Ulises 31, orixinalmente co título Ulysse 31(宇宙伝説ユリシーズ 31,Uchū Densetsu Yurishīzu Sātīwan?) (lit. Ulises 31, a lenda do espazo) é unha serie de debuxos animados de ciencia ficciónfranco-xaponesa, creada polo francés Jean Chalopin para a televisión no ano 1981, que actualiza o poema épico da Odisea de Homero. A serie conta con 26 episodios de 30 minutos cada un e foi producida conxuntamente por DiC Audiovisuel e polos estudios de anime Tokyo Movie Shinsha (TMS Entertaiment). Foi emitida na TVG a principios da década de 1990. A trama da serie describe a disputa de Ulises contra as entidades divinas que rexen o universo no século XXXI, os deuses da mitoloxía grega.
Ulises, comandante da nave espacialOdisea, destruíu o Ciclope para salvar uns nenos, incluíndo o seu fillo Telémaco, provocando a ira dos deuses do Olimpo. O deus Poseidón pide axuda a Zeus, que condena a Ulises a viaxar polo universo coa súa tripulación conxelada, que permanecerá hibernada mentres non atope o reino de Hades, será entón cando a tripulación volverá á vida e poderán regresar á Terra. Ao longo do percorrido atopan moitas dificultades, encontrándose con outras figuras da mitoloxía grega, representados dende unha perspectiva futurista.