Wikipedia:Sobre Galicia/agosto 2020

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Escudo de Galicia.svg

O escudo de Galicia é o símbolo heráldico que representa a Galicia. Consta basicamente dun fondo azul cun cáliz de ouro sumado dunha hostia e acompañado de sete cruces, tres a cada lado e unha enriba. Como símbolo institucional está regulado pola Lei de símbolos de Galicia, promulgada o 29 de maio de 1984, de xeito que é empregado pola Xunta de Galicia e forma parte da bandeira de estado galega.

O cáliz é a figura heráldica que máis tempo vén representando a Galicia. Aparece documentado por vez primeira como armas do «rey de Galyce» no armorial Segar's Roll de Inglaterra do ano c. 1282. Foron unhas armas falantes cuxa atribución se debeu á proximidade fonética existente na lingua anglonormanda entre «Galice» e «calice». Trala súa posterior difusión a través dos armoriais, acabaron sendo adoptadas no propio reino de Galicia. Continuamente foron evolucionando a través dos séculos: a figura mudou desde o orixinario cáliz aberto até a súa representación sumada da hostia, pasando polo copón ou píxide, a custodia e aínda o viril; o orixinal campo azul diversificouse tamén en vermello e branco; e o orixinal escudo co campo liso sen ningún engadido pasou a conter enfeites diversos como anxos ou a cruz de Santiago, mais sobre todo un número variable de, primeiro, trevos e, despois, cruces, normalmente entre unha, seis ou sete, ou co campo sementado.

A estandarización gráfica moderna das Armas ou Escudo de Galicia foi establecida no ano 1972 pola Real Academia Galega. Cómpre pór de relevo, ademais, que o actual cáliz do escudo é unha representación do cáliz do Cebreiro.