Xan o das fabas máxicas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Xan o das fabas máxicas
Walter Crane15.jpg
Ilustración de Walter Crane (1875)
Título orixinalJack and the Beanstalk
Autor/aBenjamin Tabart, The History of Jack and the Bean-Stalk (1807)
Joseph Jacobs, English Fairy Tales (1890)
Ilustrador/aWalter Crane
George Cruikshank
Arthur Rackham
OrixeInglaterra
LinguaLingua inglesa
Tema(s)conto, fábula
Xénero(s)Conto de fadas, literatura infantil
Data de pub.s.XVIII (?); 1807,
Seguido porXan o cazador de xigantes

"Xan o das fabas máxicas" ou Os feixóns máxicos (na súa versión orixinal inglesa: "Jack and the Beanstalk") é un conto de fadas inglés probabelmente de tradición oral. A primeira edición impresa coñecida é a versión con ensinanza de Benjamin Tabart en 1807(The History of Jack and the Bean-Stalk - A historia de Xacobe e o pé de feixón)[1] "Felix Summerly" (Henry Cole) popularizouno na súa obra The Home Treasury (1842),[2] e Joseph Jacobs reescribiuno en English Fairy Tales (1890).[3] A versión de Jacobs é a máis común hoxe en día, e seica é máis achegada ás versións orais do conto ca a de Tabart, que non ten ensinanza.[4] Durante algún tempo foi erroneamente atribuído a Hans Christian Andersen.

Enredo[editar | editar a fonte]

A historia conta que un rapaz, chamado Xan, mandado pola súa nai, vai á feira co fin de vender unha vaca. Cando o neno chega ao mercado, un estraño ofrécelle trocar cinco feixóns máxicos polo bovino. Xan acepta o troco e retorna para casa cos grans no peto. A súa nai enfurécese por non ter vendido a vaca a xeito. Fóra de si, bota os feixóns pola xanela.

Mentres Xan dorme, os feixóns xermolan e dan orixe a uns pés de feixón xigantes que ruben até o ceo. Ao acordar, o neno gabea o colosal feixón e atopa un castelo por riba das nubes, lugar habitado por un xigante que se alimenta de xente.

Protexido pola esposa do xigante, Xan consegue fuxir, logo de roubar unha saqueta de moedas de ouro. Retorna no día seguinte para furtar a galiña dos ovos de ouro do xigante e novamente escapa ileso. No terceiro día, Xan gabea polo feixón de novo e tenta roubar unha arpa de ouro. Desta vez, o xigante persegue a Xan, mais o rapaz consegue baixar o pé de feixón axiña e o corta cun machado.

Controversias[editar | editar a fonte]

O conto está marcado por controversias porque, na versión orixinal, de Tabart, retrata un heroe que, logo de ser enganado por alguén sórdido, sen poder defenderse, entra agachado na casa doutro home, gaña a simpatía da súa esposa para así conseguir roubarlles e por fin o mata. El non atopa ningún conflito moral ou castigo polos seus actos, igual que o seu verdugo.

Na versión reescrita, reinterpretada e popularizada por Jacobs, hai todo un desdobramento en dirección á moral da historia, un desfecho ben demarcado, como demanda a tradicional forma da fábula. Disque por retratar a moralidade de maneira máis evidente, foi mellor aceptada e propagada ao gran público.

Versións en galego[editar | editar a fonte]

Ilustración do conto de Arthur Rackham.

Existen varias adaptacións do conto ao galego.

Editorial Galaxia fixo en 2012 unha adaptación en audiolibro de Xesús Carballo Soliño con ilustracións de Ana Santiso chamada Xan o das fabas máxicas, un libro de capa dura de 32 páxinas.[5]

Kalandraka Editora sacou ao prelo no 2000 unha versión chamada As fabas máxicas, versionada por María Dolores Hermida.

En 2007 Baía Edicións A Coruña S.L. saca A casa das fadas un libro estoxo que inclúe varios contos de fadas, cunha versión deste conto chamada Jack e os feixóns máxicos[6].

Algunhas versións galegas chaman ao protagonista Xián no canto de Xoán ou Xan; a versión orixinal chámao Jack (Xácome, Xacobe ou Santiago). En español adoita ser Juanito, en Portugués João, en francés Jack.

Versións[editar | editar a fonte]

Puss in Boots[editar | editar a fonte]

A fábula é referida no filme de animación de 2011 Puss in Boots, baseada no conto d'O gato con botas a partir da imaxe do personaxe da saga Shrek, a cal non menciona a Jack (ou Xan), mais si a súa sonada historia dos feixóns máxicos. Segundo esta, o personaxe Humpty Dumpty atopa os feixóns e convence ao Gato con Botas para que o apoie. Cando Humpty sementou as sementes pasou algo sorprendente: medrou unha árbore xigante que acadaba o ceo e aí se atopou a famosa pita que daba ovos de ouro.

Jack The Giant Killer[editar | editar a fonte]

Cómpre salientar tamén a relación deste conto con outra fábula británica: Jack The Giant Killer, na que un mozo bravo mata un número de xigantes durante o reinado do rei Artur.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tabart, The History of Jack and the Bean-Stalk. en 1807 introduce unha nova personaxe, unha fada que explica a ensinanza do conto a Xacobe (Jack) (Matthew Orville Grenby, "Tame fairies make good teachers: the popularity of early British fairy tales", The Lion and the Unicorn 30.1 (Xaneiro de 2006:1–24).
  2. In 1842 and 1844 Elizabeth Rigby, Lady Eastlake, reviewed children's books for the Quarterly Review (volumes 71 and 74), recommending a list of children's books, headed by "The House [sic] Treasury, by Felix Summerly, including The Traditional Nursery Songs of England, Beauty and the Beast, Jack and the Beanstalk, and other old friends, all charmingly done and beautifully illustrated." (noted by Geoffrey Summerfield, "The Making of The Home Treasury", Children's Literature 8 (1980:35–52).
  3. Joseph Jacobs (1890). English Fairy Tales. London: David Nutt. pp. 59–67, 233. 
  4. Maria Tatar, The Annotated Classic Fairy Tales, p. 132. ISBN 0-393-05163-3
  5. "Web da editorial". Arquivado dende o orixinal o 13 de marzo de 2014. Consultado o 12 de marzo de 2014. 
  6. Web da editorial - http://www.baiaedicions.net/galego/a-casa-das-fadas.html?___from_store=castellano Arquivado 12 de marzo de 2014 en Wayback Machine.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]