A obra está protagonizada por un rapaz desempregado de trinta anos, que en pequenos relatos narra o seu quefacer diario.
Desde unha visión que el mesmo denomina "post-fracaso", vive o día a día nun contexto urbano, sen maiores pretensións que facer vida social (e ter relacións sexuais satisfactorias) e ir subsistindo co traballo precario. O seu grupo social máis achegado está conformado polo seu compañeiro de piso (que apenas pasa por alí, xa que adoita facer vida no piso da súa moza), o seu amigo Mario, e algunhas ex-mozas e ligues. Todos eles novos e cunhas características comúns: intereses culturais (adoitan ir a concertos e discutir de música, cinema e literatura) e precariedade laboral.
Ao final da novela, como contraposición, regresa a vivir á casa materna, deixando un final aberto e esperanzador a nivel persoal.
O título está tomado da canción "Dos besugos", do grupo Sr. Chinarro.