Xeografía litoral

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Praia da Lanzada

A xeografía litoral é unha rama da xeografía que estuda a relación entre a terra e a auga e o clima na zona costeira (ademais doutros factores xeográficos).

Zonas costeiras[editar | editar a fonte]

As zonas costeiras son un tipo de espazo con características especiais, porque resultan da intersección de tres factores xeográficos, principalmente, como son o relevo, o clima e o mar, polo que a dinámica destes tipos de paisaxe resulta máis complexa. Esta interacción de factores, que inclúen a presenza ocasional doutros factores (como a presenza de esteiros, urbanizacións, vertidos, actividade humana, xeo, etc), poden facer o estudo aínda máis complexo.

A xeografía litoral estuda as paisaxes costeiras no seu conxunto e, en particular, a súa dinámica.

Costa[editar | editar a fonte]

Esquema do proceso de erosión costeira

A costa, sendo o punto de encontro entre a terra e a auga, é un ambiente en que ocorren constantemente a erosión (eliminación de material, debida ás ondas e mareas, correntes mariñas e vento) e sedimentación (depósito de material procedente de ríos próximos ou de franxas de litoral). A suma destes procesos é o balance de sedimentos na costa. O impacto deste balance de sedimentos sobre a forma da costa pode ser:

  • Se o saldo é negativo e a erosión é predominante, a costa é alta, marcada por cantís e rochedos;
  • Se o saldo é positivo, con predominio dos fenómenos de depósito, a costa será baixa. Neste caso poden distinguirse dúas posibilidades: costas abertas, onde hai unha clara separación lineal entre a auga e a costa; ou costas protexidas, cando, despois dunha primeira liña de terra se abren espazos de auga máis ou menos ligadas ao mar (como as lagoas).

Praia[editar | editar a fonte]

A parte da costa afectada pola acción das ondas é a praia, comprendida desde a base da praia (que tamén é o límite inferior da costa) ata o máis alto nivel alcanzado polas ondas nas tempestades máis violentas.

A praia pode dividirse en tres zonas:

  • Zona emerxida: a porción da praia que é alcanzada pola auga só durante as ondas particularmente violentas, como as producidas nos temporais;
  • Zona intermareal: é a parte da praia alternativamente descuberta ou oculta baixo a auga, dependendo da ondada e das mareas. Está delimitada polos límites máximos e mínimos atinxidos pola auga durante as mareas máis altas e máis baixas,
  • Zona somerxida: é a parte do conxunto que está sempre cuberta de auga, se ben segue estando afectada pola acción da dinámica litoral.

A diferenza nas condicións de ondas que poden xurdir dunha praia significa que poden ter características físico-xeográficas moi diferentes. Dependendo da forma dunha liña costeira pódese falar de: península, istmo, cabo e golfo. A estrutura do litoral é moi variada e depende da terra, das augas que corren sobre el e da súa exposición a condicións meteorolóxicas diversas.