Testemuña ocular
![]() | Atención: Este artigo ou sección semella conter investigacións orixinais. |
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2017.) |
Na súa acepción máis ampla, testemuña é aquela persoa que é capaz de dar fe dun acontecemento por ter coñecemento do mesmo.[1]
Testemuña no dereito procesual[editar | editar a fonte]
En dereito, a testemuña é unha figura procesual. É a persoa que declara ante un tribunal sobre feitos que coñece e que son considerados relevantes por algún dos litigantes para a resolución do asunto obxecto de controversia. Dita declaración recibe o nome de testemuño.[2] Este medio de proba existe tanto en materia civil como en materia penal, aínda que a respectiva regulamentación adoita ser diferente.
A testemuña pode ser presencial ou non presencial (aquel que declara sobre algo que ouviu ou lle contaron).
O testemuño é unha das distintas probas que poden proporse nun xuízo. A súa validez depende da credibilidade da testemuña, que á súa vez depende dunha serie de factores como a afinidade ou inimizade que poida ter con algunha das partes.
Un caso especial é o do perito, que nalgúns réximes (e en especial nos sistemas baseados no common law anglosaxón) considérase unha testemuña de categoría particular. Noutros ordenamentos o perito non se considera unha testemuña, senón que é unha figura distinta e con outro tratamento. Entre outras diferenzas, o traballo do perito adoita ser remunerado.
Xuramento e responsabilidade[editar | editar a fonte]
Normalmente a testemuña é sometida a xuramento ou promesa de dicir a verdade. Nalgúns réximes (sobre todo do common law) isto dá orixe a responsabilidade criminal baseada en que a declaración falsa se tipifica como delito de perxurio. Noutros réximes (como en España e a maioría dos países latinoamericanos), existe como figura autónoma o delito de falso testemuño. Polo xeral, esta responsabilidade penal depende da "falsidade subxectiva": o criterio que a determina é a incongruencia entre o que a testemuña declara e o que sabe ou lle consta, e non unha incongruencia entre o declarado e a verdade obxectiva.
O testemuño adoita ser obrigatorio, salvo cando median certas relacións de parentesco e cando existen prohibicións ou dispensas estabelecidas pola lei (por exemplo, o segredo profesional).
As partes nun xuízo poden ter un réxime especial en canto á obrigación de prestar testemuño. Por exemplo, en moitos ordenamentos xurídicos as partes (e o acusado no proceso penal) non están obrigadas a prestar testemuño, ou a facelo baixo xuramento, ou ben a súa declaración considérase un medio de proba diferente.
Requisitos[editar | editar a fonte]
Non existen uns requisitos específicos que permitan ser ou non ser testemuña nun xuízo. Pola contra, cada ordenamento xurídico regula no seu dereito procesual as características que debe de ter a persoa para ser testemuña en xuízo.
Por iso existen países onde calquera persoa con capacidade de contar o visto ou oído pode ser testemuña, mentres que noutros se limita dita posibilidade, principalmente aos menores de idade e aos incapaces, con idea de buscar a súa protección, e tendo en conta que polas súas características son testemuñas obxectivamente menos fiables.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para testemuña.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para testemuño.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Testemuña |