Teatro de Epidauro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 37°35′46″N 23°04′45″L / 37.59611, -23.07917

Santuario de Asclepios en Epidauro
ThéatreEpidaure.jpg
Teatro de Epidauro
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísGrecia Grecia
LocalizaciónEpidauro, Argólida
TipoCultural
Criteriosi, ii, iii, iv, vi
Inscrición1988 (XII sesión)
Rexión da UNESCOEuropa
Identificador491

O teatro de Epidauro (en grego antigo Ἐπίδαυρος Epìdauros, en grego moderno Επίδαυρος Epìdavros) é un teatro antigo da Argólida, edificado no século IV a. C. para acoller as Asclepeia, concurso en honra do deus médico Asclepio. Foi o modelo de numerosos teatros gregos ao regularizar e perfeccionar a súa estrutura.

Historia[editar | editar a fonte]

Teatro de Epidauro

A principios do século IV a. C., tiña lugar unha festa panhelénica cada catro anos en Epidauro, no santuario de Asclepio, as Asclepeia, que combinaban probas ximnásticas e musicais. A uns 500 m ao sueste do santuario, sobre un lugar que permitiu encostar o koilon (conxunto de bancadas) no flanco dun outeiro, o arquitecto e escultor Policleto o Mozo comezou os traballos para erguer o teatro cara ao 350 a. C.[1]

O teatro e o santuario houberon sufrir diversos avatares pois foron saqueados en 267 polos hérulos, e despois en 395 polos godos de Alarico I. Con todo, os estragos quedaron limitados. Até principios do século XIX, o teatro considerábase desaparecido cando un viaxeiro inglés, W. Gell, revelou o plano das ruínas. Tamén este mítico lugar foi o sitio escolleito para proclamar a independencia de Grecia en 1822.

De todos os teatros antigos, o teatro de Epidauro é o mellor conservado, pois se atopaba ben conservado ao longo dos séculos por mor do piñeiral co que estaba recuberto e que conseguiu que non fose destruído. Restáurase parcialmente en 1954 e, dende 1955, celébrase un festival anual que reanimou o teatro. Unha das actuacións máis lembradas celebrouse o 24 de de agosto de 1960 cando se representa a ópera, Norma de Vincenzo Bellini , con Maria Callas no papel principal. 

O santuario de Epidauro -que inclúe o teatro, os templos de Artemisa e Asclepio, o Tholos, o Enkoimeterion, os Propileos, a sala de banquetes e os baños-, é un relevante exemplo da arquitectura helénica do século IV a.C., e dende 1988 está inscrito na Listaxe do Patrimonio Mundial da UNESCO.[2]

Estrutura[editar | editar a fonte]

Reconstrución da planta do Teatro de Epidauro

Elementos técnicos e estruturais[editar | editar a fonte]

Espazo exterior[editar | editar a fonte]

Sito na aba dunha montaña, tívo que erguerse un muro para evitar que a montaña se fendera. O teatro de Epidauro, ademais, conta con muros laterais de contención do terreo, necesarios polas súas grandes dimensións.

Elementos interiores [editar | editar a fonte]

Tipo de planta

Circular, 120 m de diámetro. Divídese en tres partes: a orquestra (o núcleo ou parte central; a cávea, con forma de ferradura; e a escena, dividido en dúas partes, a escena (skene —de σκηνή 'espazo escénico') propiamente dita, e o proscenio, que é onde actuaban os actores.

Partes

Reconstrución ideal dun teatro grego

Os teatros estaban formados basicamente por tres partes claramente diferenciadas: nun desnivel natural (koilón) de 24 metros do terreo situábase a cávea, de 120 metros de diámetro, e que estaba dividida en dous niveis por un corredor medianeiro, ou diazomata. A parte inferior do hemiciclo estaba dividida en 12 cuneus con 34 ringleiras, mentres que na zona superior aparecen 22 cuneus con 21 ringleiras observándose a relación da proporción áurea[3]. As dúas partes máis afastadas da cávea sobrepasan o semicírculo e achéganse cara a escena. 

O teatro estaba organizado arredor da orchestra, de 20 m de diámetro, era un círculo de terra batida sito entre a cávea e o o escenario, onde os membros do coro cantaban acompañados por frautas aquelas partes da traxedia ou da comedia que suscitaban comentarios, lamentos ou advertencias. No seu centro había unha pedra[3] que marcaba o lugar onde, anteriormente, estaba o altar adicado a Dioniso, pois os templos, orixinariamente, tiñan unha función relixiosa e celebrábanse ofrendas a este deus. A cávea rodeaba dúas terceiras partes da orquestra (superando o ángulo de 180º) e a parte restante estaba pechada polo que conformaba a escena. 

En realidade, o teatro non tiña fachada propiamente dita e os actores entraban polos laterales, os párodos. Tense afirmado que o edificio da escena estaba composta dun pórtico de orde xónica de 4 m de altura por 2 m de profundidade. Tamén se debate sobre se o proscenio, ao que se accedía mediante dúas ramplas laterais, foi engadido con posterioridade. Nesta zona, habería unha estrutura de columnas xónicas sen frescos nin mosaicos. O escenario contiña un rudimentario mecanismo de panos para permitir o cambio dos actores ou dos decorados (pinake); este mecanismo, ao revés dos panos actuais, saía do chan e ocultábase a través dunhas aberturas practicadas no pavimento diante da propia escena.

Unha das principais vantaxes deste teatro, probablemente debido a un coidadoso cálculo do tamaño da escena e á curvatura da cávea, é que o son, amplificado pola perfecta acústica, permite escoitar os actores dende as bancadas máis elevadas. Estímase que este teatro puido chegar a ter unha capacidade de máis de 14.000 espectadores[4] en total, o cal o converte nun dos teatros antigos máis grandes e con maior capacidade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hartt, Frederick (1989). Arte. Historia de la pintura, escultura y arquitectura. Colección Arte y Estética. Akal. p. 206. ISBN 978-84-7600-411-1. 
  2. "Listaxe do Patrimonio Mundial da UNESCO". Arquivado dende o orixinal o 21-09-2014. Consultado o 6-10-2016. 
  3. 3,0 3,1 Leveque, Pierre (2006). Tras los pasos de los dioses griegos. Colección Universitaria. Akal. p. 247-248. ISBN 978-84-460-2248-0. 
  4. Honour, Hugh; Fleming, John (2004). Historia mundial del Arte. Colección Arte y Estética. Akal. p. 158. ISBN 978-84-460-2092-9. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Armin von Gerkan et Wolfgang Müller-Wiener, Dás Theater von Epidauros, éd. W. Kohlhammer, Stuttgart, 1961 ;
  • M. Sève, «Les concours d'Épidaure», Revue des études grecques, 106 (1993), p. 303–328.