Relata a historia dunha familia pobre do estado de Oklahoma, que durante a Gran Depresión de 1929 se ve obrigada a abandonar as terras que ocupaba desde décadas atrás por mor do progreso (chegada de tractores e máquinas) e dun novo réxime de propiedade. Este factor volveu obsoleto o traballo manual de arado e sementado da terra, forzándoos a emigrar cara a California.
A personaxe principal, Tom Joad, regresa a casa logo de tres anos na cadea, e atopa a súa familia lista para marchar despois dun ano de malas colleitas e da presión por parte dos donos da terra para botalos. Cos poucos cartos que lles quedan, logo de vender a maioría das súas propiedades, mercan unha vella camioneta, enchéndoa cos seus colchóns e útiles de uso diario. De camiño cara ao oeste, crúzanse con outras familias que camiñan na mesma dirección e co mesmo propósito, seducidos por promesas de traballo e de bos salarios.
Porén, tales expectativas saen frustradas, pois á chegada decátanse de que hai pouco traballo e está mal remunerado, o que obriga á maioría dos emigrantes a vivir en campamentos temporais ao longo da estrada, sempre atentos á aparición de traballos nos que se precise man de obra barata.