Volevo i pantaloni

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Volevo i pantaloni
Autor/aLara Cardella
OrixeItalia
Linguaitaliano
Xénero(s)Novela autobiográfica
EditorialMondadori
Data de pub.1989
Páxinas121
ISBN978-88-04-38845-6
Seguido porVolevo i pantaloni 2 (1995)

Volevo i pantaloni é unha novela en lingua italiana de Lara Cardella, publicada en 1989 por Arnoldo Mondadori Editore. A obra, de gran carga autobiográfica, conta as vivencias dunha rapaza adolescente, abafada polas restricións mentais e culturais da Sicilia da década de 1980.

Trama[editar | editar a fonte]

Anna é unha rapaza siciliana, que estuda no instituto. Sofre unha situación incómoda por mor do machismo e o atoramento mental da familia e a sociedade retrógrada na que vive. Está sometida a regras sociais que considera inxustas, como a prohibición de maquillarse ou levar minisaia, amais de ter que acatar ríxidas normas de comportamento. Primeiro quere liberarse a través da relixión, e quere facerse monxa para poder levar pantalóns. Despois quere facerse home. Finalmente decide facerse puta.

Fai amizade cunha compañeira de clase, que quere imitar porque é máis libre e emancipada. Sen que os pais o saiban vai a unha festa, onde coñece a Nicola, un rapaz que lle gusta. Ao pouco a familia descobre a relación, e a familia mándaa a casa dunha tía. Ela non quere ir, posto que anos atrás o marido da súa tía lle fixera tocamentos obscenos.

A súa tía déixalle ler o seu diario segredo, no que conta como coñeceu o seu marido. Ao cabo, cando a tía marcha da casa para ir traballar, o seu marido intenta violar a Anna. Esta escapa no medio da noite e denúnciao. De regreso na casa dos pais, acepta casar con Nicola, e xa embarazada promete non deixar a súa filla vivir a mesma humillación, educándoa cunha mentalidade aberta e progresista.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

A novela tivo un grande éxito. Foi traducido a diversas linguas, como o inglés (Good Girls Don't Wear Trousers), francés (Je voulais des pantalons), alemán (Ich Wollte Hosen), castelán (Quería los pantalones), portugués (Eu querìa usar calças), grego (Ήθελα να φορέσω παντελόνι), xaponés (ズボンがはきたかったのに, Zubon ga hakitakatta noni), neerlandés (Ik wilde een broek) ou catalán (Volia dur pantalons). Amais foi adaptada ao cinema en 1990 por Maurizio Ponzi, con Giulia Fossà como protagonista. En 1995 a autora publicou a secuela, Volevo i pantaloni 2. En 2009, co gallo do vixésimo aniversario da obra, a editorial publicou unha nova edición cunha entrevista á autora.