Wikipedia:Sobre Galicia/xuño 2021

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ana Peleteiro Brión, nada en Ribeira o 2 de decembro de 1995, é unha atleta galega, especialista en triplo salto.

Asombrou desde moi nena, batendo os récords de España cadete, xuvenil, júnior e promesa e, con 16 anos, foi campioa do mundo júnior no Estadio Olímpico de Barcelona, cun salto de 14,17 m, batendo ademais o récord nacional absoluto.

Proclamouse en dez ocasións campioa absoluta de España de triplo salto, catro delas ao aire libre e seis en pista cuberta, a primeira delas en febreiro de 2014, aínda en idade júnior. No Mundial de atletismo en pista cuberta de 2018, disputado en Birmingham, acadou o bronce en triplo salto cunha distancia de 14,40 m. E no campionato de Europa absoluto de atletismo de 2018 celebrado en Berlín conseguiu a medalla de bronce, a primeira medalla conseguida por un atleta galego nun campionato de Europa.

En 2019 proclamouse campioa de Europa de pista cuberta de triplo salto cunha marca de 14,73 metros, novo récord de España, no Campionato de Europa de Atletismo en Pista Cuberta disputado en Glasgow. Na actualidade está en posesión de catro récords absolutos de Galicia e dous de España, así como varios máis en categorías inferiores.

Foi elixida mellor atleta española júnior dos anos 2011, 2012 e 2013, pola Real Federación Española de Atletismo. No ano 2012 recibiu o Premio Nacional do Deporte, no 2013 o Premio Princesa de Asturias S.A.R. Doña Letizia e no 2020 a Medalla Castelao.