Xardín das Pereiras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato do emperador Xuanzong (r. 712-756), fundador do Xardín das Pereiras
Retrato do emperador Xuanzong (r. 712-756), fundador do Xardín das Pereiras

O Xardín das Pereiras ou Liyuan (chinés tradicional: 梨園; chinés simplificado: 梨园; pinyin: Lí Yuán; Wade-Giles: Li2-yüan2) foi a primeira academia real de artes escénicas e musicais da China. Foi fundada polo emperador Xuanzong (712-755) da dinastía Tang.[1]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

China[editar | editar a fonte]

O Xardín das Pereiras recibe o seu nome das árbores plantadas no interior do edificio no que se situaba a escola.[2] Os seus estudantes eran comumente coñecidos coma os "fillos do Xardín das Pereiras".[2][3] O célebre dramaturgo Guan Hanqing foi alcumado "líder do Xardín das Pereiras" (liyuan lingxiu 梨園領袖).[4]

En dinastías posteriores, o termo liyuan serviu para referirse ao múndo da ópera chinesa en xeral.[2][3] Aínda na actualidade, os intérpretes desta arte son chamados metaforicamente liyuan zidi 梨园子弟 ("fillos do Xardín das Pereiras"), e as familias con varias xeracións no oficio reciben o apelativo de liyuan shijia 梨园世家 ("familias do Xardín das Pereiras").[2]

Xapón[editar | editar a fonte]

En Xapón, o termo equivalente rien 梨園 refírese ao mundo do kabuki.[5] Este significado entrou en uso durante o período Edo, grazas aos estudos de eruditos especializados na cultura chinesa.[5]

Historia[editar | editar a fonte]

Primeiras fontes[editar | editar a fonte]

A primeira fonte histórica en facer referencia ao Xardín das Pereiras é o Yunyang gongji 云阳宫记 ("Os rexistros do pazo de Yunyang"), da dinastía Han (206 a.C.-220 d.C.).[2][3] O texto menciona a existencia deste xardín xunto con outros dedicados a diversas árbores froiteiras, moito antes da creación da escola.[2][3]

Fundación da escola[editar | editar a fonte]

A institución apareceu durante a dinastía Tang (618-907), coñecida como "a era dos mil entretementos". O emperador Xuanzong fundouna dentro da cidade palatina de Chang'an (actual Xi'an), co obxectivo de fomentar as actuacións de música, danza e teatro.[2] En concreto, desexaba promover a música secular e o lecer, en contraposición ao templo Taichang, que se encargaba das composicións para os rituais e outros eventos formais.[3] Trescentos músicos e intérpretes foron adestrados cada ano baixo a supervisión do propio monarca, que ás veces se unía aos estudantes nas súas actuacións.[1][2]

Decadencia[editar | editar a fonte]

O centro viuse afectado pola rebelión de An Lushan, xa que Xuanzong tivo que fuxir até Sichuan para escapar das tropas inimigas, interrompendo o ensino no Xardín.[2] A dispersión dos artistas e as mudanzas políticas impediron que recuperase a grandeza do seu apoxeo; porén, a súa decadencia contribuíu ao desenvolvemento da música folclórica entre as clases populares.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Ye, Tan (2008-06-13). Historical Dictionary of Chinese Theater (en inglés). Scarecrow Press. ISBN 978-1-4616-5921-1. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 "梨园". 百度百科. Consultado o 2024-02-03. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "梨园弟子的高光时刻:唐玄宗下场指导,代表大唐音乐的巅峰_澎湃号·湃客_澎湃新闻-The Paper". www.thepaper.cn. Consultado o 2024-02-03. 
  4. 中国戏曲研究院 (1959). 中國古典戲曲論著集成 (en chinés). 中国戏剧出版社. 
  5. 5,0 5,1 "歌舞伎事典:梨園|文化デジタルライブラリー". www2.ntj.jac.go.jp. Consultado o 2024-02-03. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]