Weird Tales é o nome dunha revista norteamericana de ciencia ficción, fantasía e terror, catalogábel dentro das chamadas revistas pulp. O seu primeiro número data do mes de marzo de 1923. Foi lanzada en Chicago por J.C. Henneberger, un xornalista admirador do xénero macabro.
Edwin Baird foi o primeiro editor da revista. O seu asistente chamábase Farnsworth Wright. Este substituíu a Baird despois de 14 números. Wright outorgou a Weird Tales unha identidade definida, e foi quen primeiro se decidiu a publicar os traballos do seu máis famoso colaborador, H. P. Lovecraft, ao mesmo tempo que do moi popular na época Seabury Quinn. Outro famoso colaborador de Weird Tales foi Robert E. Howard, creador de Conan o Bárbaro.
Wright ofreceu unha oportunidade a novos autores como Robert Bloch e Clark Ashton Smith, que logo triunfarían no xénero. Seguiu editando a revista até marzo de 1940, morrendo en xuño do devandito ano.
Weird Tales, como a tamén mítica revista Black Mask, atravesou graves problemas económicos ao sufrir a competencia crecente do cómic, a radio e as novelas baratas. Tras a morte de Lovecraft e o retiro de Wright, Weird Tales cambiou de orientación, pero a súa vida foi declinando até o seu peche definitivo en setembro de 1954, deixando atrás 279 números.