Ulv Galiciefarer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ulv Galiciefarer
Ulf o galego

Nacemento1010
Falecemento1062
DescendenciaThrugot Ulfsen Fagerskind
Profesión / OcupaciónViquingo

Na rede
WikiTree: Unknown-477241

Ulv Galiciefarer[1] ou Ulf o galego[2], tamén coñecido como Galicieulv -o lobo de Galicia-[3][4] ou Jarl Galizur-Ulfric[5], nado c. 1010, foi un jarl dinamarqués, un xefe viquingo famoso polos seus ataques, saqueos e pillaxe en Galicia durante o século XI, quizais en 1028 ou 1048, durante o reinado de Vermudo III e Fernando I de León. Segundo Saxo Grammaticus e a saga Knýtlinga, Galicieulv foi o avó de Boedil Thurgotsdatter, a muller de Erik I de Dinamarca.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

As Torres de Oeste (Castellum Honesti) en Catoira. Derradeiros vestixios das fortificacións que gardaban a ría de Arousa no tempo de Ulv.

A saga Knýtlinga é unha das principais fontes sobre a súa vida. Nela cóntase que partiu "bravamente coa súa hoste para conquistar Jakobsland" (a terra de Santiago de Compostela).[4] Segundo o arqueólogo do museo Vesthimmerlands, Bjarne Henning Nielsen, é posible que Ulv viaxase a Galicia para liberar Santiago dos musulmáns.[2] Algunhas lendas contan que serviu como mercenario para o conde galego Rodrigo de Romariz, no asalto do castelo de Labio, preto de Lugo, durante as revoltas contra Vermudo III. Ulv tamén axudou a Romániz contra uns mercenarios vascos, conseguindo a vitoria. Os saqueos continuaron até que Ulv foi expulsado polas tropas de Cresconio, pero non antes de facer pillaxes nas comunidades monásticas de Redondela e nas illas de San Simón, Cíes e Toralla. Despois da súa expulsión, os ataques viquingos en Galicia caeron fortemente.

Segundo o arqueólogo Bjarne Henning Nielsen, conservador do Museo Vesthimmerlands de Dinamarca, foi descuberta a súa tumba nun complexo que formaba parte, con toda probabilidade, duns terreos que Valdemar o Grande herdou do seu pai, quen á súa vez os herdou dos seus antepasados, entre eles Ulv.[6]

Familia[editar | editar a fonte]

Segundo Saxo Grammaticus, Ulfr (antigo nórdico: 'lobo') era dunha familia nobre. Especúlase que foi o fillo de Ulf Torgilsson de orixe sueca que asentouse en Dinamarca. O seu pai casou con Astrid, filla do rei Svend Tveskæg de Dinamarca. A xenealoxía semella relacionar a Ulf coa familia real danesa, especialmente coa liñaxe Lavard. Casou cando era novo con Bothild Håkonsdatter (c. 1014), filla do jarl de Lade Håkon Eiriksson. Tiveron un fillo, Thrugot Fagrskinna Ulfsen (n. 1032, alcumado Pel Pálida aínda que aparentemente a súa pel era escura). Trugot converteríase en conde palatino (Leibhauptman des Königs), e a súa filla Bothild Thorgunnsdatter (Bothilda, 1068-1034) casou co rei danés Erik I de Dinamarca. A parella finou nunha peregrinación á Terra Santa. Porén, o seu fillo Knud Lavard converteuse en duque de Schleswig.

Notas[editar | editar a fonte]

Drakkar viquingo.
  1. hathitrust.org, ed. (1856). "Genealogisk-historiske tabeller over de nordiske rigers kongeslægter (1856), Königsfeldt, J. P. F., (2nd edition. Kjøbenhavn: Trykt i Bianco Lunos bogtrykkeri, 1856), FHL microfilm 1,124,504, item 3., table 9 p. 118." (en dinamarqués). p. 118. Consultado o 28 de abril de 2015. 
  2. 2,0 2,1 Rey, Manuel. GCiencia, ed. "Loitou Ulf o Galego contra os musulmáns? Fala o descubridor do viquingo que arrasou Galicia". Consultado o 18 de outubro de 2018. 
  3. den store danske, ed. (2011). "Bodil dronning" (en dinamarqués). Consultado o 28 de abril de 2015. 
  4. 4,0 4,1 Nors, Thyra (2015). kvinfo.dk, ed. "Bodil ( - 1103)" (en dinamarqués). Consultado o 29 de abril de 2015. 
  5. books.google, ed. (2008). "Jana Krüger, "Wikinger" im Mittelalter: Die Rezeption von "víkingr" m. und "víking" f. in der altnordischen Literatur, Walter de Gruyter, 2008, ISBN 3110210355" (en alemán). p. 196. Consultado o 28 de abril de 2015. 
  6. Rolland, Eduardo. GCiencia, ed. "Atopan a tumba de Ulf ‘O Galego’, o caudillo viquingo que arrasou Galicia". Consultado o 23 de xaneiro de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Mercedes Arriaga Aragunde, Ulf, o viquingo galego, Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía, 2009, ISBN 848790484X