Saltar ao contido

Conversa:Tiburóns

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Untitled

[editar a fonte]

Movido desde quenlla polas razóns expostas nesta conversa. Pedro --Lameiro (conversa) 21:34, 18 de decembro de 2011 (UTC)


Quenlla ou tiburón?

[editar a fonte]

Quixera expoñer á consideración dos membros da Galipedia unha suxestión sobre este artigo.

Penso que se debería subustituír a entrada Quenlla por Tiburón (despois, xa serían horas de mellorar o artigo). E digo o por qué, xa que é a miña teima desde hai anos. Comentaba hai tempo en O Correo Galego de Santiago (1996 e 1998) [estes comentarios están recollidos no meu libro Lingua e ciencia (Xerais, 1999)] que, de un tempo para acá estábase a observar unha paulatina desparición da palabra tiburón nos medios de comunicación, tanto falados coma escritos, e tamén —o que se cadra era máis grave— nos libros de texto de ensino primario e secundario, substituída sempre por quenlla. Cando reparei no asunto, estiven revolvendo nos meus libros por ver se lle encontraba explicación a este feito. E acheina. E, como outras veces (por exemplo no caso orina/urina), no Diccionario de dúbidas de Galaxia, elaborado por exexetas do VOLG (ou VOLGa, como parece que se di agora, en contra das normas ortográficas) que nos explican o que non explica este (especialmente tendo en conta que, daquela, o VOLG era invisíbel, e só podían acceder a el algúns privilexiados que manexaban versións fotocopiadas). Nese dicionario rexéitase a voz tiburón por considerala castelanismo, e proponse o termo, a xuízo dos seus autores, correcto: "En vez desta forma castelá (de orixe escura, posiblemente procedente do port. tubarão ou dunha lingua do Caribe), úsese a forma galega quenlla para designar este peixe de tres a cinco metros, caracterizado por ser moi perigoso. Literariamente emprégase tamén a variante tabeirón, que non inclúe o VOLG".

O rexeitamento que de tiburón fai o Galaxia de dúbidas comporta tres tipos de erros, ao meu entender. En primeiro lugar, se unha palabra non está incluída no, daquela, misterioso VOLG, non quere dicir que forzosamente non exista, senón que, simplemente, puidera suceder que non estea (aínda) recollida. (De feito, as versións fotocopiadas deste Vocaburario ían engordando ano a ano). Por outra parte, os autores recoñecen que tiburón, e a súa variante tabeirón, teñen uso literario.

En segundo lugar, é certo que a orixe da voz tiburón non está ben dilucidada, quizais derive do tupí uperú ou iperú, como suxiren varios dicionarios españois e portugueses, e seguramente chegou ao castelán a través do portugués tubarão, e case seguro que do castelán pasou para o galego.

Nota sobre a etimoloxía. A título de exemplo, cito:
Dicionário Houaiss: de orig. obsc.; segundo JM prov. de idioma sul-americano.
Dicionário de Porto Editora: de etim. duv.
DRAE: de or. inc.
Diccionario enciclopédico Salvat Universal: de orig. incierto, probablemente del tupí uperú o iperú, a través del port. tubarão.
Corominas: 1519. En portugués tubarão, 1500, en catalán tauró. Origen incierto. Probablemente tomado, por conducto del portugués, del tupí uperú (o iperú), con aglutinación de una -t- que en este idioma funciona a modo de artículo.
(Xa se vé de onde obtivemos a información o Salvat e mais eu).

Pero o feito de ser un probábel castelanismo (de orixe portuguesa, iso si) non abonda para desbotar, sen máis, unha palabra utilizada por todos os galegos, incluídos os mariñeiros e os especialistas en ictioloxía, como podemos ver se folleamos a Guía dos peixes de Galicia, de Rodríguez Solórzano, Devesa Guerreiro e Soutullo García (Galaxia, 1983), ou Peixes do mar de Galicia(I). Lampreas, raias e tiburóns, de Rodríguez Villanueva e Vázquez Álvarez (Xerais, 1992), no que os tiburóns saen incluso no título. Tamén son casteláns armadillo, chinchilla e cochinilla (e bocadillo), que se usan normalmente en galego. A única razón pola que debemos refugar un castelanismo é a de existir unha palabra galega equivalente. É por iso loábel que se traten de cambiar pulpo, calamar, rape e gallo, por exemplo, polos galegos polbo, lura, rabada (ou peixe sapo) e rapante (ou meiga). Parece ser esta a razón aducida polos autores do Galaxia de dúibidas: é dicir, que para o concepto tiburón, xa temos o galego quenlla.

Pero non é este o caso, o que constitúe o terceiro e quizais máis garve erro. O tiburón non é só "un peixe de tres a cinco metros, caracterizado por ser moi perigoso". Os tiburóns, en plural, constitúen un grupo dunhas 300 especies, chamado dos pleurotremados (e desigandos tamén moitas veces como escualos), que son peixes cartilaxinosos ou selaquios (ou selacios, como prefire a Real Academia Española, e tamén o VOLG, admitindo por esta vez —e non a única— o castelanismo), caracterizados polo seu corpo esvelto, fusiforme, coa cabeza rematada nun fociño máis ou menos agudo, o que os distingue das raias ou hipotremados, o outro grupo en que se dividen os selaquios. E, desde logo, non todos miden de tres a cinco metros de lonxitude: o tiburón anano, Squatiolus laticaudis, a penas chega aos 30 cm, mentres que hai outros que poden superar os 15 m, como Cetorhinus maximus, o peixe bobo, tamén chamado polos nosos mariñeiros peixe momo e mormoso (nomes todos eles que aluden, como vemos, á ferocidade que, segundo o Galaxia de dúbidas, caracteriza ás quenllas). Polo tanto, o "castelanismo" tiburón non debería poderse substituír por quenlla, que non é unha voz xenérica, senón o nome galego dunha única especie, Prionace glauca, que nin sequera se axusta á pintoresca definición do Galaxia, xa que pode medir até 6 m. Outras "quenllas" que teñen nome propio en galego son Carcharodon carcharias, o famoso (polos documentais da televisión, e polo cine) que é o tiburón branco (ou deberemos dicir a "quenlla branca"?), de 10 m de lonxitude; Alopias vulpinus, o raposo de mar ou peixe raposo, de 6 m; e Lamna nasus e Isurus oxyrhinchus, que son os marraxos, ambos os dous de 4 m, entre outros. Sen contarmos os numerosos tiburóns de menor tamaño, moitos deles tamén con nomes vernáculos, dos que destaca o melgacho, Scyliorhinus canicula, que alcanza, como máximo, os 100 cm de lonxitude.

Á hora de buscarmos un termo xenérico vulgar para distinguirmos un grupo de animais para os que non existe voz propia, un dos procedementos —moi discutíbel neste caso, xa que temos tiburón, sexa castelanismo ou non— pode ser o de ampliar o campo semántico dunha voz patrimonial, aquí quenlla, que se estendería a todos os pleurotremados, para así igualarnos co francés, co seu requin, ou co inglés e o seu shark. Pero aínda así tampouco é admisíbel a proposta do Diccionario da Real Academia Galega (DRAG):

"quenlla. s.f. 1. Calquera dos peixes mariños, carnívoros en moi voraces, de corpo alongado e en forma de fuso, boca situada na parte inferior da cabeza, arqueada e provista de varias filas de dentes, dos que existen distintas familias e arredor de trescentas especies, algunhas delas de gran tamaño. 2. Especie de quenlla que pode acadar entre tres e catro metros de lonxitude, con dentes triangulares, de cor azul escura no dorso e branca na rexión ventral e que ten costumes nocturnos."

De adopar esta solución habería que colocar como primeira acepción a que figura en segundo lugar (é dicir, a definición da auténtica quenlla) e despois, en todo caso, como segunda acepción e precedida da marca por extensión, a que figura no primeiro. Así, do particular, o nome autóctono e auténtico dun peixe, pasaríase ao xeral, o nome dun grupo de peixes para o que non temos denominación, e non ao revés.

Pasados poucos anos destes comentarios escrbín no Correo outro artigo (non publicado en libro) que titulaba Xa temos tiburóns! no que, despois de recordar algunhas destas cousas xa comentadas, e engadir que nas dúas guías anteditas figuraban o tiburón anguía e o famoso tiburón branco, e que engadían os nomes galegos auténticos, de os ter, aos científicos das especies recollidas: bocadoce, cazón, gata de mar, marraxo, melga, melgacho, peixe anxo, peixe bobo, peixe martelo, peixe porco, peixe rato, raposo de mar, roxa e zapata (e tamén quenlla, claro), citando só os considerados como "oficiais" ou "principais" (en realidade "oficiosos", porque aínda non temos unha lista patrón), porque moitos deles teñen varios sinónimos e, de os citar, non me collerían no artigo, pasei a comentar o por qué do parabén que sentiamos os defensores dos tiburóns (como vimos, non son eu o único).

A razón desta satisfacción era que a Xunta de Galicia publicara, no ano 2000, a obra de Lahuerta e Vázquez Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos (VMOA), co cuño do Termigal, o Servicio de terminoloxía galega do Ramón Piñeiro, dirixido por Manuel González González, que se encargou do tratamento lingüístico e terminolóxico, e que, ademais, é académico e director do Seminario de terminoloxía da propia RAG.

Pois ben, neste Vocabulario figuran os nomes (científicos, galegos, españois, ingleses, franceses e portugueses) de nada menos que 47 tiburóns, se non contei mal, algúns deles coas denominacíóns anteditas (as das guías), con tan só algunas variacións (por exemplo, denominar tiburón raposo ao raposo de mar das guías (e dalgúns mariñeiros), introducindo algúns nomes galegos novos, como carocho, cornuda (con tres especies), galludo e lixa (con catro especies); todos os demais son tiburóns, con diversos cualificativos para diferencialos, entre outros, o anguía e o branco.

Que vai facer agora a Real Academia? Aceptará dunha vez o termo tiburón, ou continuará teimando coa quenlla? O uso de quenlla como nome xenérico, é una escolla, unha limpeza ou unha innovación? Recordade o lema do seu brasón ou insignia: Colligit, Expurgat, Innovat. Na miña modesta opinión, é unha innovación abusiva. E o rexeitamento de tiburón, unha expurgación non demasiado xustificada.

A solución, na próxima primavera, cando vexa a luz o anunciado novo Dicionario. E polo que parece, si vai entrar en razón: desde o ano 2004 podemos ver, na edición impresa do VOLG, tiburón m. --Xoio (fálame) 21:22, 6 de xaneiro de 2011 (UTC)

Todo isto que apuntas é moi interesante, e polo que dis a escolla do título deste artigo é unha de tantas nas que houbo que nadar entre dúas augas, pois cos nome dos animais, en especial dos mariños, non hai unanimidade en moitos dos casos. De todos modos a política da Wikipedia (de calquera delas, non só dista) é manterse dentro do que é referenciable, e tamén tomas a Academia Galega como guieiro neste eido. Aínda que vexo moito sentido común a todo o que dis, eu non apoiaría o cambio de nome no artigo sen referencia sólida, a pesar do sólidos que semellan os teus argumentos. Probablemente estes serían ben recibidos polo equipo da academia ou de Xerais, por exemplo, e tidos en conta para a elaboración das súas futuras edicións de vocabularios e dicionarios. Non sei se estarías a favor de tomar tiburón como título alternativo redirixido a quenlla, pero hoxe é a mellor solución que se me ocorre. Xoacas(ti si que es lindo, ho) 21:37, 6 de xaneiro de 2011 (UTC)

Considero que é unha explicación moi documentada que aclara bastante sobre o uso do nome. Eu creo que son referencias sólidas, ademais de todas as achegadas, que o VOLGa acepte tiburón como forma galega e que o VMOA lle dea validez á forma tiburón, penso que son avais máis que suficientes para mudarlle o título pese ao mantemento, cando menos ata a saída da nova versión xa que a actual é de 1997, de quenlla como o nome deste conxunto de peixes no Dicionario da Academia.--Cheluco 21:42, 6 de xaneiro de 2011 (UTC)
Engadido, figura no Catálogo da Real Academia [1], o que penso que é sinal que se vai engadir na vindeira edición do dicionario, que está por saír.--Cheluco 21:47, 6 de xaneiro de 2011 (UTC)

Perdérame entre tanta explicación, acabo de ver que o VOLG o recolle. Outra cousa é se ese é o mellor título para este artigo, pero eu niso non podo entrar. Xoacas(ti si que es lindo, ho) 22:00, 6 de xaneiro de 2011 (UTC)

  • O VOLGa recólleo (VOLG e TVG léronse tradicionalmente como VOL-Ga e TV-Ga (hoxe gue), de aí que pasase a VOLGa, non porque veña da primeira sílaba de ga-le-ga), e tamén o fai o Gran Xerais. Tiburón: s.m. peixe selacio mariño da suborde dos escuálidos, de tres a cinco metros de lonxitude, de corpo fusiforme, potente cola heterocerca, fendeduras branquiais laterais e boca en posición ventral armada de fortes dentes. ETIM tupí [t]iperú, id. Así as cousas, eu optaría por facer o cambio pero deixando unha nota a pé de páxina ao respecto do nome, cun pequeno resumo do exposto por Xoio e explicando tamén que o VOLGa e outros dicionarios de referencia recollen a forma tiburón igual que recollen quenlla. --Atobar (conversa comigo) 00:50, 7 de xaneiro de 2011 (UTC)
    • Queda claro que o DRAG (e outras fontes, pero a nosa referencia para as entradas sempre foi o DRAG e mailo VOLGa) considera sinónimos quenlla e tiburón. Asimesmo, quenlla é o nome dunha especie concreta (Prionace glauca). Sobre estas bases, non vexo razóns para cambia-lo nome do artigo salvo a preferencia particular que poidamos ter dunha forma sobre a outra. Dito con outras palabras: para falarmos do grupo de peixes, que é do que fala este artigo, ¿en que nos baseamos para preferir tiburón e cambia-lo título?. Só vexo un argumento, de peso, iso si, e é deixar libre o nome de quenlla para un futuro artigo sobre esa especie en particular. Quizais abonde con esta razón pero non será por preferir tiburón sobre quenlla como nome xenérico. Pedro --Lameiro (conversa) 17:33, 7 de xaneiro de 2011 (UTC)
      • Desculpa, Lameiro, pero non queda tan claro. O VOLG admite tanto quenlla coma tiburón. Canto ao DRAG (actal) rexeita expresamente, con asterisco (*), tiburón, e remite para quenlla. Non sei se, no Vocabulario on line admite tamén tiburón (a miña computadora ten problemas e non me permite acceder á ligazón), pero é de supoñer que así sexa, xa que o admite o VOLG; pero, ao tratarse dun vocabulario, non sei se fai constar exprersamente a equivalencia de ambos os termos ou se limtará, simplemente, a admitilos, como o VOLG.
      • Polo que respecta ao de basearme (eu) en querer cambiar o nome do colectivo de peixes é por dúas razóns: a maioría da xente, especialmente a do mar, e moitos escritores, usan tiburón (algúns, a variante tabeirón), así, como vimos, os autores das guías antecitadas, e tamén os do VMOA, respaldado, como se sabe, polo Termigal. A outra, a definición que, no DRAG acutal, se fai de quenlla, dando como primeira acepción "o conxunto de peixes" e, como segunda, o de "peixe concreto" (a única e verdadeira quenlla de mariñeiros e especialistas). No caso de que se quixer tomar un nome concreto e estender o seu significado a un colectivo (como, por exemplo, se fai en carballo), non habería inconveniente ningún en aceptar esa proposta, pero, iso si, cambiando a orde das acepcións, de querermos ser rigorosos. Ao cabo, eu son segudor da norma académica (son académico correspondente da RAG, e o fago por convencimento, non por non querer que me boten). Aínda que, de forma particular, e pola primeira das razóns, prefira tiburóns como nome do colectivo. Por iso a miña proposta, aquí, foi a de suscitar este problema, para que vós decidades cal é a solución axeitada, á espera da próxima edición do novo DRAG, segundo din moi ampliado e mellorado. Eu teño algungha confianza (non moita) en que cambien de criterio; tamén cambiaron outras veces (réptil, ruminante, parasito, glicosa, urina, etc.). Así que a esperar á primavera, a ver como quedou o dicionario (e a ver se deixa de chover, carafio).--Xoio (fálame) 15:32, 8 de xaneiro de 2011 (UTC)

Despois de ampliar o artigo (aínda está sen rematar a ampliación) e tendo en conta as seguintes definicións do dicionario on line da RAG, deste mesmo ano:

quenlla2 s.f. 1. Peixe mariño da subclase dos elasmobranquios, de corpo fusiforme, boca ventral, arqueada e provista de varias filas de dentes cortantes, do que existen distintas familias e arredor de trescentas especies, algunhas delas de gran tamaño. Unha quenlla de nove metros. SIN. tiburón. 2. Peixe da subclase dos elasmobranquios (Prionace glauca), que pode acadar entre tres ou catro metros de lonxitude, con dentes triangulares, cor azul escura no dorso e branca na rexión ventral e que ten costumes nocturnos. Nas costas galegas, a quenlla péscase con palangre.
tiburón s.m. Peixe mariño da subclase dos elasmobranquios, de corpo fusiforme, boca ventral, arqueada e provista de varias filas de dentes cortantes, do que existen distintas familias e arredor de trescentas especies, algunhas delas de gran tamaño. Os tiburóns brancos son moi voraces. SIN. quenlla2.
escualo s.m. Zool. Peixe da subclase dos elasmobranquios, do que existen diferentes especies. A quenlla é un escualo.

Penso que xa non hai problemas normativos para considerar quenlla, tiburón e mesmo escualo como sinónimos. A Academia, lentamente (como se debe facer) vai dando pasaos. Pero queda aínda un problema sen resolver, dada a persistencia da Academia en considerar quenlla, en primeiro lugar, como nome xenérico de todos os peixes elasmobranquios e, secundariamente, como o nome dunha especie de elasmobranquio, Prionace glauca, tomando o particular como xeral, pero en orde inversa ao que é habitual nestes casos (ten todo o dereito a facelo, obviamente). Porque o que si é claro, segundo a bibliografía consultada, é que quenlla é, para os mariñeiros galegos, así como para os ictiólogos, o nome dunha única especie, a mencionada Prionace glauca. E iso ten un inconveniente na Galipedia á hora de redactar unha páxina dedicada a esta especie, cousa que vou a acometer de contado, que terei que titular quenlla (stricto senso) para que non a redirixa cara a esta.
Canto ao problema inicial do nome deste artigo, quenlla ou tiburóns, penso que talvez sería o máis apropiado, dada a redacción actual, Selaquimorfos, adaptando o nome científico desta subclase de elasmobranquios (os da outra, Batoidea (as raias), pouco teñen que ver coas quenllas. --XoioÉche o que hai 18:23, 10 de novembro de 2012 (UTC)

  • Unha opinión. Na Galipedia temos como norma recorrer ó nome máis común para os títulos. Neste caso, está claro que Selaquimorfos non cumpre esa norma, tendo á man o de tiburóns. Creo que deberíamos manter este (tiburóns) como título e redirixir a el todo o demais (diría o mesmo respecto á preferencia de raias sobre batoideos, pero non podemos porque raias corresponde mellor a unha orde concreta destes). Coincido contigo en que quenlla, como sinónimo de tiburón, é unha escolla desafortunada e, ademais, dá lugar a confusión, pero é certo que non lle podemos emendar a plana á RAG. Propóñoche unha redacción no encabezado de tiburóns algo así como: "... coñecidos popularmente como tiburóns, escualos ou, de forma extensiva, quenllas". Escualos e selaquimorfos redirixirían a tiburóns (e como moito tamén quenllas, pl), e quenlla (sing) tería o seu propio artigo como Prionace glauca; a opción quenlla (stricto senso) non me gusta nadita. Neste artigo deberías explicar que, segundo o DRAG, designa tamén a calquera tiburón. E así, todo resolto (creo). Xa me contarás. Pedro --Lameiro (conversa) 18:58, 10 de novembro de 2012 (UTC)
    • Paréceme ben a túa opinión, Lameiro, sobre manter o título de Tiburóns; é o máis coñecido e, desde hai poucos anos, ademais, normativo. Canto ao encabezamento, propoño dicir: "Os tiburóns, escualos ou quenllas, constitúen a superorde dos selaquimorfos (Selachimorpha)... etc." O "e de forma extensiva tamén quenllas", en cambio, non me parece ben, porque, aínda que non estea de acordo nisto (como noutras moitas cousas) coa RAG, respéctoa e acato as súas decisións, gústenme ou non; e o que fai a Academia non é considerar quenllas como nome extensivo dos tiburóns (pl.), senón quenlla como sinónimo de tiburón (creo que é a única perosa xurídica ou física que tal cousa fai, pero é a Academia). E polo que respecta ao artigo quenlla (stricto sensu) non é tan só que sexa bastante rarito: era con un pouco de mala leche para chamar a túa atención. Xa ves que aínda non o empecei: estou esperando a que suprimiras a redirección Quenlla → Tiburóns (porque tampouco é usual na Galipedia encabezalo, como en castelán, co nome científico).
Outro tema: tampouco hai inconveniente en que lle cambies no título a Batoideos polo de Raias. Aínda que tes razón en dicir que as raias só son as raias propiamente ditas ou raias verdadeiras, é dicir as especies da orde dos Rajiformes, outros membros do grupo tamén se coñecen como raias (p. ex. ás especies da orde dos Torpediniformes, as estrugas en moitos idomas chámanse o equivelente a raias eléctricas), e a páxina Batoidea en catalán é Rajada e en francés Raie. Só sería necesario facer un pequeno cambio no cabezallo indicando a diferenza entre o sentido amplo ou o restinxido (que me comprometo a facer).
Un cordial saúdo. Luís --XoioÉche o que hai 00:53, 11 de novembro de 2012 (UTC)

Arranxo táboa

[editar a fonte]

Solicito axuda: a ver se hai algún experto en táboas bonitas que poida arranxar as dúas táboas de Filoxenia, que quedaron mal, e reunilas nunha soa (Véxase o modelo da fr:wiki no artigo Requin). --XoioÉche o que hai 22:23, 11 de novembro de 2012 (UTC)


Ligazóns externas modificadas (agosto 2018)

[editar a fonte]

Ola compañeiros editores,

Acabo de modificar 4 ligazóns externas en Tiburóns. Por favor tomádevos un momento para revisar a miña edición. Se tedes calquera pregunta, ou precisades que o bot ignore ben estas ligazóns ou ben a páxina por completo, por favor visitade este FAQ para máis información. Fixen os seguintes cambios:

Por favor revisade o FAQ para máis información sobre cómo correxir erros do bot.

Saúdos.—InternetArchiveBot (Informar de erros) 28 de agosto de 2018 ás 04:37 (UTC)[responder]


Ligazóns externas modificadas (marzo 2019)

[editar a fonte]

Ola compañeiros editores,

Acabo de modificar 1 ligazóns externas en Tiburóns. Por favor tomádevos un momento para revisar a miña edición. Se tedes calquera pregunta, ou precisades que o bot ignore ben estas ligazóns ou ben a páxina por completo, por favor visitade este FAQ para máis información. Fixen os seguintes cambios:

Por favor revisade o FAQ para máis información sobre como corrixir erros do bot.

Saúdos.—InternetArchiveBot (Informar de erros) 30 de marzo de 2019 ás 14:28 (UTC)[responder]


Ligazóns externas modificadas (novembro 2019)

[editar a fonte]

Ola compañeiros editores,

Acabo de modificar 5 ligazóns externas en Tiburóns. Por favor tomádevos un momento para revisar a miña edición. Se tedes calquera pregunta, ou precisades que o bot ignore ben estas ligazóns ou ben a páxina por completo, por favor visitade este FAQ para máis información. Fixen os seguintes cambios:

Por favor revisade o FAQ para máis información sobre como corrixir erros do bot.

Saúdos.—InternetArchiveBot (Informar de erros) 24 de novembro de 2019 ás 18:03 (UTC)[responder]