Wikipedia:Sobre Galicia/marzo 2024
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024 celebráronse o 18 de febreiro de 2024 para elixir os 75 membros da 12ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia. O partido no goberno, o Partido Popular de Galicia de Alfonso Rueda mantivo o seu dominio respecto das eleccións anteriores, aínda que perdeu dous escanos en relación ás eleccións de 2020. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) mantívose no segundo posto e sumou 6 escanos máis dos 19 que xa tiña, o cal o situou no seu mellor resultado histórico. O Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG–PSOE) mantívose no terceiro posto, perdendo 5 escanos e colleitando o seu peor resultado histórico. O partido localista Democracia Ourensana conseguiu entrar no Parlamento cun escano pola circunscrición electoral de Ourense. O apoio aos partidos de Podemos Galicia e Sumar Galicia, que se presentaron ás eleccións por separado, caeu de forma significativa, sen conseguir ningún deles superar o limiar electoral. O partido de extrema dereita Vox tampouco acadou ningún representante.