Wikipedia:Protesta contra SOPA

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A liberdade de Internet está en perigo

A iniciativa de lei SOPA (Stop Online Piracy Act) dos Estados Unidos de América prexudicaría seriamente a liberdade de expresión e o carácter aberto de Internet, incluíndo a Wikipedia, no caso de ser aprobada. Outras leis, como la Lei de Economía Sostible (Lei Sinde) española e os proxectos da "Ley Lleras" (Colombia) e Döring (México) tamén supoñen unha ameaza. Coa escusa de protexer os dereitos de autor, permítense medidas que poden considerarse como censura.

A comunidade da Wikipedia en inglés decidiu pechar durante o día 18 de xaneiro de 2012 para protestar contra esas leis. Tamén a Wikipedia en galego e o resto de proxectos da Wikimedia se ven afectados. E, ó igual que outros moitos sitios web, tamén nós estamos de acordo en que:

Internet non debe ser censurada!

Prezados lectores:

A Wikipedia encóntrase profundamente preocupada polo proxecto de lei Stop Online Piracy Act que actualmente se encontra en discusión no Congreso dos Estados Unidos de América.

A Stop Online Piracy Act (SOPA, polas súas siglas) foi presentada ante o Congreso estadounidense polo diputado republicano polo estado de Texas Lamar Smith.[1] A devandita proposta de lei ten por obxecto mellorar a protección da propiedade intelectual en Internet. Porén, con ese argumento preténdese limitar moitas liberdades das que ata o de agora gozaron os usuarios de Internet, xa que os medios empregados promoverán a censura e limitarán a innovación.

Entre os elementos que contén o proxecto de lei que a Wikipedia considera contrarios ós seus propósitos están os seguintes:[2]

  • A Wikipedia quedaría encadrada na definición que se fai de «motor de busca» (Internet search engine). Como tal, fiscais federais dos Estados Unidos poderían, mediante orde xudicial, obrigala a retirar enlaces a páxinas sinaladas como «sitios estranxeiros infractores» (foreign infringing sites) ou sometela a sancións xudiciais. A definición de «sitios estranxeiros infractores» é bastante ambigua e podería afectar incluso a sitios lexítimos que alberguen contido maioritariamente legal con algunha parte aparentemente ilegal. O elevado custo da defensa contra estes procedementos pode levar a moitos sitios internacionais a non intentalo sequera, deixando que perdure a presunción de ilegalidade por parte do goberno estadounidense e levando finalmente ao seu bloqueo.
  • Como resultado disto, se algún dos proxectos da Wikimedia fose sometido á citada orde xudicial, sería obrigado a revisar millóns de enlaces a «sitios estranxeiros infractores» aloxados nel e bloquealos. Iso representaría un enorme gasto financeiro e humano, que impediría o rápido crecemento que a Wikipedia tivo ata este momento, e que debería ser repetido cada vez que un fiscal estadounidense presentara unha orden dun xuíz federal contra un novo «sitio estranxeiro infractor». Ademais, tales medidas opoñeríanse á nosa cultura do coñecemento libre, sempre respectuosa cos dereitos de autor.
  • Imporíanse restricións á rede levantando barreiras a través dos servidores DNS, o que impediría o fácil acceso á maior parte dos dominios de Internet co que actualmente se conta.

O anterior podería parecer, en primeira instancia, unha realidade que afectaría soamente ó territorio estadounidense e ós falantes de inglés. Porén, debe considerarse que a maior parte dos datos que conforman tódolos proxectos da Fundación Wikimedia, incluíndo a edición en galego da Wikipedia, se encontran en servidores localizados dentro do territorio dos Estados Unidos de América, polo que quedarían suxeitos a esta xurisdición.

Esta grave ameaza contra a liberdade en Internet provocou que moitas outras empresas e organismos se unan ó rexeitamento contra SOPA; entre outros: AOL, Creative Commons Foundation, eBay, Electronic Frontier Foundation, Facebook, Google, Human Rights Watch, Internet Foundation, Kaspersky, Fundación Mozilla, Reporters sans frontières, Twitter e Yahoo!.

Co mesmo espírito, os membros da comunidade da Wikipedia en galego facemos extensivo o rexeitamento a toda lexislación ou proxecto lexislativo que pretenda emular os fins da lei SOPA ou vulnerar calquera dos dereitos e liberdades actuais dos usuarios de Internet, obstaculizando o desenvolvemento do coñecemento libre, e entre eles os seguintes proxectos e leis:

  • Lei de Economía Sostible (Lei Sinde), España.[3]
  • Proxecto de Lei Lleras, Colombia.
  • Proxecto de Lei Döring, México.[4]
  • PROTECT IP Act (PIPA), Estados Unidos de América.

Comunicado da Wikipedia en inglés do luns, 16 de xaneiro[editar a fonte]