Wikipedia:Xornal da Galipedia/01-09-2010/Entrevistas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Entrevistas

Entrevista a Agremon na TVG

Por Toliño, 1 de setembro de 2010

O programa Ben falado! dedica uns minutos para falar da Galipedia

O pasado 12 de agosto emitiuse unha entrevista a Antonio Gregorio Montes, ou Agremon para os galipedistas, en relación coa Galipedia e a súa achega á cultura e lingua galegas. O programa Ben falado! emítese todos os días ás 15:15h na Televisión de Galicia. Este microespazo divulgativo de cinco minutos está dirixido e presentado por Xesús Ferro Ruibal.

Agremon, o primeiro editor galego desta enciclopedia e quen alcumou a Wikipedia en galego como Galipedia, destaca os valores máis elementais do proxecto Wikipedia, como son as súas condicións de libre, gratuíta, aberta e colaborativa. Ademais, resalta o labor que a Galipedia intenta realizar en canto a capacidade para espallar o galego e "facer algo por Galicia". Na pequena reportaxe tamén hai tempo para contar as vantaxes do sistema wiki, que permite escribir de maneira fácil e rápida os contidos das páxinas, así como modificar, ampliar ou corrixir os xa existentes.

Desde logo, penso que é un dos puntales [sic] de cara ó futuro da nosa lingua e [...] da nosa cultura. Nese sentido, si que era necesario, senón a Galipedia, [...] algo polo estilo para tratar de meter o [...] galego e [...] Galicia [...] no mundo dixital.

Anteriormente, o 23 de febreiro, xa se lle adicara un espazo á Galipedia no programa matinal Bos días, onde Manuel Igrexas, Xas no wiki, falara tamén do noso proxecto na rede. Neste caso, a entrevista centrouse na calidade e revisión dos contidos, a eliminación de vandalismos e "a visión da realidade galega" presente nos nosos artigos.

Ámbalas dúas entrevistas pódense ver na páxina web da CRTVG:

+ Engade un comentarioConversa sobre esta historia
Aínda non hai comentarios. Ti podes ser o primeiro en achegar unha opinión!