Vivir sin permiso é unha serie de televisiónespañola producida por Mediaset España en colaboración con Alea Media para Telecinco. Está rodada en Galicia e ambientada nun relato do escritor Manuel Rivas -Vivir sen permiso e outras historias de Oeste (2018)[1]-, sobre o pasado e presente do narcotráfico na costa galega.[2]
Nemesio 'Nemo' Bandeira (José Coronado) é un home que se enriqueceu no pasado con actividades ilegais pero que conseguiu branquear a súa traxectoria ata erixirse nun dos empresarios máis influentes de Galicia, a través dunha importante compañía conserveira. Cando a Nemo lle diagnostican Alzhéimer, tratará de ocultar a súa enfermidade para non mostrarse vulnerable mentres pon en marcha o proceso para elixir o seu sucesor, o que provoca unha hecatombe na familia. Os seus dous fillos lexítimos que nunca tiveron interese algún polos negocios, Nina (Giulia Charm) e Carlos (Àlex Monner), de súpeto tentan demostrar que cada cal é o candidato máis adecuado. O seu afillado, o brillante e implacable avogado Mario Mendoza (Álex González), é obxectivamente o máis preparado, aínda que carece de algo vital: levar o mesmo sangue que o seu padriño. Ao saber que Nemo non o contempla como herdeiro do imperio, poñerá en marcha o seu propio plan sen abandonar o seu encantador sorriso, o que o converterá no máis perigoso e desapiadado dos seus inimigos.
A serie será rodada integramente en Galicia e a súa costa, creando así a ficticia comarca galega de Oeste. As impoñentes paisaxes, as xentes, os costumes, a gastronomía, o mar, o clima, as cores e a singular atmosfera de Galicia son parte fundamental da historia e imprimiren carácter á atmosfera e á estética da produción. O pazo da Toxeiriña en Lamas (Moraña), enclaves históricos do Salnés, A Illa de Arousa e Vilagarcía de Arousa, o porto de Vigo, Santiago de Compostela e o porto de Ribeira foron as localizacións onde se desenvolveu a rodaxe.[3]
O primeiro episodio da serie estreouse simultaneamente en 5 canles do grupo Mediaset España: Telecinco, FDF, Energy, Divinity e Be Mad logrando un share de 22,3% (3 047 000) simultáneo. As audiencias do primeiro episodio foron; Telecinco: 2 590 000 (19,0%) ; Energy: 148 000 (1,1%), FDF: 147 000 (1,1%), Divinity: 128 000 (0,9%) e BeMad: 34 000 (0,2%).
Na súa emisión en Telecinco, os primeiros episodios da serie foron acompañados dunha serie de reportaxes relacionadas co narcotráfico nas rías galegas.