Tharsis Montes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tharsis Montes: de norte a sur, Ascraeus Mons, Pavonis Mons e Arsia Mons. Arriba á dereita atópase Tharsis Tholus, e abaixo, Noctis Labyrinthus, a extensión occidental do Valles Marineris

Tharsis Montes (nome en latín dos Montes de Tharsis) fai alusión xeralmente ás tres montañas de orixe volcánico situadas no chamado avultamento de Tharsis. En ocasións inclúese a Olympus Mons dentro desta denominación, se ben a súa posición está algo mais lonxe das outras montañas, o cal distíngueo coma unha característica peculiar da superficie marciana.

Estas tres montañas son:

  • Ascraeus Mons: é a máis setentrional das tres, situada ó sueste de Olympus Mons. a súa altura absoluta é de 11 km, e a base mide uns 320 km de diámetro. Está formado por coladas sucesivas de lava moi líquida, sendo posiblemente o máis novo dos tres volcáns.
  • Pavonis Mons: é a montaña central, elevándose uns 7 km sobre o avultamento de Tharsis. Presenta extensas caldeiras, provocadas polo colapso, en diferentes momentos, da cámara magmática tralo baleirado do magma. Trazos evidentes deste fenómeno son as depresións circulares existentes no seu cumio. No flanco oriental máis baixo do volcán existe unha cadea de fosas elípticas ou ovaladas, aliñadas de arriba a abaixo no centro dun desfiladeiro pouco profundo. Estas estruturas posiblemente formáronse polo colapso asociado a unha falla; a escarpa a ambos lados do desfiladeiro sería a propia liña de falla, o cal parece indica-la existencia de procesos de tectónica de placas nalgún momento da historia xeolóxica de Marte.
  • Arsia Mons: é o volcán máis meridional, e posiblemente o máis antigo dos tres. A súa altura é de 9 km, sendo o máis grande dos tres en canto a volume. A súa caldeira mide 110 km de diámetro.

Ó erixirse sobre o avultamento de Tharsis, que pode alcanzar unha altura duns 20 km sobre sobre a superficie media do planeta, a altitude relativa media dos tres volcáns é semellante á de Olympus Mons, uns 25 km sobre a superficie marciana.

Outra estrutura a destacar é Tharsis Tholus, un pequeno cono volcánico situado 800 km o Leste de Ascraeus Mons, cunha altura (8 km) que é sensiblemente inferior á do Everest. Os seus flancos oriental e occidental son semellantes, coma derrubados sobre si mesmos, fenómeno producido presuntamente polo colapso da estrutura ó baleirarse a cavidade magmática.

A orixe destas tres montañas, así coma a do avultamento de Tharsis, poden deberse a un punto quente situado baixo a cortiza de Marte, a cal, segundo a teoría da tectónica de placas, desprazaríase cara ó Norte na rexión de Tharsis na época de formación das montañas, un fenómeno semellante, aínda que a grande escala, ó que pode apreciarse nas illas Hawai.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]