Tiburón (barco)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Tiburón foi un petroleiro liberiano de tripulación galega que foi afundido en augas do golfo Pérsico en 1984.

Características do barco[editar | editar a fonte]

O Tiburón era un buque petroleiro, propiedade da empresa suíza Suisse Outre Mer, pero con bandeira liberiana que, naquela época, era a principal bandeira de comenencia para o transporte marítimo de mercadorías. O barco facía a ruta de Al Fujairah, nos Emiratos Árabes Unidos, a Europa, pasando pola illa de Jarq, en Irán, onde cargaba o petróleo.

A súa tripulación estaba composta por 32 homes, na súa maioría galegos, aínda que tamén había alemáns e outros españois. O seu capitán era o alemán Schponagel. Tiña unha capacidade para 260.000 toneladas de petróleo[1].

O ataque[editar | editar a fonte]

O 28 de xuño de 1984, mentres navegaba polo golfo Pérsico, o Tiburón foi alcanzado por un mísil iraquí, no marco da guerra Irán - Iraq, que tivo lugar a comezos dos anos oitenta. O buque atopábase á 1 da tarde a 33 millas da costa iraniana, a 25º18'N e 50º45'E[2], cando recibiu o impacto dun mísil Exocet por popa que foi estourar na sala de máquinas. Nela atopábanse boa parte dos mariñeiros que logo falecerían.

Faleceron nove persoas[3], dos cales seis[4] eran galegos[5], máis un vasco e dous alemáns. Estes son os falecidos galegos:

  • Salvador Ruibal Rodríguez, de Marín (mecánico de 26 anos).
  • Luis Olegario Cordeiro Alfaya, de Aldán (pañoleiro de 49 anos)
  • Antonio Paz Nerga, de Aldán (tripulante de 26 anos)
  • Etelvino Duarte Araújo, de Gondomar (tripulante de 34 anos)
  • José Roberto López Troitiño, de Cangas (limpador de 30 anos)
  • Carlos Samuelle Docampo, de Sabarís (engraxador de 36 anos)

Outros dezaseis tripulantes galegos salvaron a vida. Os mariñeiros galegos foran recrutados pola navieira Líneas Marítimas Meino Von Eitzen, con sede en Vigo.

Notas[editar | editar a fonte]