Xoán Tzetzes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xoán Tzetzes
Nome completoἸωάννης Τζέτζης
Nacementoc. 1110
 Constantinopla
Falecementoc. 1180
 Constantinopla
NacionalidadeImperio Bizantino
EtniaGregos
Ocupaciónfilólogo, escritor, poeta e mitógrafo
editar datos en Wikidata ]

Xoán Tzetzes ou Ioannes Tzetzes (Ιωάννης Τζέτζης, Ioannis Tzetzis, nado ca. 1110 e finado ca. 1180, foi un escritor e erudito bizantino, irmán do filólogo Isaac Tzetzes.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Recibiu unha excelente educación filolóxica e foi durante algún tempo profesor de gramática; despois entregouse á literatura, ocupación que asegurou o seu pan cotián. Nos seus escritos non desperdicia ocasión para falar das diferentes circunstancias da súa existencia: é un home do século XII que vive da súa actividade literaria e quéixase sen cesar da súa pobreza e miserias, e, pretendendo as grazas de ricos e nobres, dedícalles os seus escritos. Invulnerábel á modestia, como Miguel Psellos, indígnase ante a idea de que non sexan debidamente recoñecidos os seus méritos e caeu un día en tal miseria que de todos os seus libros só lle resta un exemplar de Plutarco. Como, por falta de diñeiro, non podía procurarse as obras necesarias e debía confiar principalmente na súa memoria, cometeu nos seus escritos moitos erros históricos elementais. Nunha das súas obras escribe:

Para min, a miña biblioteca é a miña cabeza. Dada a gran penuria na que estamos, non temos libros na casa. Así, non podo nomear exactamente o autor.

Noutra obra escribe respecto da súa memoria: «Deus non creou nunca e nunca creará un home que teña unha memoria semellante á de Tzetzes». A erudición de Tzetzes en materia de literatura clásica antiga e bizantina era moi notábel. Lera innumerábel cantidade de poetas, escritores dramáticos, historiadores, oradores, filósofos, xeógrafos e novelistas, sobre todo a Luciano de Samosata. As obras de Tzetzes están escritas nun estilo retórico e recargadas de citas mitolóxicas, literarias e históricas, así como cheas de autoeloxios. Son, pois, difíciles de ler.

Entre os seus numerosos escritos destaca a colección das súas Cartas, cento sete en total, que ten certa importancia non xa para a biografía do autor, senón para a dos seus correspondentes. En verso popular está o Libro das historias, de carácter histórico-filolóxico; abarca máis de doce mil versos. Desde a primeira edición, onde, por comodidade, a obra se dividiu en doce partes de mil versos, chámase ordinariamente a este libro as Quilíadas (é dicir, ‘os Miles’). As Misionas ou Quilíadas de Xoán Tzetzes, non son, segundo Krumbacher, máis que «un enorme comentario versificado das súas propias cartas, que alí se explican a unha tras a outra». As relacións das cartas e as Quilíadas son tan íntimas, que as primeiras poden considerarse como un resumo detallado das segundas. Este só feito quita ás Quilíadas todo valor literario.

Outra gran obra de Xoan Tzetzes, tamén escrita en versos populares, son as Alegorías sobre a Ilíada e a Odisea, dedicadas á esposa do emperador Manuel, Berta-Irene, chamada polo autor a raíña «máis homérica», é dicir, a maior admiradora do «moi sabio Homero, ese lago de palabras» a «lúa clara, non bañada polas ondas do Océano, senón que sae do leito de púrpura do seu sol». Nesta obra expón o contido dos cantos de Homero, explicándoos desde o punto de vista da exexese alegórica. Ao principio das mesmas di, con non pouca e característica presunción:

Póñome á tarefa e, tras tocar a Homero coa variña máxica da miña palabra, fareino máis accesibel a todos e as súa profundidades invisibeis aparecerán a plena luz ante nós.

Ademais destas obras, Tzetzes deixou outras sobre Homero e Hesíodo, escolios (notas críticas ou explicativas á marxe dos manuscritos) sobre Hesíodo e Aristófanes, algúns poemas, a obra Antehomérica, homérica e posthomérica, etc. Os traballos de Xoán Tzetzes non foron editados aínda nos nosos días e algúns probabelmente perdéronse.

Tzetzes é valioso polo seu celo erudito e o seu interese por compilar documentos; por iso os seus escritos son unha fonte de valiosos informes sobre a Antigüidade e a literatura clásica; por outra banda os seus vastos coñecementos e a súa epistolografía permite extraer algunhas conclusións sobre o carácter do Renacemento literario da época dos Comnenos.

Outras obras[editar | editar a fonte]

  • Iliaka, extenso poema dividido en tres partes.
  • A Theogonia, colección de narracións míticas e épicas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • A. A. Vasiliev, Historia del Imperio Bizantino. Tomo Segundo: De las Cruzadas a la Caída de Constantinopla (1081-1453).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]