maior que ti". Devandito isto, o Faraón tirou o seu anel e púxollo a Xosé, mandou que o vestisen con roupas brancas de liño, puxo no seu pescozo un colar de ouro e ordenou que, cando Xosé montase sobre o segundo dos carros do Faraón, berrasen ante el a expresión de reverencia Abrek e que se lle chamase Zafnat Paneaj, que significa aproximadamente "Deus falou e el veu á vida". Finalmente, o Faraón entregoulle por esposa a Asenat, filla de Potifera, sacerdote de On.

Pasou o tempo, e antes de que chegasen os anos de escaseza Xosé tivo dous fillos homes coa súa dona Asenet. Chamou ao máis vello Manasés, pois se dixo "Deus fíxome esquecer todas as miñas penas e toda a casa do meu pai", e ao máis novo Efraím, pois dicía: "Deus deume froito na terra da miña aflición", pero xamais esqueceu ao seu pai e irmáns, e nunca perdeu a esperanza de volver velos.

Paralelos biográficos[editar | editar a fonte]

Xosé ten un notábel paralelo con outro personaxe bíblico, o profeta Daniel. Así mesmo, os aspectos dramáticos da súa vida, (entregado polos seus irmáns e logo encumbrado a unha gran posición) prefiguran a Xesús Cristo.

Existen outros personaxes históricos que, vindo das orixes máis humildes e da periferia de grandes imperios, conseguiron encumbrarse até as máis altas posicións (por exemplo, Estilicón).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Segundo o Xénese.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Brenner, Michael. Breve historia dos xudeus (2008), Buenos Aires, 2012
  • Dubnow, Simón. Manual da historia xudía: desde as orixes até os nosos días, Buenos Aires: Sigal, 1977
  • Kochav, Sarah. Grandes Civilizacións do Pasado: Israel, Barcelona: Folio, 2005
  • Sede-Rajna, Gabrielle. L'abecedaire du Judaïsme, París: Flammarion, 2000

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]