Wikipedia:Sobre Galicia/decembro 2018

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

García II de Galicia tamén coñecido por García de Galiza, ou simplemente Don García, nado en 1042 e finado o 21 de marzo de 1090, foi un monarca galego que reinou entre os anos 1065 e 1071. Fillo de Fernando I e Sancha I, herdou o Reino de Galiza, co condado de Portugal, e a protección e parias de Badaxoz e Sevilla. Educouse desde 1053 en Galiza co bispo Cresconio de Iria, xunto a quen aparece na primeira mención coñecida de García, datada nese mesmo ano.

Sánchez Candeira vencella este feito á futura repartición do reino, pois os seus tres fillos educáronse nas terras que despois herdarían (non foi até 1063 que se fixo público o repartimento). Aínda así, García seguiu estando presente na corte, como o testemuñan os diplomas que asinou (en 1056, 1061 e 1063). Unha das mencións do rei García é no relato da viaxe dun grupo de peregrinos de Liexa en 1056 que foron recibidos polo infante e o bispo Cresconio. Pouco antes do seu acceso ó trono, García reclamaba perante a asemblea de xustiza os dereitos na herdanza dunha familia aristocrática da Galiza do norte. Este preito co bispo de Mondoñedo gañouno o infante, constituíndo unha mostra da súa fortaleza e prudencia a pouco de se converter en soberano.