Vilaia
Unha vilaia ou vilaiete (en árabe ولاية wilaya; en turco e persa, vilayet; en húngaro: vilájet) é unha subdivisión administrativa dalgúns países musulmáns.
Uso moderno
[editar | editar a fonte]Dependendo do país, pode ser traducido como "provincia", "prefectura", "estado" e outros.
- Afganistán: componse de 24 provincias;
- Alxeria: divídese en 48 provincias;
- Marrocos: divídese en 16 rexións gobernadas por un vali, as cales se subdividen en vilaias, sendo entidades de segundo nivel;
- Malaisia: divídese en 13 negeri (estados) e 3 wilayah persekutuan (territorios federais);
- Mauritania: componse de 13 vilaietes (por veces chamados rexións), subdivididos en 53 moughataa;
- Omán: divídese en 4 mohafazat e 5 mintaqah, estas últimas subdivididas en vilaietes (por veces chamados distritos);
- Kenya: componse de 8 provincias subdivididas en vilaietes (ás veces chamados distritos);
- Uzbekistán: divídense en viloyatlar (singular: viloyat);
- Sudán: componse de 26 vilaietes (por veces chamados estados);
- Tanzania: as 26 rexións do estado, chamadas mkoa en suahili, divídense en distritos, wilaya en suahili.
- Taxiquistán: divídese en viloyatho (singular: viloyat);
- Tunisia: componse de 24 vilaietes (ولاية wilāyah), chamados gouvernorats en francés;
- Turcomenistán: divídese en welayat.
Uso histórico
[editar | editar a fonte]A pronunciación turca da palabra (orixinalmente árabe) vilayet, era o nome das provincias do Imperio Otomán. No Imperio Otomán, unha reforma administrativa de 1864 dividiu o territorio en vilaietes.
Entre 1541 e 1686 existiu a vilaia Buda na Hungría conquistada polos turcos otománs, a cal era a principal despois das outras vilaias húngaras de Temesvár (1552), Eger (1596), Nagykanizsa (1600), Várad (1660) e Érsekújvár (1663). Logo de ser reconquistado polos Habsburgo, volveuse a unificar o reino de Hungría, e as vilaias deixaron de existir.
Outros usos
[editar | editar a fonte]Os campos de refuxiados saharauís de Tinduf atópanse divididos en catro asentamentos, denominados wilayas, cada un dos cales está composto de varias dairas.
En hindi e urdú, o termo Vilayet é usado para referirse a calquera país estranxeiro.
En árabe, o termo ولاية wilāyah é usado para referirse os estados dos Estados Unidos, e todo o país é designado الولايات المتحدة (al wilāyat al mutahidah).