Wikipedia:Artigo destacado/marzo 2018

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os sítidos (Sittidae) son unha familia de aves paseriformes que comprende un único xénero, Sitta, formado por 28 especies. Reciben vulgarmente o nome de gabeadores, aínda que este nome tamén se lles dá aos Certhia e Tichodroma, que non están directamente relacionados. En Galicia vive a especie Sitta europea (gabeador azul). Caracterízanse por ter a cabeza grande, a cola curta, o peteiro bicudo e as patas fortes. A maioría das especies teñen as partes dorsais grises ou azuladas, e unha lista ocular negra, que contrastan coas partes inferiores claras, aínda que algunhas especies do sueste asiático, como S. formosa, teñen plumaxes máis complexas e coloridas. A deda externa destas aves está unida na súa base á deda media, grazas ao cal poden gabear pola codia das árbores doadamente, igual que os petos.

A maioría dos gabeadores habita en bosques temperados ou de montaña das rexións holoártica e indomalaia, mais dúas das súas especies adaptáronse a ambientes rochosos de zonas máis cálidas e secas de Eurasia. Porén, a maior diversidade encóntrase no sur de Asia, e as semellanzas entre especies fan difícil a identificación. A maioría son aves sedentarias e viven na mesma zona todo o ano; porén, a especie norteamericana S. canadensis migra cara a climas temperados durante o inverno. Algunhas especies teñen distribución restrinxida e están ameazadas pola deforestación.