Segundo artigo oitavo da Constitución de Virxinia Occidental, correspóndelle ao Tribunal Supremo de Apelacións garantir o hábeas corpus e exercer o mandamus (obrigar ao cumprimento) e o certiorari (exercer a revisión xudicial).[1] Polo tanto resolve as apelacións dos casos recorridos dende os tribunais inferiores do estado: en materia criminal directamente dende os xulgados de distrito, e en cuestións civís, familiares, laborais e administrativas do Tribunal Intermedio de Apelacións, fundado en 2021.[2][3]
Os cinco xuíces que forman o Tribunal Supremo son escollidos pola cidadanía en eleccións nas que concorren candidatos independentes (os partidos políticos non poden presentar aspirantes). Os mandatos son de 12 anos, mais de quedar algún posto vacante polo falecemento, renuncia ou destitución, o gobernador debe nomear a un suplente ata as eleccións.[1] A sede do Tribunal Supremo de Apelacións está no Capitolio estatal de Charleston, aínda que ata 1915 tamén debía celebrar vistas en Charles Town, no corredor leste entre Virxinia e Pensilvania.[4]