Wikipedia:Artigo destacado/xaneiro 2020
Wilhelm Richard Wagner, coñecido simplemente como Richard Wagner, nado en Leipzig o 22 de maio de 1813 e finado en Venecia o 13 de febreiro de 1883, foi un compositor, director de orquestra, poeta, ensaísta, dramaturgo e teórico musical alemán do Romanticismo. Wagner é coñecido principalmente polas súas óperas (se ben as súas derradeiras composicións escénicas foron denominadas por el mesmo polo nome "drama musical"), asumindo, á diferenza da meirande parte dos compositores de ópera, a elaboración da música, do libreto e da escenografía das mesmas.
Transformou o pensamento musical coa idea da «obra de arte total» (en alemán Gesamtkunstwerk), a síntese de todas as artes poéticas, visuais, musicais e escénicas, que desenvolveu nunha serie de ensaios entre 1849 e 1852, e que plasmou na primeira metade da súa monumental tetraloxía Der Ring des Nibelungen. Con todo, as súas ideas sobre a relación entre a música e o teatro mudaron de novo e reintroduciu algunhas formas operísticas tradicionais nas obras da súa última etapa, como en Die Meistersinger von Nürnberg.
A súa ópera Tristan und Isolde é ás veces descrita como punto de inicio da música contemporánea. A influencia de Wagner estendeuse tamén á filosofía, á literatura, ás artes visuais e o teatro. Os puntos de vista de Wagner sobre a dirección orquestral tamén foron moi influentes. Escribiu amplamente sobre música, teatro e política, obras que teñen sido obxecto de debate nas últimas décadas, especialmente algunhas de contido antisemita e pola súa suposta influencia sobre Adolf Hitler e o nazismo.