Ton muscular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Segundo Soledad Ballesteros Jiménez,[Cómpre referencia] o ton muscular é unha función dos músculos estriados pola que se mantén de forma permanente en tensión, co gasto mínimo de enerxía e sen apenas ocasionar fatiga ó corpo (1982).

Tipos de ton muscular[editar | editar a fonte]

  • Residual ou músculo en repouso.
  • Orto estático: asegura a posición para estar de pé.
  • Explosivo: responde ó que son os movementos de preparación.
  • De sostén: encárgase de manter o músculo no que é o transcurso da execución dalgún acto.
  • Catatónico: serve para a conservación da actividade.

Evolución do ton muscular[editar | editar a fonte]

O control da postura corporal depende do axuste do ton muscular nun gran número de músculos en resposta ó feedback propioceptivo e visual.

O ton muscular progresa dende un predominio flexor, no neonato, a un equilibrio no ton flexor e extensor das extremidades. Desenvólvese en sentido cefalocaudal, é dicir, da cabeza ós pés. Comeza co control cefálico e progresa cara á sedestación (sentada/o), bipedestación (en pé) e marcha.

O ton muscular do neonato caracterízase polo reflexo tónico asimétrico co pescozo, que se activa como resultado do xiro da cabeza a un dos lados. A medida que a cabeza xira, estiraranse a perna e o brazo do mesmo lado, mentres que se encollen as extremidades do lado oposto. O reflexo debería estar inhibido ós seis meses de idade.

Se o reflexo tónico asimétrico do pescozo permanece activo nun neno maior de seis meses, pode afectar á coordinación man-ollo, á lateralidade cruzada…

  • Mes 1: predominio flexo-abdutor.
  • Mes 2-3: control cefálico inconstante.
  • Mes 4: supino máis estable e control cefálico.
  • Mes 6: sedestación, normalmente con apoio.
  • Mes 9: sedestación sen apoio e, ás veces, bipedestación con apoio.
  • Mes 12: bipedestación sen apoio.
  • Mes 15: agáchase e ponse de pé sen apoio.

Avaliación do ton muscular[editar | editar a fonte]

  • Ton activo:
    • Mantemento da postura firme. Marcaranse os tendóns da gorxa de pé sen desprazamentos. Se os tendóns presentan sucesivas oscilacións, entón, existirá hipotonía.
    • Proba de Kabat-Levine. O/A neno/a colocarase de pé, cos brazos estendidos. O monitor/a apoiará as súas mans sobre os antebrazos da nena/o. Esta/e deberá intentar desprazalos cara arriba e, aquí, o monitor/a retirará as súas mans dos antebrazos. Os brazos proxectaranse cara arriba, bloqueándose o movemento rapidamente. No caso de existir hipotonía o desprazamento cara arriba será moito maior.
    • Proba de Stewart-Holmes. O monitor/a suxeitará o brazo do neno/a, mentres este/a intenta flexionar o seu antebrazo. Nalgún momento o monitor/a soltará o antebrazo, o cal se desprazará cara ó peito. Se non se produce unha retención automática do antebrazo e se golpea o peito, existirá hipotonía.  
  • Ton pasivo:
    • Escala de Ashworth. É un instrumento de diagnóstico utilizado para medir o ton muscular, o cal depende do estado dos tecidos nerviosos e das súas conexións. Iranse asignando valores (entre 0 e 4) dependendo do grao de hipertonía da persoa examinada.
      1. Ton muscular normal: 0
      2. Hipertonía leve: 1
      3. Hipertonía moderada: 2
      4. Hipertonía tensa: 3
      5. Hipertonía extrema: 4
    • Escala de hipotonía de Campbell. Esta escala emprégase para avaliar o ton muscular nas patoloxías que poidan presentar hipotonía muscular. Tamén se emprega nas escalas de valoración da dor. Ten catro graos:
      1. Normal.
      2. Hipotonía leve.
      3. Hipotonía moderada.
      4. Hipotonía grave.

Alteracións do ton muscular[editar | editar a fonte]

O ton muscular está controlado pola medula espiñal, a través dos fusos musculares. Estes conteñen neuronas sensitivas que se activan cando se produce un estiramento do músculo, que manda unha resposta ás fibras musculares que están dentro do fuso. Estas fibras están activas incluso cando o músculo está en repouso, enviando constantemente un sinal de activación ó músculo. Así pois, podemos distinguir dous tipos de alteración do ton muscular:

  • Hipertonía: ton muscular máis elevado do normal. Dentro da hipertonía, a súa vez, diferéncianse unha serie de alteracións, como por exemplo a espasticidade.
  • Hipotonía: ton muscular diminuído. A hipotonía pode provocar malas alineacións óseas que, en ocasións, dan lugar á aparición de deformidades esqueléticas.

Webgrafía[editar | editar a fonte]