Thema de Dalmacia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O thema de Dalmacia no ano 925.

O thema de Dalmacia (grego: θέμα Δαλματίας/Δελματίας, θέμα Δαλματίας/Δελματίας: θέμα Δαλματίας/Δελματίας,théma Dalmatías/Delmatías) foi un tema bizantino (provincia civil-militar) na costa oriental do mar Adriático. A súa capital foi Zadar.

Orixes[editar | editar a fonte]

Dalmacia caeu baixo dominio bizantino na década de 530, cando os xenerais do emperador Xustiniano I (r. 527–565) a conquistaron aos ostrogodos durante a guerra gótica. As invasións de ávaros e eslavos no século VII arrasaron as principais cidades e limitaron o control bizantino ás illas e cidades costeiras -con autonomía local e en forma de cidades-estado- como Spalatum (Split) e Ragusium (Dubrovnik), mentres Iadera (Zadar) quedou como sede episcopal e centro administrativo baixo un arconte[1]. Estas costeiras foron o refuxio dos dálmatas neolatinos, que fundaron oito cidades-estado: Vecla (Krk), Cres, Arba (Rab), Iadera, Tragurium (Trogir), Spalatum, Ragusium e Cattaro (Kotor).

Desde finais do século VIII até o século IX, Dalmacia foi sometida por Carlomagno (r. 768–814), pero regresou a mans bizantinas en 812, despois da Pax Nicephori. É disputado se a rexión estivo baixo soberanía bizantina real ou máis ben nominal despois de dito tratado, dado que as cidades latinas locais parecen ser virtualmente independentes. No entanto, un arconte de Dalmacia aparece mencionado no Taktikon Uspensky, de 842/843 e un selo dun "strategos de Dalmacia" datado na primeira metade do século poderían indicar a existencia dun thema nos comezos da reorganización bizantina, polo menos de forma intermitente[2].

Historia[editar | editar a fonte]

A data tradicional do establecemento de Dalmacia como thema regular sitúase nos comezos do reinado do emperador Basilio I o macedonio (r. 867–886), tras as expedicións de Nicetas Orifas[1][2].

Bizancio, o papado e os francos competiron polo apoio dos eslavos na zona. En 878 gobernaba Zdeslav de Croacia, vasalo de Bizancio, tras depor ao seu predecesor, para á súa vez ser posteriormente derrocado por Branimir de Croacia, que cobrou tributo aos bizantinos polas súas posesións dálmatas. Coa caída do imperio carolinxio, os francos deixaron de ser unha potencia no Adriático, mentres a República de Venecia creceu en poder en Dalmacia desde o mandato de Pietro Tradonico.

Ao redor de 923, Tomislav de Croacia, convocou dous concilios de Split onde tentou infrutuosamente crear un arcebispado autónomo que non dependese da base bizantina de Split. O control do reino croata sobre as cidades dálmatas foi igualmente disputado aínda que Tomislav parece administrar as cidades dálmatas como aliado ou vasalo dos bizantinos. Isto desencadeou diversos movementos xeopolíticos, entre eles as guerras búlgaro-croatas, durante as cales os emperadores macedonios tiveron unha influencia variábel sobre as cidades dálmatas. A Igrexa tamén incentivou un conflito interno análogo entre as dioceses rivais de Spalatum (sede bizantina) e Nin (sede croata). O poder marítimo veneciano fora contrapesado polos narentinos e croatas ata que Pietro II Orseolo interveu en 998 e 1000 e xestionou dous matrimonios reais con croatas e bizantinos. Baixo Domenico I Contarini, Venecia tomou Iadera, unha das principais bases bizantinas no norte. No do sur do thema, a cidade de Ragusa, aínda baixo control bizantino, foi crecendo en importancia, e foi elevada a arcebispado en 998.

Croacia tivo outro breve período de control sobre as cidade-estado dálmatas con Petar Krešimir IV, pero a invasión normanda cambiou de novo o equilibrio de poder en favor dos venecianos. De feito, en 1075 o conde Amico invadiu Croacia desde Italia do sur en nome das cidades dálmatas (que o convidaran para as protexer do dominio croata). Amico cercou Arbe durante case un mes (de finais de abril a principios de maio). Fracasou en tomar a illa, pero o asedio presuntamente levou á captura do rei croata (cuxa nai era a filla de Pietro Orseolo) nunha localización sen determinar. A cambio da súa liberación, foi forzado a ceder numerosas cidades, incluíndo tanto a súa capital croata como Zara, Spalatum, e Tragurium. Aínda así, durante os dous anos seguintes os venecianos someteron aos normandos e aseguraron as cidades para eles[3].

A comezos do século XI o control bizantino sobre as cidades-estado dálmatas no sur empezou a ser disputado polo principado serbio de Doclea, cuxo gobernante Jovan Vladimir tomou o control de Bar, preto da fronteira co Thema de Dirraquio. Os seus éxitos foron replicados posteriormente por Stefan Vojislav vinte anos máis tarde, e en 1034, a diocese de Bar foi elevada a arquidiocese tras o que houbo guerra con Theophilos Erotikos. O fillo de Stefan Vojislav, Mihailo, obtivo o apoio do papa tras o cisma do Oriente de 1054, debilitando aínda máis a influencia bizantina en Dalmacia.

Excepto en Ragusium e o terzo do sur de Dalmacia, o control bizantino colapsou na década de 1060[1]. Constantino Bodin de Doclea apoiouse no papa Urbano II, o cal confirmou o status de Bar como arquidiocese en 1089 e degradou o status da diocese de Ragusa. Para finais do século XI, o reino de Hungría tomou o control do reino do reino de Croacia e as súas posesións no norte de Dalmacia. Doclea e o sur volveron baixo control bizantino, cando unha serie de conflitos internos tras a derrota e sucesión de Constantino que debilitaron aos seus dirixentes.

O predominio bizantino foi restaurado efemeramente polo emperador Manuel I Comneno (r. 1143–1180), sendo substituído tras a súa morte polo control veneciano[1]. Co ascenso ao trono de Estevo Nemanja, a dinastía Nemanjić tomou control das terras no sur de Dalmacia, mentres que case todas as illas e costas do centro e norte de Dalmacia caían baixo control veneciano desde o século XIII.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Kazhdan 1991.
  2. 2,0 2,1 Nesbitt & Oikonomides 1991, p. 46.
  3. N. Klaić, I. Petricioli, Zadar u srednjem vijeku do 1409., Filozofski fakultet Zadar, 1976

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]