Voo 1903 de Dan-Air
Voo 1903 de Dan-Air | |
---|---|
Un Comet 4C semellante ao do accidente
| |
Resumo | |
Data | 3 de xullo de 1970 |
Causa | voo controlado contra o terreo |
Lugar | preto de Arbúcies, Xirona |
Coordenadas | |
Finados | 112 (todos) |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | de Havilland Comet 4 |
Pasaxeiros | 105 |
Tripulación | 7 |
Superviventes | 0 |
O voo 1903 de Dan-Air era un voo internacional non regular entre Manchester e Barcelona. O día 3 de xullo de 1970 o de Havilland Comet 4 que realizaba o servizo estrelouse contra as ladeiras boscosas do macizo do Montseny preto de Arbúcies, Xirona. O touroperador británico Clarksons Holidays contratara o avión para levar a un grupo de turistas que reservara un paquete de vacacións con el. O accidente esnaquizou o avión e matou os 112 ocupantes. Foi o peor accidente de aviación do ano 1970, e un dos peores dun de Havilland Comet.[1]
O do voo 1903 foi o primeiro accidente fatal de Dan-Air con pasaxeiros. As noticias do primeiro grande accidente da aeroliña nos seus 18 anos de existencia chegaron xusto dous días despois de que o touroperador británico Global Holidays a premiase cun contrato de catro anos, valorado en 2,5 millóns de libras, para todos os seus voos chárter dende Birmingham, que empezaría en abril de 1971.
Avión
[editar | editar a fonte]O avión, operado por Dan Air Services Ltd, era un de Havilland DH 106 Comet series 4 (con rexistro G-APDN e número de serie 6415) que realizou o seu primeiro voo no ano 1959. Dan-Air mercou o aparello a British Overseas Airways Corporation, o seu operador orixinal, en 1969. No momento do accidente tiña 25 786 horas de voo.[1][2]
Accidente
[editar | editar a fonte]O voo 1903, que saíra de Manchester ás 16:08 hora local, encontrou atrasos no control de tráfico aéreo (ATC) na área de París, tendo que cambiar a súa ruta. Ás 17:53 hora local o piloto estableceu contacto por radio co centro de control de área (ACC) de Barcelona, despois do cal o ACC autorizou á tripulación a descender dos 22 000 pés (6 700 m) aos 9 000 (2 700 m). Seis minutos máis tarde o voo pasou a mans do ATC de Barcelona (control de aproximación),[2] e recoñeceu que a pista 25 era a que estaba en uso no aeroporto de Barcelona. O control de aproximación autorizou á tripulación a sobrevoar a baliza non direccional de Sabadell a 23 km ao norte do VOR de Barcelona e a descender ata os 6 000 pés (1 800 m). Isto implicaba un xiro á esquerda cara a unha dirección duns 140 graos para interceptar a liña central estendida da pista 25 a 19 km.
Mentres realizaba o xiro á esquerda como se lle instruíra, a tripulación informou erroneamente que pasara pola baliza de Sabadell. De feito o avión aínda estaba a 28 millas ao norte de Sabadell nese momento, sobre o Macizo do Montseny, unha cordilleira con picos de ata 1 700 m. Cando, segundo o ATC, outro avión sobrevoaba Sabadell ao mesmo tempo, o ATC de Barcelona confundiu o eco de radar dese segundo avión co do Comet de Dan-Air polo que o controlador de tráfico aéreo que se encargaba do voo de Dan-Air non se decatou do erro de navegación da tripulación. Porén, non hai probas de que outro avión sobrevoase a baliza de Sabadell nese momento. O testamento do controlador de tráfico aéreo segue sendo inverosímil. Debido á falta de probas do contrario, o controlador autorizou á tripulació de Dan-Air a continuar o seu descenso ata os 2 800 pés (850 m). Ao redor das 18:05 o avión chocou contra un grupo de faias na cara nordés do pico de Les Agudes, a unha altura duns 3 800 pés (1 200 m).No momento do accidente Les Agudes estaba medio cuberto con nubes a 2 500 pés (760 m) con boa visibilidade por debaixo. O estoupido tras o impacto esnaquizou completamente o avión e matou a todos os seus ocupantes. O lugar do accidente estaba situado a 37 km de Sabadell, onde as montañas chegan a unha altura de 1 600 m. Despois dunha noite de busca os equipos de rescate chegaron ao lugar do accidente no día seguinte.[3][2][1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Aviation Safety Network (ed.). "Accident description". Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2013. Consultado o 19 de maio de 2018.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Informe do accidente" (PDF). AAIB. Consultado o 2019-1-8.
- ↑ "Barcelona Comet crash". Flight International. Consultado o 2019-1-8.