O voo 618 de Linjeflyg foi un accidente dun Vickers 838 Viscount durante a aproximación ao aeroporto de Estocolmo-Bromma ás 09:05 do 15 de xaneiro de 1977. As 22 persoas a bordo do aparello morreron cando este se estrelou en Kälvesta, a 3km do aeroporto de Bromma. O servizo doméstico dende Malmö, con escalas en Kristianstad, Växjö e Jönköping, estaba operado por Skyline no nome de Linjeflyg. O accidente foi causado pola formación de xeo atmosférico no estabilizador horizontal. A baixa potencia en dous dos motores causara que se reducisen as funcións do sistema de protección contra o xeo, causando unha acumulación do mesmo. A formación do xeo causou unha perda de control de inclinación e o avión caeu en picado. Entre os mortos estaba o tenista sueco Hans Alsér.