A 42ª edición da Liga española de hóckey a patíns, denominada OK Liga, iniciouse o día 2 de outubro do 2010 e finalizou o 28 de maio do 2011. Nesta edición, ao igual que na anterior, non se disputou play-off polo título, polo que o campión da liga regular será o campión da liga. Os equipos ascendidos de Primeira División foron o CP Voltregà (campión) e o C.E. Vendrell (subcampión). A novidade desta tempada respecto da anterior é a redución do número de equipos, polo que se pasou de 16 equipos a 14. Ao contrario que na edición anterior, nesta serán 3 os equipos de descendan a Primeira, fronte aos catro da pasada campaña. O campión desta edición da liga foi o Tecnol Reus Deportiu, que gañou o seu 5º título de liga.
O equipo máis goleador foi o Barcelona Sorli Discau con 117 goles, o menos goleador foi o C.H. Lloret con 54 goles. O equipo menos goleado foi o Barcelona Sorli Discau con 55 goles encaixados, mentres que o C.P. Tenerife foi o equipo máis goleado da competición con 108. Raúl Marín (Tecnol Reus Deportiu) foi o "pichichi" con 40 goles.
Esta tempada da OK Liga supuxo a fin do dominio que o FC Barcelona tiña dende a tempada 1997-98 e que supuxo a consecución de 13 títulos consecutivos para o equipo culé (ata o inicio desta época o club barcelonés contaba con 10 títulos). O mal inicio da competición ligueira do FC Barcelona fixo que os culés se viran a 7 puntos da cabeza da liga comandada polo Coinasa Liceo e o Tecnol Reus Deportiu (33 puntos cada un polos 26 do Barcelona) no seu particular man a man polo título, malia este mal comezo, o Barcelona foi recortando a diferenza respecto dos dous primeiros, mostrando unha notable mellora, especialmente dende a consecución da Copa do Rei. Na xornada 24 o FC Barcelona aínda contaba con escasas opcións matemáticas de conquistar o seu 14º título de liga consecutivo, tódalas súas esperanzas pasaban por gañar en Reus ao Tecnol Reus Deportiu, porén tódalas súas opcións se desvaneceron co empate a 2 goles conseguido en Reus e que o situaba a 7 puntos do Tecnol Reus e a 4 do Coinasa Liceo cun partido menos a falta de dúas xornadas (6 puntos). Finalmente o título foi ás vitrinas do Reus Deportiu, que aproveitou o tropezo do Liceo en Barcelona (7-4) na última xornada e gañou o seu partido contra o Tenerife en Reus (4-1), enviando aos canarios a Primeira División, deste xeito, o Reus Deportiu conquistaba o quinto título ligueiro da súa historia 38 anos despois do último e poñendo fin ao dominio do FC Barcelona.
Pts = Puntos totais PX = Partidos xogados PG = Partidos gañados PE = Partidos empatados PP = Partidos perdidos
GF = Goles a favor GC = Goles en contra DG = Diferenza de goles (GF-GC) Resaltado en verde = Equipo campión de liga. Resaltados en vermello = Equipos que descenden de categoría.