Vila romana de Almenara-Puras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Vila romana de Almenara-Puras
Valladolid villa Almenara museo 05 ni.jpg
Presentación
LocalizaciónEntre Almenara de Adaja e Puras
Coordenadas41.193889, -4.668889
EstiloArte romana
DeclaraciónBen de Interese Cultural RI-55-0000422[1]
Construción
InicioSéculo III
RemateSéculo IV

A vila romana de Almenara-Puras é un sitio arqueolóxico e museo que se atopa entre os termos municipais de Almenara de Adaja e Puras, na provincia española de Valladolid, na divisoria coa provincia de Segovia, na comunidade autónoma de Castela e León, España. Trátase dos restos dunha vila romana do século IV, cunha boa cantidade de mosaicos que chegaron intactos ata o século XXI. As instalacións constan dos restos escavados da vila, ademais da reprodución a tamaño natural dunha suposta casa de campo romana da mesma época e a exposición dun museo chamado Museo das Vilas Romanas. A Universidade de Valladolid e a Deputación de Valladolid son as responsables do seu mantemento e posta a punto.

En 1994 foi declarado Ben de Interese Cultural (máximo nivel de protección dos previstos na Lei do Patrimonio Histórico Español).

O contorno xeográfico[editar | editar a fonte]

Idealización da zona xeográfica na que se atopa a vila.

A vila romana atópase nas terras coñecidas como Pago de la Calzadilla, entre Almenara de Adaja e Puras. Accédese pola estrada N-601, no desvío ata Almenara de Adaja, na que se sinaliza a vila romana. O emprazamento do pago está na marxe dereita do río Adaja, cuxo val se abre en dirección S-N, na segunda terraza deste río e ó borde da terceira, a 780 m de altitude. O contorno corresponde á típica paisaxe de campiña con superficies a distintos niveis ou socalcos fluviais.

Nas proximidades hai —ou había— auga abundante, coa lagoa de Monduengo, a da Vega e a charca máis próxima que se alimenta da auga de El Arroyuelo. Foi esta unha das boas condicións para que houbese un primeiro asentamento prehistórico e despois unha vila romana.

Historia e descrición da vila[editar | editar a fonte]

A través das escavacións púidose constatar que antes desta vila do século IV houbo outra do século III de menores dimensións e categoría —desta vila máis antiga consérvanse os vestixios dunhas termas—. Non se coñece o nome dos propietarios nin as súas actividades pero a xulgar polas dimensións, luxo dos mosaicos e obxectos aparecidos, os historiadores chegaron a supoñer que se trataba dunha gran familia bastante rica que chegou a utilizar a casa como vivenda habitual para o que se construíron boas estancias, tanto para os propietarios como para invitados.

Maqueta e recreación da vila, no museo.

A casa, orientada ó leste, ten unha extensión de 2 500 m2 que se articulan en torno a dous patios con columnas —perístilo—; no terreo do redor había outras estancias para criados e colonos ademais dos edificios propios dunha granxa. A entrada principal está polo lado leste; a planta está distribuída en dúas zonas ben diferenciadas, unha para a familia e outra para invitados, visitas sociais ou de negocios. As termas atópanse ó oeste e definen claramente o alto status dos donos da casa. No ángulo nordeste están as habitacións do servizo así como as cociñas e despensas.

Os muros foron levantados con formigón (opus cementicium).

Os muros foron levantados con formigón (opus cementicium). As paredes estaban pintadas ó fresco, algunhas con zócolo que imitaba o mármore. O chan de tódalas habitacións estaba tapizado con mosaicos de diferente calidade e cubríase o edificio con tella curva chamada ímbrice.

A actividade da vila debeu durar todo o século IV e parte do V no que se detecta un paulatino abandono. A casa debeu servir como refuxio nalgún momento e despois como canteira para posibles edificios nalgún outro lugar. Nalgunhas habitacións poden descubrirse rastros de fogueiras no centro do mosaico no que se ve perfectamente unha deterioración parcial a causa de esas fogueiras. Despois do século V non hai máis noticias sobre a propiedade. O espazo debeu irse cubrindo de terra, como ocorre sempre, ata que chegado o século XIX se descubriu accidentalmente parte dun mosaico e se comezou a sospeitar que baixo aquelas terras de labor podía encontrarse unha vila romana.

Os mosaicos[editar | editar a fonte]

En toda a vila hai un total de 400 m² de mosaicos case todos perfectamente conservados. Algúns presentan mostras de ter sufrido unha fogueira para quentamento ou cociña nos tempos en que a vila foi abandonada e opcionalmente ocupada quizais por pastores ou por xente de paso. A calidade na execución destes mosaicos difire duns a outros; hainos dunha calidade extrema e outros son máis correntes. Os temas son os comúns en case tódolos mosaicos atopados noutras vilas sendo os xeométricos os máis abundantes, con debuxos de círculos enlazados, nós, sogueado, cruz gamada, flor de lis, peixes e outras figuras. Na estancia que se supón era o triclinio ou comedor de invitados, na parte da ábsida, está representada unha gran crátera que simboliza a invitación a comer, xa que nestes casos era indispensable esta vaixela onde mesturaban o viño con auga e algunhas especias. Na estancia considerada como o salón da familia está o mosaico mais notable de todo o conxunto. É o mosaico chamado de Pegaso.

Mosaico de Pegaso[editar | editar a fonte]

Áchase no salón da parte sur, correspondente á zona familiar. É unha estancia que comprende unha parte menor en rectángulo e outra maior formando un octógono.

No centro vese a escena de Pegaso e a fonte Hipocrene.

Todo o espazo ten unha decoración de mosaico con figuras xeométricas que imitan as peltas ou escudos gregos. No centro vese a escena de Pegaso e a fonte Hipocrene, feito de modo que parece unha alfombra sobre o pavimento. A escena en si está delimitada por unha serie de 6 orlas de diferente debuxo e representa a historia de Pegaso, cando chega ós pes do monte Helicón, enviado por Poseidón para solucionar o crecemento desmesurado do monte que empezara a incharse de compracencia ó escoitar os cánticos das Piérides e as Musas. Pegaso (neste caso sen alas) opta por dar unha patada no chan e inmediatamente xorde un manancial ou fonte, ó mesmo tempo que o monte se vai desinchando paulatinamente. No mosaico vese a Pegaso axudado por dúas ninfas e ó fondo á esquerda, a fonte representada por unha moza cunha vaixela da que mana a auga e tocada con coroa de algas, mentres que á dereita se ve o monte Helicón, morada das musas.

As termas[editar | editar a fonte]

Recreación in situ do caldario, por onde ía o aire quente; á dereita, o chan.

Son unhas termas importantes en canto a edificación e servizo e demostran a categoría dos seus propietarios. Na súa orixe eran moito máis pequenas pero hai constancia de obras e reaxustes para agrandalas, seguramente en momentos de prosperidade. Atópanse ó oeste do conxunto e accédese a elas a través dun corredor que conduce á primeira habitación ou vestíbulo chamado apoditerio; dende alí pásase ó ambiente frío —frigidario—, a maior das estancias, onde se daban masaxes e se facían exercicios ximnásticos. Ó fondo atópase unha piscina que tería a auga fría. Dende o frigidario pásase ó ambiente temperado —tepidario—, con outra piscina esta vez de auga quente. A última habitación era un caldario que tiña calefacción por aire quente que se distribuía por debaixo do chan. Unha gran caldeira de auga alimentaba a bañeira. Xunto ó ambiente frío atópanse as latrinas.

Simulación de creación de mosaicos[editar | editar a fonte]

Escenas figuradas de obreiros e axudantes traballando na confección dos mosaicos.

Na parte norte do complexo e debaixo da estrutura de protección aproveitáronse uns espazos para colocar unhas escenas figuradas de obreiros e axudantes traballando na confección dos mosaicos. Poden verse os utensilios empregados así como a materia prima, pigmentos e teselas xa preparadas para a súa colocación.

Prospeccións arqueolóxicas[editar | editar a fonte]

En 1887 tívose noticia da posible existencia dunha vila romana baixo o terreo que naqueles anos eran terras de labranza[2] pero non houbo máis intervencións ata chegar ó ano 1942 en que comezaron os primeiros traballos dirixidos polo profesor da Universidade de Valladolid Gratiniano Nieto Gallo. Foi entón cando se descubriron os 400 m² de mosaico nun espazo de 1 500 m².

En 1969 a Deputación de Valladolid comprou os terreos onde se supoñía enterrada a vila romana e como consecuencia, ao poder actuar con máis seguridade e calma, os departamentos de Prehistoria e de Arqueoloxía da Universidade de Valladolid iniciaron unha serie de traballos descubrindo pouco a pouco novas estancias da vila.

Estrutura moderna que protexe o xacemento e o museo.

En 1996, a Deputación e a Universidade de Valladolid chegaron a un acordo e firmaron un contrato a largo prazo que favoreceu moito as escavacións que se seguiron facendo, o seu estudo, o mantemento e a posta en marcha dun museo de vilas romanas.

O máis conflitivo nunha escavación destas características é a súa conservación e mantemento. Neste caso conseguiuse facer toda unha montaxe de protección cos materiais máis axeitados e cun deseño vangardista e práctico que se pon á cabeza das proteccións do mundo da arqueoloxía.

O museo[editar | editar a fonte]

Dentro do complexo do xacemento instalouse un museo dedicado ás vilas romanas no que se recolle toda clase de información, dende as maquetas que reconstrúen unha vila tipo co seu contorno xeográfico, pasando por temas interesantes como a artesanía, agricultura e os seus apeiros, produtos do campo, transporte, pesas e medidas, actividade téxtil etc. As reproducións de moitos dos obxectos atopados nesta escavación e outros pertencentes a outras vilas están recollidos en vitrinas con carteis que explican de maneira didáctica cada tema. Fíxose tamén unha maqueta coa idealización da vila de Almenara na que poden verse tódolos apousentos co alzado de paredes, columnas e bóvedas. Como axuda didáctica o museo ofrece tamén un audiovisual sobre a Hispania romana, o século IV e a decadencia do Imperio.

Idealización dunha casa de vila romana[editar | editar a fonte]

Moi cerca da estrutura do museo e xacemento arqueolóxico construíuse a tamaño natural a casa dunha vila ideal para mellor comprensión dos visitantes. A casa non representa unha vila grande senón mediana, como correspondería a unha de tantas como houbo en tódalas provincias romanas dos séculos III, IV e V. As distintas estancias articúlanse ó redor dun patio con columnas e todas elas están equipadas con mobles e obxectos que imitan os mobles e obxectos romanos daqueles séculos, baseándose en literatura, debuxos, estampación en cerámica, escultura etc. Tamén se coidou moito o colorido das paredes e zócolos.

Asentamentos prehistóricos[editar | editar a fonte]

Ó facer os traballos de limitación do que fora o perímetro da vila romana, non só da casa senón dos terreos que lle pertencían, descubríronse na parte sur, no sector chamado polos arqueólogos C III, as primeiras manifestacións dun asentamento prehistórico que consistían nun conxunto de cerámicas rotas e realizadas a man que foron estudadas por Germán Delibes e Alfonso Moure baixo a dirección do profesor Pedro de Palol. Aqueles fragmentos foron considerados da primeira Idade de Ferro.

Entre 1979 e 1982 fixéronse escavacións de 5 catas de 3 por 2 metros. Na campaña de 1982 fixéronse 2 catas a uns 200 m ó suroeste das anteriores xunto á *charca de El Arroyuelo. O estado das pezas encontradas era fragmentario; ó parecer tódalas pezas estaban feitas a man e correspondían a concos, algún vaso carenado e algún fragmento de pé de copa. O enclave non sorprendeu ós historiadores pois as condicións físico-xeográficas eran propicias para supoñer un asentamento primitivo, aínda que seguramente non tivo continuidade histórica ata a chegada dos romanos e a construción da vila de Almenara.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ministerio de Cultura, Patrimonio Histórico
  2. Foi grazas a que V. M. Fernández de Castro deu a coñecer a existencia dun mosaico.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Balado Pachón, Arturo . Escavacións en Almenara de Adaja: O poboamento prehistórico. Deputación de Valladolid, 1989. ISBN 84-7852-017-1
  • Museo das Vilas Romanas. Vila de Almenara-Puras. Deputación de Valladolid.