Wikipedia:Sobre Galicia/setembro 2020

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A historia da comunidade xudía de Monforte de Lemos remóntase canto menos ao século X e prolongouse ata 1492, cando o Decreto da Alhambra decretou a súa expulsión dos territorios das coroas de Castela e Aragón. A comunidade xudía da capital do val de Lemos foi unha das máis numerosas do Reino de Galiza, sendo entre os séculos XVI e XVIII unha das poboacións galegas con maior número de conversos procesados por prácticas xudaizantes. O gran tamaño desta comunidade na cidade fixo que mesmo se denominara "xudeus" ou "xudeus con rabo" a todos os seus habitantes.

Se ben a cidade non conserva moitos restos arquitectónicos xudeus, si que a presenza hebrea é intensa nos seus costumes e tradicións. A pesar da escaseza de fontes documentais da presenza xudía en Galiza, existen numerosas referencias documentais que certifican a presenta xudía, e a presenza de xudeus conversos logo da expulsión, así como referencias a que foron os xudeus de Monforte os que poboaron a vila de Ares, sendo alí chamados bichos. Posiblemente o achado máis importante relacionado co pobo xudeu na capital da Terra de Lemos sexa a lápida sepulcral hebrea adicada a Juan de Gaibor e ao seu fillo Jorge, pertencentes a unha das familias hebreas máis destacadas da cidade e moi ligada á historia local, os Gaibor, e que se encontra no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense dende a súa cesión en 1892 por parte do avogado afincado na cidade Rodrigo Goicoechea.