Santuario de Nosa Señora da Peneda
Santuario de Nosa Señora da Peneda | |
---|---|
Santuario da Señora da Peneda: vista da igrexa, a escalinata e os antigos dormitorios para os peregrinos, hoxe transformados nun hotel | |
Datos xerais | |
País | Portugal |
Tipo | Igrexa |
Advocación | Nosa Señora da Peneda (Virxe das Neves) |
Localización | Gavieira |
Coordenadas | 41°58′28″N 8°13′23″O / 41.974525, -8.223141 |
Culto | |
Culto | Católico |
Diocese | Viana do Castelo (Arquidiocese de Braga) |
Arquitectura | |
Construción | Século XIX (rematada en 1875) |
Estilo | Neoclásico, Barroco |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Santuario de Nosa Señora da Peneda (en portugués: Santuário de Nossa Senhora da Peneda) é un santuario católico que se localiza na freguesía da Gavieira, concello de Arcos de Valdevez, distrito de Viana do Castelo, en Portugal, a camiño da vila de Melgaço, moi preto da raia con Galiza. Atópase mesmo no Parque Nacional da Peneda-Gerês.
A Festa da Señora da Peneda é anual, dura unha semana, entre o día 31 de agosto e o oito de setembro; realízase no santuario unha gran romaría popular.
Historia e lenda
[editar | editar a fonte]O templo actual ten como data probábel de inicio da súa construción, o final do século XVIII, a xulgar pola inscrición na columna existente na parte alta da escalinata de acceso. Seica no lugar existiu unha pequena ermida anterior, construída para lembrar a aparición da Señora da Peneda, cuxo culto foi crecendo e motivou a construción do santuario actual entre finais do século XVIII e o terceiro cuartel do século XIX. A igrexa actual foi terminada en 1875.
A lenda da Peneda conta que a Virxe se tería aparecido o cinco de agosto de 1220, a unha rapariga que gardava algunhas cabras, a Señora apareceu baixo a forma dunha pomba branca e pediulle que os habitantes da Gavieira edificasen naquel lugar unha ermida. A pastoriña contoullo aos pais, mais estes non deron crédito á historia. No día seguinte cando gardaba as cabras no mesmo lugar, a Señora volveu a aparecer, mais baixo a forma da imaxe que hoxe existe, e mandou a rapaza ir ao lugar de Roussas na procura dunha muller eivada había dezaoito anos, de nome Domingas Gregório, que ao chegar preto da imaxe recuperou a saúde[1].
Descrición
[editar | editar a fonte]O templo, do século XIX, áchase na aba dunha montaña fragosa rematada cun gran penedo (de aí o nome) e numerosas fervenzas. Abaixo, no fondo da ribeira da Peneda atópase a vila da Gavieira. Para chegar á igrexa sóbese dende a praza do hotel pola escalinata das virtudes (escadório das virtudes), con estatuas representando a fe, a esperanza, a caridade e a gloria, datada de 1854, obra do mestre Francisco Luís Barreiros, e que disque foi inspirada na do Bom Jesus do Monte, en Braga.
Na praza (largo triangular) atópanse os antigos dormitorios para os peregrinos (hoxe transformados nun hotel), cara a abaixo o santuario desenvólvose nunha alameda arborizada en escalinata, con cerca de 300 metros e 20 capelas, con escenas da vida de Xesús Cristo (Natividade e Paixón). Unha das capelas ostenta unha inscrición que atesta ter sido oferecida polo negus (soberano de Abisinia) de Etiopía. Ao fondo da alameda, nunha praza circular, sitúase un piar oferecido pola raíña María I de Portugal.
Pola contra da espectacular escalinata, a igrexa é simple, de estilo neoclasicista.
Contorna
[editar | editar a fonte]A estrada sobe a montaña atravesando unha chaira de bidueiros cun parque de campismo e albergues. Polo inverno os cumes adoitan estar nevados.
O santuario atópase nunha contorna natural de grande beleza (Parque Nacional da Peneda-Gerês), ategaida de fragas, fervenzas e locais para practicar deportes como o sendeirismo ou a escalada. O santuario atrae a numerosos fieis, e nos largos e prazas pódese tomar algo ou mercar recordos ou pezas de artesanía local. Sorprende o miúdo tamaño da imaxe da Virxe.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
A escalinata.
-
Porta do santuario.
-
Algunhas das capelas co templo no alto.
-
Largo principal cos dormitorios dos peregrinos (hoxe hotel).
-
Detalles das esculturas da escalinata, coa vila da Gavieira no fondo.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Santuario de Nosa Señora da Peneda |