Saltar ao contido

Tomás das Quingostas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaTomás das Quingostas
Biografía
Nacemento15 de agosto de 1808 Editar o valor en Wikidata
São Paio, Portugal (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte30 de xaneiro de 1839 Editar o valor en Wikidata (30 anos)
São Paio, Portugal (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino de Portugal Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónbandoleiro Editar o valor en Wikidata


Tomás Joaquim Codeço, máis coñecido como Tomás das Quingostas ou en galego Xan das Congostras, nado nas Quingostas (freguesía de São Paio, Melgaço) o 15 de agosto de 1808 e finado na ponte de Alote (São Paio, Melgaço) o 30 de xaneiro de 1839, foi líder de bandas de asaltadores e pistoleiros no norte de Portugal e na Galiza durante o século XIX. Foi considerado un personaxe lendaria de Melgaço, amado e odiado ao mesmo tempo. A súa existencia non se confirmou até hai poucas décadas, a través de varias referencias documentais.[1]

Traxectori­a

[editar | editar a fonte]

Tomás Joaquim Codeço era o quinto fillo de José Codesso e Maria Teresa de Castro, ambos labregos. Foi bautizado dous días despois de nacer como Tomás de Aquino. Con todo nunca utilizou ese nome, e máis adiante mudouno por Tomás Joaquim. Sería coñecido na historia do lugar como Tomás das Quingostas ou «O Leão das Montañas».[2][3]

Na década de 1820 participou nalgunhas batallas das Guerras Liberais, no bando de D. Miguel. Porén, debido a varios roubos, estivo encarcerado no Tribunal da Relação do Porto até entraren na cidade as tropas comandadas por D. Pedro.[4] Tomás aproveitou para escapar da cadea e regresou á rexión de Melgaço. Alí comezou a perpetrar crimes violentos coa súa cuadrilla e o seu principal compañeiro de crime Luís José Caldas, até a súa morte por fusilamento.

Asaltaban tanto vilas portuguesas coma galegas, co que logo se converteu nunha lenda, mesmo para os soldados enviados pola Coroa para o prender. Foi tamén coñecido por fugarse en diversas ocasións, pois coñecía perfectamente o territorio e era axudado polas xentes das aldeas. Especulábase acotío que os seus agochos eran os lugares de Sande e a Ermida da Senhora de Numão.[5]

En 1834 escapou da cadea de Lamego e instalouse de volta na súa terra natal. Continuou a realizar roubos, agresións e asasinatos, ao tempo que reunía seguidores para realizar ataques contra o goberno liberal. Contábase que nalgúns golpes Tomás dirixía máis de corenta persoas ben armadas, tamén mulleres, e moitos outros de orixe española, das forzas inimigas de Isabel II de España.[6][7]

En 1837 un criado galego de Tomás foi capturado en Paderne (Melgaço). Durante o interrogatorio, este confesou quen eran os membros da cuadrilla e os seus percorridos habituais. A banda de Tomás das Quingostas sufriu un forte e intenso perseguimento por todo o concello. Moitos dos seus membros e aliados foron asasinados ou prendidos.[8][9]

Dous anos despois, o 30 de xaneiro de 1839, Tomás foi finalmente capturado na taberna do seu amigo Policarpo José de Fontes e levado pola Guarda Real. No camiño cara á cadea foi fusilado na antiga ponte de Alote (ou Alota), após tentar fuxir sen éxito.[10]

Lendas e historia

[editar | editar a fonte]

Contexto histórico

[editar | editar a fonte]

No século XIX, e mesmo antes, era común que as localidades das ribeiras do Miño, tanto do lado portugués coma do galego, fosen atacadas por bandas de salteadores encapuchados de día e de noite para roubar e causar terror. Intimidaban a xente con tiros e ocupaban tabernas ou tendas até obteren o que querían e partiren para o seguinte golpe. Algunhas bandas tiñan motivacións políticas, outras só buscaban o lucro e algunhas vellos axustes de contas. Con todo, como na historia medieval de Robin Hood, había quen roubaban aos ricos a prol dos necesitados, sobre todo nas zonas rurais. A poboación tentaba agochalos e protexelos das autoridades.

Curiosamente, o caso de Tomás das Quingostas reflicte ambas as versións. Para moitos era un vilán, mentres que para outros era un heroe. Na Galiza a expresión "Os pobres non o ten e os ricos non o dan" é asociada a Tomás e ás historias de que este non lles roubaba aos pobres.[11] En Melgaço, até inicios do século XX, era costume dicirse "Es pior que o Tomás" como algo insultuoso.[12]

O caso de João Vicente

[editar | editar a fonte]

Nos tempos en que Melgaço era vítima habitual dos ataques de Tomás das Quingostas, vivía un bo rapaz da terra, de nome João Vicente. Malia non ter moitas posesións, axudaba a súa familia nas pesqueiras e na administración da Santa Casa da Misericórdia, pois tiña intención de seguir a carreira eclesiástica.

A noite do 21 de marzo de 1829 era chuviosa e de intenso neboeiro. João, que usaba unha coroza (unha capa de palla para se protexer da choiva), camiñaba en dirección ao río. Non se vía un palmo alén do nariz, mais coñecía ben aquelas terras, co que o mozo camiñaba confiado. Ao chegar preto das pesqueiras, verificou as redes e confirmou que estaba todo en orde. Horas antes, o mesmo día, a cuadrilla de Tomás planeara un asalto nunha aldea galega. Para evitaren as estradas principais, decidiron ir polas encostas até chegaren ao punto de encontro con outros pistoleiros galegos. A súa intención era atravesaren o río nunha barca e facer o dito golpe. Mais após esperaren até a noite caer, non tiveron sinal dos amigos. Pensando que os outros foran capturados, Tomás decidiu alterar o plan para a noite e díxolles aos seus que irían ás pesqueiras ver se había peixe para comer.

O mozo de Melgaço, que continuaba no mesmo lugar, ao ouvir os homes, preguntou quen ía. Tomás, astuto como unha raposa, respondeu que eran só «xente de ben e de paz». Ledo por ter compañí­a, João achegouse a eles. De súpero, o líder da banda apuntouno co trabuco e disparou sen dubidar. Os demais seguírono e descargaron as súas armas no corpo do rapaz. Despois, Tomás aproximouse ao cadáver e coas súas botas de militar virouno e confirmou a súa morte. «Agora temos o camiño libre, vamos ao traballo!».[13]

A Romaría da Peneda

[editar | editar a fonte]

Conta a historia que o 7 de setembro de 1838, durante a romaría da Nosa Senhora da Peneda, Tomás das Quingostas e a súa cuadrilla interromperon a festa relixiosa, fronte a antiga capela. Montados a cabalo e cunha choiva de tiros, causaron o caos total na vila. Motivados ao parecer por unha cuestión de «rapaces», por un axuste de contas ou simple provocación, nunca ninguén conseguiu realmente aclarar o asunto. Non cometeron ningún roubo, agás algunhas vidas. Durante o ataque, o líder da quadrilha matou sen dó nin piedade, a Joaquim Cerqueira "O Amarelo", un dos mellores xogadores de pau do seu tempo, e a João Manuel Domingues "O Marado", presidente da Câmara Municipal de Soajo, en pleno Largo do Pretório.[14][15]

O Fin de Tomás das Quingostas

[editar | editar a fonte]

Contábase no lado da Galiza que após ser fusilado, Tomás foi decapitado e a súa cabeza enviada como trofeo á raíña Isabel II de España. O seu corpo foi sepultado na traseira da capela de São Bento en Castro Laboreiro. Di a lenda que cando a raíña viu o rostro sen vida de Tomás, reprendeu fortemente os gardas polo seu acto e lamentou o desenlace deste. Con todo, non se considera comprobado este feito, considerado parte do folclore.[16][17]

Poema anónimo

[editar | editar a fonte]

No século XX un poeta anónimo escribiu algúns versos sobre Tomás das Quingostas:

Homem de muitas matanças,
na guerra civil andou;
herói das extravagâncias
vidas sem conta ceifou!
Mais dum século decorreu
sobre a morte do malvado;
que, por ironia, morreu
sob as balas dum soldado!
[editar | editar a fonte]
  1. ESTEVES, Augusto César. Melgaço e as Lutas Civis 1820-1910, 1º Volume. Melgaço. pp. p. 87 – 92. 
  2. "Tomaz das Quingostas" (en portugués).  |first1= sen |last1= in Authors list (Axuda)
  3. Vollständiges Bücher-Lexikon enthaltend die vom Jahre 1750 bis Ende des Jahres 1910 in Deutschland und in den angrenzenden Ländern gedruckten Bücher: L-Z (en alemán). 1842. 
  4. "Tomás das Quingostas: herói do povo ou salteador? (história completa)".  |first1= sen |last1= in Authors list (Axuda)
  5. O ecco: jornal crítico, litterario e político (en portugués). 1837. 
  6. Machado, António do Canto; Cardoso (1982). A guerrilha do Remexido (en portugués). 
  7. Allgemeine Zeitung (en alemán). 1837. 
  8. Ler história (en portugués). 1999. 
  9. Ferreira, Maria de Fátima Sá e Melo (2002). Rebeldes e insubmissos: resistências populares ao liberalismo, 1834-1844 (en portugués). ISBN 9789723606133. 
  10. "Os soldados da Rainha em busca do Tomás das Quingostas (1837)" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2022.  |first1= sen |last1= in Authors list (Axuda)
  11. "Historias de bandoleiros na tradición oral: Tomás Quingostas".  |first1= sen |last1= in Authors list (Axuda)
  12. Alves, Valter (sábado, 16 de xuño de 2012). "Melgaço, entre o Minho e a Serra: Tomás das Quingostas: herói do povo ou salteador? I". Melgaço, entre o Minho e a Serra. Consultado o 2022-04-18. 
  13. "O Assassino Tomás das Quingostas".  |first1= sen |last1= in Authors list (Axuda)
  14. "Vida e Morte de Tomás Joaquim Condeço".  |first1= sen |last1= in Authors list (Axuda)
  15. CALDAS, Eugénio de Castro (1994). Terra de Valdevez e Montaria do Soajo (en portugués). 
  16. CAMPELO, Álvaro (2002). Lendas do Vale do Minho. Valença. 
  17. "Tomás das Quingostas". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2020.