Saltar ao contido

Tercio de Gallegos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Terzo de Galicia»)
Escudo de Galicia na bandeira do terzo.

O Tercio de Gallegos ou Tercio de Galicia, tamén coñecido como Regimiento de Gallegos, Tercio de Voluntarios Urbanos de Galicia, Batallón de Voluntarios de Galicia ou simplemente Batallón de Galicia, foi o segundo corpo armado da nación Arxentina. Estaba constituído por emigrantes galegos no Río da Prata organizados como resistencia contra as Invasións Inglesas ao Vicerreinado do Río da Prata. O terzo foi desarmado pola súa participación nos tumultos da Asuada de Álzaga, evento conducinte á Revolución de Maio e a constitución da primeira Xunta de Goberno, onde Bernardino Rivadavia, membro do terzo na súa xuventude, é declarado como primeiro presidente da Arxentina, xefe de estado das Provincias Unidas do Río da Prata.[1]

O terzo deriva da colaboración de dúas principais institucións: a "Congregación del Apóstol Santiago el Mayor, de Hijos y Oriundos del Reyno de Galicia" e a Escola de Náutica, sendo o seu director o comandante do terzo, o enxeñeiro galego Pedro Antonio Cerviño. Nesta institución impartíase instrución militar, dado que naquel entón os mercantes estaban armados con artillaría por protección antes os ataques piratas, polo que se pode considerar a esta insitución como o primeiro colexio militar da Arxentina.[2]

A Escola viuse copada por emigrados galegos con tradición mariñeira, entre os máis destacados, o vice director Juan Carlos O'Donnell Figueroa, galego de ascendencia irlandesa; os cadetes Bernardino Rivadavia, primeiro presidente arxentino en 1826 - fillo de Benito González Rivadavia, un dos fundadores da Congregación do Apóstolo Santiago e mando militar do terzo -, así como Lucio Norberto Mansilla, crioulo con orixe galega, que posteriormente cruza os Andes co Xeneral San Martín para comandar as tropas na batalla máis significativa da soberanía arxentina: o combate da Vuelta de Obligado.

A "Congregación del Apóstol Santiago", constituída en 1787, achegou a gran maioría de integrantes no terzo, así como o segundo comandante, José Fernández de Castro, e o mando militar Benito Rivadavia.

Trala reconquista da cidade de Buenos Aires por Santiago de Liniers, francés ao servizo de España, na cidade convocouse un Cabido Aberto no que os veciños principais esixiron que o Vicerrei cedera o goberno militar da cidade a Liniers. Evento relevante cara a Revolución de Maio onde a cidade americana comeza a imporse sobre a autoridade real.

O 12 de setembro de 1806 Liniers ordenou formar milicias populares. Os corpos militares españois eran, de acordo á rexión de orixe, o "Tercio de Vizcaínos", os "Miñones Catalanes", os "Cántabros de la Amistad"; os "Andaluces y Castellanos"; e o "Tercio de Gallegos", que con 600 soldados era o segundo en importancia.

Para o 20 de setembro o Cabido aproba o regulamento da unidade, no que destaca o feito de que os seus comandantes e oficiais eran elixidos democráticamente pola tropa. Así se organizan 8 compañías de fusileiros e unha de granadeiros, encargados de tirar granadas para romper as paredes dos cercos e que puidera pasar o resto da tropa.

A sublevación de Álzaga impuxo un desarme sobre o terzo, como represalia formal por tomar parte nos tumultos, na que se lle retiraron as armas, instrumentos e bandeiras. Cando a mediados de 1809 chega o novo Vicerrei, Baltasar Higalgo Cisneros, nomeado pola Xunta Suprema de Sevilla, devolve, nun acto público de mediación no conflito, o armamento e as insignias aos galegos.

Na opinión do historiador Horacio Vázquez o "Tercio de Gallegos" deixa de funcionar polos antagonismos presentes dentro do rexemento entre os anos 1809 e 1810. Por unha banda os patriotas, os que propugnaban unha xunta de goberno local, con Cerviño e Bernardino Rivadavia. Por outra banda, a facción realista, que quería manterse leal ao soberano, encabezada por Jacobo Adrián Varela e Bernardo Pampillo, con influencia dentro do terzo. O terzo segue a ter visibilidade até a Revolución de Maio momento no cal córtanse os lazos con toda referencia hispánica.[3] .

Homenaxes

[editar | editar a fonte]

Tras aproximadamente douscentos anos, en xullo de 1995, o "Tercio de Gallegos" volve marchar fronte ao Cabido de Buenos Aires, como Garda de Honra Histórica da Escola Nacional de Náutica "Manuel Belgrano".

Ao ano seguinte a Xunta de Galicia, con motivo do 190º aniversario da súa creación (o 20 de setembro de 1806), reedita o libro de Manuel Castro López, "El Tercio de Voluntarios Gallegos en la Defensa de Buenos Aires". Desde 1995 lévanse realizados máis de 150 servizos cerimoniais e de protocolo, entre elas a entrega da Medalla de Prata de Galicia.[4]

  1. Vilanoba Rodríguez, Alberto (1966). "Los gallegos en la Argentina". Ediciones Galicia. p. 189. 
  2. Luna, Félix (1995). "Historia integral de la Argentina". Editorial Planeta Argentina. p. Tomo IV. 
  3. Vázquez, Horacio (Marzo 1998). "Tercio de Gallegos". Periódico "Mundo Gallego". 
  4. Vázquez Rivarola 1999.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]