Saltar ao contido

Craveiro da India

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Syzygium aromaticum»)

O craveiro[1] (Syzygium aromaticum) é unha árbore nativa das illas Molucas, na Indonesia. Dos seus gomos extráese o cravo empregado coma condimento.

Características

[editar | editar a fonte]

Actualmente é cultivado noutras partes do mundo, coma a illa de Madagascar e de Granada.

O botón da súa flor, seco, utilízase como especia desde a antigüidade, empregado en gastronomía e na preparación de menciñas. O seu aceite ten propiedades antisépticas, sendo bastante utilizado en odontoloxía. Era unha das especias máis valoradas, no mercado do inicio do século XVI un quilo de cravo equivalía a sete gramas de ouro.

Gastronomía

[editar | editar a fonte]

A flor do craveiro é usada como tempero desde a antigüidade: era unha das mercadorías, entre as especias da China, que motivaran innumerables viaxes de navegantes europeos para o continente asiático. Na China, os cravos usábanse non só coma condimento, senón tamén coma antiséptico bucal: calquera que tivese audiencia co emperador precisaba mascar cravos para previr o mal hálito. Os viaxantes árabes vendían cravos na Europa xa no Imperio Romano.

Os principais consumidores de cravo, no mundo, son os habitantes da Indonesia, responsable do consumo de máis do 50% da produción mundial. Mais o principal uso desta planta non é o gastronómico, senón a confección de cigarros aromatizados con craveiro, aló extremadamente populares, a punto de se afirmar que todo o país, en virtude deste hábito, parece estar perfumado co lene e característico aroma do cravo.

O contido total de aceite en cravos (de boa calidade) chega ao 15%. O aceite está composto, basicamente, por euxenol (do 70 ao 80%), acetato de euxenol (15%) e beta-cariofileno (do 5 ao 12%).

Este aceite úsase como materia prima na industria farmacéutica, cosmética e odontolóxica. Emprégase desde hai máis de 2.000 anos como planta medicinal. Os chineses crían no seu poder afrodisíaco. O aceite de cravo é un potente antiséptico. Os seus efectos medicinais comprenden o tratamento de náuseas, flatulencias, indixestión, diarrea, ten propiedades bactericidas e úsase tamén como anestésico e antiséptico para o alivio de dores de dentes. O Profesor Gary Elmer, Ph. D. do departamento de Química Médica da Escola de Farmacia da Universidade de Washington, en Seattle, salienta que "o euxenol realmente mata virus e bacterias".

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para craveiro.