Saltar ao contido

Trevo encarnado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para o trevo de flor cor malva ("Trifolium pratense"), véxase o artigo "trevo rubio".
Trevo encarnado

Trevo encarnado
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.) Angiospermae
División: Magnoliophyta
(sen clasif.): Eudicots
Clase: Magnoliopsida
(sen clasif.): Rosids
Orde: Fabales
Familia: Fabaceae
Subfamilia: Faboideae
Tribo: Trifolieae
Xénero: Trifolium
Especie: T. incarnatum
Nome binomial
'Trifolium incarnatum'
L.

O trevo encarnado[1] (Trifolium incarnatum L.) é unha especie de trevo (leguminosa) que se utiliza como planta forraxeira en Europa, Australia, a Arxentina e os Estados Unidos.

Ilustración.

Descrición

[editar | editar a fonte]

É unha planta herbácea anual, de follas e talos vilosos, que mide entre 20 e 50 cm. As follas son trifoliadas, cos folíolos de forma oval larga na punta e estreitos na base. A inflorescencia é cilíndrica, e está formada por 75 a 125 flores, que son pequenas e de cor encarnado escarlata. Ábrense sucesivamente desde a base até a punta da inflorescencia. As sementes son amarelentas e arredondadas. Un quilogramo contén aproximadamente 330.000 sementes.

Fisioloxía

[editar | editar a fonte]

As sementes xermolan axiña logo da sementeira. Adoita acontecer que haxa humidade de abondo para a xerminación mais non para o posterior crecemento das plántulas, o que remata derivando nun fracaso da sementeira. Isto débese a que a porcentaxe de sementes duras nesta especie é moi baixo. Para arranxalo, teñen aparecido variedades, como a Dixie, que producen máis sementes duras. O crecemento das plantas prodúcese en estado de roseta durante o outono e mailo inverno, pasado o cal aparecen talos florais erectos e viludos, nos que nacen as follas, e que rematan nunha inflorescencia. As flores son autofértiles, mais non se autopolinizan, senón que necesitan a axuda de abellas ou outros insectos, que acoden na procura de néctar e sacoden as flores, de forma que se polinizan. A fecundación ten lugar 18 horas despois da polinización, e a corola murcha. A semente madurece en 24 a 30 días, despois do que se desprende con facilidade e a planta morre.

Distribución e adaptación

[editar | editar a fonte]

Requirimentos ambientais

[editar | editar a fonte]

É unha planta de día longo: florea cando a lonxitude do día é dunhas 12 horas.

Temperatura: é resistente tanto ao frío como á calor. A súa temperatura óptima de xerminación está entre os 15 e os 20 °C.

Auga: require 300–500 mm de choiva.

Solo: acepta texturas tanto areentas coma francas, mais pode ter problemas en solos arxilosos porque necesita unha boa drenaxe. Atura un pH de entre 5,5 e 7,5, mais o óptimo es 6,5. Require solos fértiles, e non tolera solos salinos.

Trifolium incarnatum

Distribución

[editar | editar a fonte]

É nativa do sur de Europa e do Cáucaso. Cultívase case exclusivamente no sur e na costa oeste dos Estados Unidos (California principalmente). En menor medida, tamén se cultiva no sur de Europa e en Australia e Nova Zelandia. Na Península Ibérica cultívase na zona norte e oeste da península (de Galiza ao País Vasco).

Interese e aproveitamento forraxeiro

[editar | editar a fonte]

Ten interese coma cultivo anual invernal, para engadir forraxe de boa calidade á saída do inverno. O mellor aproveitamento é a sega ao inicio da floración, xa que se adapta mal ao pastoreo polo seu crecemento erecto e por mor a que os animais tenden a comer as inflorescencias, o que reduce a produción de sementes. Pode engadirse en verde, ou, preferentemente, conservarse mediante fenificación (seca da herba ou feo) ou ensilaxe. Ten unha boa palatabilidade, aínda que non se debe apañar despois da fin da floración, xa que os pelos das espigas e os talos se volven ríxidos e poden danar os animais cando os inxiran. A súa calidade nutricional é boa por mor ao seu alto contido proteico, porén, pode provocar meteorismo se se consome con cobiza.

Variedades

[editar | editar a fonte]

Téñense desenvolvido variedades que son capaces de se resemenetar, grazas á súa maior porcentaxe de sementes duras. Algunhas son:

  • Dixie: desenvolvida polo Departamento de Agricultura dos Estados Unidos. Foi a primeira variedade comercial e é a máis utilizada.
  • Auburn: procede do sur dos Estados Unidos.
  • Autaga.
  • Chief.
  • Talledaga.

As variedades Dixie, Auburn e Autaga teñen características semellantes, mentres que Chief e Talledaga son de maduración máis serodia. As sementes de variedades con capacidade de resementeira non son distinguíbeis ás do trevo rubio.

Agronomía e manexo

[editar | editar a fonte]

A sementeira realízase en outubro, intentando aproveitar a choiva para sementar inmediatamente antes ou xusto despois, o que aumenta o número de sementes xermoladas. A dose de semeadura é de 10–20 kg/ha, a dose inferior aplícase en mestura. Pódese sementar mesturado con Trifolium subterraneum, aínda que esta mestura úsase pouco, xa que non aporta ningunha vantaxe na mestura de trevo subterráneo con outros trevos. En Galiza e no norte da península cultívase so ou mesturado con gramíneas de crecemento rápido coma ballico (Lolium perenne), para evitar a rega de meteorización. A produción oscila entre 15 e 20 toneladas de materia verde por hectárea, ou de 4 a 5 toneladas de feo, dependendo do clima e as condicións de cultivo.

Outros usos

[editar | editar a fonte]

Emprégase tamén como fertilizante verde, enterrando a biomasa vexetal en plena floración para mellorar a calidade nutricional dos solos pobres. Malia ter sido unha cultura en regresión, ao igual que outras leguminosas forraxeiras, a implantación de prácticas agronómicas sustentábeis está a favorecer a recuperación desta especie. Nalgunhas zonas dos Estados Unidos é utilizado nos bermas e gavias das estradas para controlar a erosión.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Trifolium incarnatum foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 2: 769. 1753.[2]

Citoloxía

Número de cromosomas de Trifolium incarnatum (Fam. Leguminosae) e táxones infraespecíficos: 2n=14[3]

Etimoloxía

Trifolium: nome xenérico derivado do latín que significa "con tres follas".[4]

incarnatum: epíteto latino que significa "de cor encarnada"[5]

Sinonimia
subsp. molinerii (Hornem.) Syme
  • Trifolium molinerii Hornem.
  • Trifolium stramineum C.Presl[6]
  1. Nome vulgar galego en Nomenclatura vernácula da flora vascular galega Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991
  2. "Trevo encarnado". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 5 de xaneiro de 2013. 
  3. Estudios cromosómicos en el género Trifolium. VI Angulo Carpio, M. D., A. M. Sánchez de Rivera & F. González Bernáldez (1972) Lagascalia 2(1): 3-13
  4. En Nomes Botánicos
  5. En Epítetos Botánicos
  6. Trevo encarnado en PlantList

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]