Saltar ao contido

Virus do mosaico do tabaco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Virus do mosaico do tabaco

Micrografía electrónica de partículas do TMV tinguidas para mellorar a súa visibilidade (aumento de 160.000x)
Clasificación científica
Grupo: IV (Virus ARN monocatenario positivo)
Familia: Virgaviridae
Xénero: Tobamovirus
Especie: Tobacco mosaic virus
Un monómero da cápside da variante longa do TMV

O virus do mosaico do tabaco (VMT), Tobacco mosaic virus ou TMV, é un virus ARN que infecta plantas, especialmente ao tabaco e a outros membros da familia Solanaceae. A infección produce manchas características nas follas (de alí o seu nome).

Foi o primeiro virus descuberto. Desde fins do século XIX sabíase que esta enfermidade infecciosa danaba as colleitas de tabaco, pero ata 1930 non se puido determinar que o axente infeccioso era un virus.

En 1883, Adolf Mayer fixo a descrición inicial da enfermidade, indicando que podía transferirse entre plantas de maneira similar ás infeccións bacterianas.[1] Dimitri Ivanowski deu a primeira evidencia concreta da súa existencia en 1892. En 1898, Martinus Beijerinck demostrou que un medio de cultivo filtrado e libre de bacterias seguía contendo o axente infeccioso.[1]

En 1935, Wendell Meredith Stanley cristalizou o virus e demostrou que permanece activo logo da cristalización.[1] Por este traballo, compartiu un cuarto do Premio Nobel de Química en 1946,[2] aínda que despois se demostrou que algunhas das súas conclusións (en particular, que os cristais eran proteínas puras, que se ensamblaban por autocatálise) eran incorretas.[3] As primeiras imaxes de microscopio electrónico do VMT foron realizadas en 1939 por Gustav Kausche, Edgar Pfankuch e Helmut Ruska (irmán do gañador do Nobel Ernst Ruska).[4] En 1955, Heinz Fraenkel-Conrat e Robley Williams demostraron que o ARN do VMT e a proteína da súa cápside ensamblan por si mesmos orixinando o virus funcional, indicando que esta é a estrutura máis estable (a que ten a enerxía libre máis baixa), e probablemente o mecanismo natural de ensamblaxe sexa dentro da célula hóspede.

A cristalógrafa Rosalind Franklin traballou para Stanley durante cerca dun mes en Berkeley, e logo deseñou e construíu un modelo do VMT para a Exposición Xeral de primeira categoría de Bruxelas (1958). En 1958, ela especulou que o virus era oco, non sólido, e hipotetizou que o ARN do VMT era monocatenario. Esta conxectura comprobouse logo da súa morte, e agora sábese que o seu ARN é unha fibra con sentido positivo.

  1. 1 2 3 S.D Kung y S. F. Yang (1998). "The Discovery of the Causal Agent of the Tobacco Mosaic Disease". Discoveries in Plant Biology..
  2. Biografía de Stanley no sitio do Premio Nobel.
  3. Kay, L.E. (1986). W. M. Stanley's Crystallization of the Tobacco Mosaic Virus, 1930-1940. Isis 77: 450-472.
  4. G.A. Kausche, E. Pfankuch and H. Ruska (1939), Die Sichtbarmachung von pflanzlichem Virus im Übermikroskop, Naturwissenschaften 27: 292-299.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]