Vénetos, Galia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa dos países bretóns. En verde claro, territorio dos vénetos

Os vénetos (en latín, Veneti) foron un dos pobos galos cos que se enfrontou Xulio César durante a guerra das Galias. Vivían na costa oeste de Francia, na península da Bretaña que, na época romana formaba parte dunha rexión chamada Armórica. Outros antigos pobos celtas historicamente testemuñados en Armórica inclúen os redones, os coriosolites, os osismos, os esuvios e os námnetes.

Os vénetos deron o seu nome a moderna cidade de Vannes.

Características[editar | editar a fonte]

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

Os vénetos habitaban no suroeste da Armórica, xunto á baía de Morbihan. Construían as súas prazas fortes sobre prominencias costeiras, que eran illas cando a marea subía, e penínsulas cando a marea baixaba. A cidade máis destacada, e probablemente a súa capital, era Darioritum, hoxe Vannes, mencionada por Ptolomeo na súa Geographia.

Sona de bos mariñeiros[editar | editar a fonte]

Eran na súa época famosos por seren grandes mariñeiros, acostumados a navegar polas difíciles augas do océano Atlántico. Utilizaban barcos de altas proas e pesadas velas de coiro, suxeitas as cubertas con grosas cordas. Construían os seus barcos con madeira de carballo, con amplos montantes fixados con cravos de ferro do grosor dun dedo polgar. Isto facía que os seus barcos foran robustos e estruturalmente sólidos, capaces de resistir os ventos e as ondadas do Atlántico.

Na opinión de Xulio César:

Os vénetos son os pobos que, ao longo de toda a costa do mar, gozan do maior prestixio de todos, tanto porque posúen moitos barcos, cos que, habitualmente, navegan cara a Britania, como porque na ciencia e práctica da navegación superan a todos os outros, e tamén porque, nese mar moi tormentoso e aberto, hai poucos portos na costa, e todos están suxeitos ao seu control, polo que case todos os navegantes habituais desas augas páganlle tributos.
Xulio César, De bello Gallico, III, 8.

Guerra das Galias[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Guerra das Galias.

No ano 57 a.C. os galos das beiras occidentais da Armórica, como os vénetos e os osismos, víronse obrigados a sometérense á autoridade de Xulio César como gobernador. Tiveron que asinar tratados e entregar reféns como sinal de boa fe. Porén, ao ano seguinte, 56 a.C., os vénetos, aliados cos osismios, capturaron a algúns dos oficiais de César mentres estaban a buscar alimento dentro dos seus territorios, intentando usalos para intercambialos cos reféns que César lles obrigara a entregar. Anoxado polo que consideraba unha ruptura da lei, César preparouse para a guerra. Porén, os vénetos constituíron un importante impedimento para César. Acostumados os romanos a utilizar barcos de proas e cubertas baixas, das usadas no Mediterráneo, foron uns rivais formidables no mar para as lexións de Roma.

Batalla de Morbihan

Os soldados romanos eran sobre todo de infantaría, e non moi mariñeiros. Dada, ademais, a natureza altamente defendíbel das fortalezas vénetas, os ataques por terra víronse frustrados polas mareas altas, e as forzas navais quedaban atrapadas nas rochas cando a marea devalaba. A pesar disto, César conseguiu construír obras de asedio que subministraban ás súas lexións unha base de operacións. Porén, cando os vénetos eran ameazados nunha praza forte, usaban a súa frota para evacuala e ir a outra, obrigando aos romanos a repetir a mesma obra de enxeñaría noutro lugar. Posto que a destrución da frota inimiga era a única forma permanente de poñer fin a este problema, César dirixiu a construción de barcos. De todos os xeitos, as súas galeras estaban en seria desvantaxe en comparación cos máis grosos barcos vénetos. O grosor destes barcos significaba que eran resistentes ás embates, e por riba a súa maior altura significaba que podían lanzar proxectís contra as cubertas dos barcos romanos desde o alto, e incluso dominar as torretas de madeira que César engadira aos seus baluartes. Os vénetos manobraban tan habilmente á vela que a abordaxe era imposíbel. Estes factores, xunto co perfecto coñecemento da costa e das súas mareas, puxo en gran desvantaxe aos romanos.

Pero estas vantaxes dos vénetos non podían prevalecer fronte á perseveranza e enxeño dos romanos. O legado de Xulio César, Décimo Xunio Bruto Albino, recibiu o mando da frota romana e, na decisiva batalla de Morbihan, tivo éxito ao destruír a frota véneta na baía de Quiberon. Así, pois, César conseguiu vencelos inutilizando os seus barcos. César enfrontouse con eles no mar, acercándose aos barcos e cortando as amarras das velas, único apoio co que contaban os vénetos para mover os seus barcos, xa que eles no usaban remos. Axudados os romanos polos seus remos e pola gran mobilidade das súas naves, lograron inmobilizalos e abordalos, e toda a frota véneta caeu nas súas mans.

As prazas fortes da costa foron entón saqueadas, e toda a poboación masacrada ou vendida como escravos. Isto serviu de lección ao resto da confederación respecto ao destino que esperaba a aqueles que desafiaran a Roma.[1]

Despois desta derrota, os vénetos, non volveron a levantarse contra Roma de forma seria, pois César decidiu matalos ou dispersalos. Sendo tan bos mariñeiros e non sendo plausíbel que toda a súa frota fose destruída, e moi probábel que se retiraran pola costa gala chegando incluso a Britania.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Conybeare, Edward (1903): Roman Britain. Londres: Northumberland Press.
  • Cunliffe, Barry (1999): The Ancient Celts. Londres: Penguin Books. ISBN 0-1402-5422-6.
  • Erickson, Brice (2002): "Falling Masts, Rising Masters: The Ethnography of Virtue in Caesar's Account of the Veneti". American Journal of Philology 123 (4): 601-622.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]