The Stone Roses é unha banda orixinaria de Manchester (Inglaterra), representativa do movemento Madchester de finais dos anos 80. É un dos grupos que máis influíu a bandas da escena Britpop nos anos 90. O grupo separouse no ano 1996, pero no mes de outubro de 2011 anunciaron a súa reunión para realizar dous concertos en Manchester seguidos dunha xira mundial.
Formouse en 1984, con Ian Brown na voz, John Squire á guitarra, Gary Mounfield (de alcume "Mani") co baixo, e Alan Wren, (de alcume "Reni") á batería. A súa música caracterízase por ter atractivas melodías ó estilo dos Beatles combinadas co son dance-beat da época. Con apenas un par de sinxelos obtiveron unha auréola de culto, e a prensa especializada tratábaos con reverencia. A banda só chegou a editar dous discos (un homónimo ("Stone Roses") en 1989 e un segundo disco, "Second Coming" en 1994, longamente demorado por problemas legais coa discográfica Silvertone) antes de separarse por problemas entre os seus integrantes. O primeiro disco obtivo categoría de clásico case antes do seu lanzamento. O segundo é máis irregular pero cunha produción brillante e esmerada (ten, por exemplo, ducias de pistas en branco) con refachos de solidez esmagadora.
Trala separación, Ian Brown iniciou unha carreira solista, mentres que Squire formou the Seahorses e Mani uniuse a Primal Scream. De Reni, o primeiro en abandonar a banda, pouco se soubo ata que anunciou a formación dunha nova banda, The Rub.