Visión de España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sala onde se expón o conxunto.

Visión de España, tamén coñecida como Las regiones de España, é un conxunto de catorce grandes paneis pintados ao óleo sobre lenzo polo pintor Joaquín Sorolla. Este conxunto é froito dun encargo realizado pola Hispanic Society de Nova York ao pintor, polo que se comprometeu a realizar unha serie de grandes lenzos sobre as distintas rexións de España e Portugal destinados a decorar a biblioteca do edificio da sede da fundación.

Unha encarga "de peso"[editar | editar a fonte]

Os cadros decorarían a futura biblioteca da institución. Sorolla tamén se comprometeu a entregar os bosquexos preparatorios e a non expor as obras en ningún outro lugar antes de Nova York. A orixe desta magnum opus remóntase á relación entre Sorolla e o hispanista norteamericano Archer M. Huntington. Foi Huntington quen, tras visitar unha exposición monográfica de Sorolla en Londres en 1908, propuxo ao pintor esta colosal encomenda.[1]

O 26 de novembro de 1911, Sorolla e Archer Milton Huntington asinaron un documento no que o pintor se comprometía a realizar unha serie de óleos sobre lenzo con temas representativos das rexións da Península Ibérica.

Aínda que a Hispanic Society lle deu o nome de Regions of Spain, Sorolla preferiu cambialo por Visión de España, xa que o conxunto representa unha visión global de como o artista viu o seu país, lonxe de estereotipos románticos e mesmo da realidade territorial. De feito, inclúe a Portugal mentres as rexións de Murcia, Asturias, Canarias e Baleares non foron escollidas para formar parte do conxunto. Por outra banda, aínda que 2 cidades andaluzas están incluídas en até cinco paneis, só se menciona directamente a rexión de Andalucía nun deles. O mesmo que no de Castela, onde se contempla realmente a Rexión de León, xunto coas comarcas tipicamente castelás, Castela a Vella e Castela a Nova.[2]

Nun principio especulouse sobre a posibilidade de crear un único mural de setenta metros de lonxitude, pero prevaleceu o formato de paneis individuais de diferentes tamaños.

Para inspirarse e achegarse á realidade, Sorolla decidiu percorrer a Península e pintar cada escena in situ, na rexión ou país representados. Dos catorce paneis, só un reflicte unha escena interior, mentres que o resto son exteriores. O pintor pasou boa parte do ano 1912 realizando bosquexos de diferentes traxes tradicionais, incluíndo o traxe galego, e investigando para o que se convertería no encargo máis importante da súa carreira. Pasou o inverno e a primavera dese ano en Castela (Madrid e outras cidades do interior). Durante o verán alternou estadías en Donostia e Navarra. No outono volveu a Madrid, con frecuentes viaxes a diversos lugares da meseta. Para crear o panel correspondente a Valencia, Sorolla inspirouse nas masías e grandes laranxeiras de Alzira. Para levar a cabo os traballos, planeaba viaxar a esta cidade diariamente, de xaneiro a marzo de 1916, segundo a correspondencia coa súa muller Clotilde. Finalmente pintouno en Valencia.[3] Ao remate do encargo, Sorolla ficou exhausto.[4][5]

A serie completa[editar | editar a fonte]

Restauración[editar | editar a fonte]

Por necesidades de restauración, este conxunto de cadros foi descolgado no ano 2008 e aproveitou a ocasión para expoñelo en diversas cidades españolas: Valencia, Barcelona, Málaga, o Museo de Belas Artes de Bilbao, o Museo de Belas Artes de Sevilla e o Museo do Prado en Madrid, ao longo de 2009. A exposición do Prado presentouse no marco dunha gran mostra antolóxica da obra de Sorolla (cunhas 465.000 visitas). A serie de lenzos Visión de España devolveuse á Hispanic Society en 2010.

Exposición na Coruña "Sorolla íntimo. Bosquexos da serie Visión de España"[editar | editar a fonte]

Pazo en Vilagarcía onde Sorolla pintou os bosquexos de temática galega.

No ano 2016, a cidade da Coruña acolleu a exposición "Sorolla íntimo. Bosquexos da serie Visión de España" que expuña os preparativos de Sorolla para os catorce paneis, incluíndo bosquexos de gouaches e debuxos feitos durante oito anos (1911-1919), que revelan o seu proceso creativo e os retos da obra. Anteriormente fora exposta na sede da Fundación Bancaja e nos Museos de Alacant e Castelló. Foi organizada por Bancaja e a Generalitat Valenciana en colaboración coa Hispanic Society of America. Após seren restaurados en Valencia, trinta e dous destes bosquexos foron expostos no Museo de Belas Artes da Coruña antes do seu regreso a Nova York.

Nesta mostra destacaron pezas como "Gaitero gallego" e "Tipo de Galicia", pintados durante a estadía de Sorolla en Vilagarcía de Arousa, aloxado no Pazo de Vista Alegre en 1915.[1]

A exposición tamén contou cun programa de visitas guiadas e estivo dispoñible até o 7 de xaneiro de 2017.[6]

O Museo de Belas Artes da Coruña, alén de mostrar estes bosquexos, sumou á exposición o cadro "O boieiro castelán", pertencente ao seu fondo e pintado como traballo preparatorio para o panel "La fiesta del pan en Castilla".[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "SOROLLA ÍNTIMO. Bosquexos da serie Visión de España". museobelasartescoruna.xunta.gal; Museo de Belas Artes da Coruña. Consultado o 2023-08-12. 
  2. 250x250px|División territorial vigente a principios del s. XX
  3. Zarraga, Miguel de: El grandioso monumento que acaba de erigirse a España en Nueva York artículo publicado en la revista Blanco y Negro. Madrid 4 de abril de 1926
  4. Torres, Begoña. Sorolla. Madrid: LIBSA. pp. 83–85. ISBN 8466210407. 
  5. Riaño, Peio H. (2023-08-09). "La visión que acabó con la vida de Sorolla hace 100 años". elDiario.es (en castelán). Consultado o 2023-08-12. 
  6. "Patrimonio: O SOROLLA ÍNTIMO, EN GALICIA". Cultura de Galicia; www.cultura.gal. Consultado o 2023-08-12. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]